Sabiades que un pontevedrés foi xeneral de Napoleón?

"A Grande Armée na retirada de Moscova", pintura de Adolphe Yvon Dominio Público

Chamábase Xoán de Kindelán e Oregón e deu a casualidade de que naceu na Boa Vila en 1755

Chamábase Xoán de Kindelán e Oregón e deu a casualidade de que naceu na Boa Vila en 1755. Nacía, como bo fillo de militar, alí onde o azar lle asignara destino ao seu pai, sen que os seus devanceiros e pantasmas tivesen moito que ver coa praza.

Recibiu bautismo na igrexa de San Bartolomeu, xusto o mesmo ano en que os xesuítas lle tiveron que engadir os contrafortes, os da hoxe Rúa dos Arcos, por causa do terríbel Terremoto de Lisboa, aquel que levou por diante o 85% dos edificios da capital lusa e cuxas ondas sísmicas se sentiron até en Finlandia.

Dise que un non é de onde nace, senón de onde pace, mais se lle preguntaran a Xoán de Kindelán, ti de onde ves sendo, diría, sen dúbida, nacín e medrei en Pontevedra, na Galicia, pero son irlandés, da Hibernia, conquistada, esmagallada, humillada, polos ingleses. O Demo os leve.

San Bartolomeu Novo de Pontevedra, cos contrafortes da Rúa dos Arcos © Davide Castelo

Sempre foi un tipo coherente. Sempre se obcecou na loita contra o Inglés

E isto, precisamente, é o que explicará as súas escollas na vida, porque aínda que nesa historiografía que se adica a facer patria o poidan cualificar de traidor, sempre foi un tipo coherente. Sempre se obcecou na loita contra o Inglés.

Tiña sangue irlandesa polos catro costados. E, daquela, iso viña aparellado coa rabia do eterno exiliado e co indignado fervor católico que xorde das feridas abertas polo inimigo anglicano protestante. 

Daquela o apelido O’Reagan transliterábase nos documentos moitas veces como Oregón

O seu pai, Vicente Kindelán Luttrell de Lubrellitorn, nacera en Castlerickard, castelo onde ficaron as torturadas pantasmas da familia, preto de Dublín. De alí marchou cos seus irmáns tras das derrotas xacobinas, pra servir nos exércitos dos inimigos da Pérfida Albión, tradicionalmente Francia e España. Casou en Barcelona con María Francisca O'Reagan e MacManus, catalá de berce mais de descendencia inconfundibelmente irlandesa. Daquela o apelido O’Reagan transliterábase nos documentos moitas veces como Oregón

Plano francés de Ceuta (1727), de Guillaume Danet. Dominio Público

En 1755, Vicente era comandante do II Batallón do Rexemento de Irlanda, que tiña entón o seu cuartel en Vigo, e xa levaba algún tempo establecido en Pontevedra

En 1755, Vicente era comandante do II Batallón do Rexemento de Irlanda, que tiña entón o seu cuartel en Vigo, e xa levaba algún tempo establecido en Pontevedra. Ao pouco de nacer Xoán, mandaron ao Rexemento a Ceuta, a defender a cidade norteafricana dos ataques marroquís do sultán Abdalá IV. Mentres estivo alí a familia, entre 1756 e 1759, tiveron outro fillo varón, o derradeiro de tres, ao que chamaron Sebastián, santo protector de Pontevedra. Agarimosa testemuña do seu enraizamento na Boa Vila. 

O pequeno Xoán, naquel entorno marcadamente marcial, xa era cadete de infantería con nove anos, no acuartelamento de Vigo

Pasada a crise, retornou a aquel lugar que o adoptara, e os seus destinos seguiron sendo maiormente en Galicia ou a carón dela. Foi ascendido a brigadier e morreu sendo gobernador militar de Zamora.

O pequeno Xoán, naquel entorno marcadamente marcial, xa era cadete de infantería con nove anos, no acuartelamento de Vigo. Subtenente con once e tenente con catorce. Logo mandárono a estudar unha tempada na prestixiosa Escola Real Militar da Sorèze, non lonxe de Toulouse. Retornado ás Rías Baixas, acadou axiña o rango de capitán graduado no I Batallón do Rexemento de Irlanda, con dezanove.

Aos vinte e sete casou coa luguesa María Xosefa de Meneses e Losada, filla dos señores de Tor, da Torre-forte da Candaira, do Couto de San Miguel de Navea, dos Pazos de Trabanzos, de Agüil, do Hospital de Quiroga, etcétera, etcétera.

Torre-forte da Candaira, no Saviñao, Lugo CC-BY-SA Loischantada

Andou poñendo en práctica o oficio familiar nas defensas de Orán e Ceuta, combateu á Francia revolucionaria na Guerra do Rosellón, onde foi ferido, e logo foi enviado a Canarias pra se facer cargo da súa guarnición. En 1802, con corenta e sete, tras de moito distinguirse, xa era mariscal de campo

Tería tres fillos con ela, sendo o máis novo o único que nos interesará cando fagamos epílogo da vida de Xoán de Kindelán e Oregón: bautizárono Xosé. Xosé de Kindelán e Meneses. Ao final veredes da súa importancia. Ía nacer en Galicia, pero fíxoo finalmente en Zamora, a onde se desprazaran Xoán e María Xosefa por causa do pasamento do avó Vicente.

Se fósemos precisos, en realidade o nome de pía deste fillo era Xosé María do Tránsito Antonio Francisco de Asís Lorenzo Raimundo Xavier Vicente Ferrer Domingo de Guzmán. Sen máis etcéteras, a Deus grazas. O exacerbado e moi irlandés catolicismo anti-anglicano do que antes falaba, feito carne.

O pai tampouco era só Xoán, pero pró que nos interesa ímolo deixar así. Sigamos con el, porque a partires de 1789, cando contaba uns trinta e catro, viñeron tempos movidos. Andou poñendo en práctica o oficio familiar nas defensas de Orán e Ceuta, combateu á Francia revolucionaria na Guerra do Rosellón, onde foi ferido, e logo foi enviado a Canarias pra se facer cargo da súa guarnición. En 1802, con corenta e sete, tras de moito distinguirse, xa era mariscal de campo.

"Napoleón como Primeiro Cónsul", de Antoine-Jean Gros (1802) e "Retrato de María Luísa de Borbón", de François-Xavier Fabre (1801) Dominio Público

Cando en París Napoleón xa se declarara emperador, foi asignado como segundo a unha división de 6.000 homes con destino a Italia. Era 1806, e a misión fundábase en soster na rexencia do Reino de Etruria

Enviuvou nesas datas e, despois dun tempo, volveu casar cunha sobriña. Cando en París Napoleón xa se declarara emperador, foi asignado como segundo a unha división de 6.000 homes con destino a Italia e mandada por outro hispano-irlandés, amigo do colexio da Sorèze e doutras campañas, Gonzalo O'Farrill. Era 1806, e a misión fundábase en soster na rexencia do Reino de Etruria, antiga Toscana, á irmá do futuro Fernando VII, a infanta María Luísa de Borbón. Era o comezo da aventura que enleou a Xoán de Kindelán -cincuenta e un anos cumpridos e unha folla de servizos impecábel- nas lerias de dominio europeo do xenio corso.

A Etruria era un estado monicreque de Napoleón e acordárase poñer alí de raíña e señora á infanta española xunto có seu marido Borbón-Parma, que axiña finou. En troques Francia ficaría coa Luisiana española, cen veces maior en superficie. Ese territorio que hoxe veñen sendo os estados de Louisiana, Arkansas, Oklahoma, Kansas, Missouri, Nebraska, Iowa, Montana, Wyoming, Dakota do Sur e a maior parte de Minnesota, Colorado e Dakota do Norte, con algún que outro etcétera no Canadá, Texas e Novo México. O acordo fixérase cando Bonaparte aínda era cónsul. Sen moito matinar, vendeulla a carreiras aos EE. UU., enchendo os petos de bo cash americano prós seus proxectos futuros.

“Os Borbóns cambian un imperio por unha provincia”, dito que se atribúe a Napoleón. Proxección da Luisiana española sobor dun mapa actual © William Morris

A Etruria era un estado monicreque de Napoleón e acordárase poñer alí de raíña e señora á infanta española xunto có seu marido Borbón-Parma, que axiña finou. En troques Francia ficaría coa Luisiana española, cen veces maior en superficie

Pola súa banda, a infanta María Luísa reinaría na Toscana só seis anos. Visto en perspectiva e dito suavemente, un mal negocio prá coroa hispana. Se é o peor da Historia non o sei, pero debera estar na listaxe. Fixérono os Borbóns ás costas dos seus ministros e asesores, pola súa conta e risco, e nótase.

Co amparo das tropas de O’Farrill e Kindelán enviadas polo seu paiciño, a María Luísa deulle un aluamento e restituíu o absolutismo no seu miúdo reino, dun día pró outro, e deu acubillo a inimigos de Napoleón, sobor de todo ingleses. Ao emperador, que todo o tiña calculado, serviulle pra alegar que España rompera os Tratados de San Ildefonso de 1796, xugo que a obrigaba a ter unha política militar común con Francia en canto á hostilidade fronte á Gran Bretaña. O emperador deulle a pancada á desconsolada Borbona, segundo estipulaba outro tratado, o de Fontainebleau, e O’Farrill escoltou os seu choros de volta a Madrid en 1807. Xoán de Kindelán quedou termando da forza toscana.

E, aínda como compensación pola grave falta da infanta, Bonaparte esixiu ao seu proxenitor unha forza expedicionaria hispana que apoiase os esforzos da Grande Armée napoleónica en Europa contra de Inglaterra. Chamouse a División do Norte, dotouse inicialmente de preto de 9.000 homes e designouse ao marqués de La Romana prá liderar. A Kindelán ordenáronlle integrarse nela, coa tropa etruria, sendo doutra volta segundo ao mando. Había pensar que por fin ía ter ocasión de enfrontar ao vello inimigo britano.

A forza expedicionaria española, xa reunida, chegou cun total de 15.000 homes ao devandito Norte, Hamburgo e Hannover, no inverno de 1807, quedando supeditada á inspección do supremo mariscal Bernadotte, iniciador da estirpe reinante hoxe en Suecia, aínda que naquel intre o país escandinavo fose aliado da Gran Bretaña.

Gravuras do mariscal Jean-Baptiste Bernadotte e do asedio de Stralsund no 1807 Dominio Público

Bonaparte esixiu ao seu proxenitor unha forza expedicionaria hispana que apoiase os esforzos da Grande Armée napoleónica en Europa contra de Inglaterra. Chamouse a División do Norte, dotouse inicialmente de preto de 9.000 homes e designouse ao marqués de La Romana prá liderar. A Kindelán ordenáronlle integrarse nela

A División comezou tomando parte no asedio da praza forte sueca de Stralsund, na actual Pomerania alemá. Tras diso, acuartelaron aos españois en diferentes puntos de Dinamarca pra previr desembarcos ingleses e asegurar o bloqueo continental que debía esganar o seu comercio marítimo. A Kindelán, polos seus méritos en Stralsund, ascendérono e outorgáronlle a distinción da Lexión de Honra gala.

De xeito tardío, pola censura do correo por parte de Bernadotte, no verán de 1808 chegaron a Xutlandia novas do que estaba a acontecer en España. Co gallo de pasar a Portugal, Napoleón obrigara aos Borbóns a abdicar na Baiona vasca e impuxera como monarca ao seu irmán, Xosé Bonaparte.

Logo a España invadida por aquel subterfuxio erguérase o 2 de maio contra do Francés. Cando La Romana verificou as informacións, acudiu deseguido e caladamente aos ingleses, até onte inimigos. Púxose á súa enteira disposición e pediulles axuda pra repatriar aos seus homes

“Xuramento das tropas do marqués de La Romana”, pintura de Manuel Castellano Dominio Público

Nesa conxuntura, Xoán de Kindelán houbo decidir, se unirse ao complot de La Romana ou ficar con Napoleón. E, indubidabelmente, foi a decisión que cambiou o rumbo da súa vida. El servía ao rei de España e se Deus decidira que o rei era agora Xosé Bonaparte por abdicación do anterior, había que acatalo

Nesa conxuntura, Xoán de Kindelán houbo decidir, se unirse ao complot de La Romana ou ficar con Napoleón. E, indubidabelmente, foi a decisión que cambiou o rumbo da súa vida. Porén, non lle debeu ser complicada.

El servía ao rei de España e se Deus decidira que o rei era agora Xosé Bonaparte por abdicación do anterior, había que acatalo. As cousas de palacio, xa fosen usurpacións trapalleiras ou xogos de tronos, non era algo no que debesen fedellar os militares de profesión. Washington ou Napoleón? Exemplos anómalos, moderneces. 

Algo diso debeu dicir en público pra se xustificar. A realidade, que non podía verbalizar, era a que dotaba de sentido a súa propia existencia, e berraba con palabras de chumbo: ao Inglés, nin auga. Os exiliados irlandeses estaban no oficio das armas, pais, fillos, netos e bisnetos, pra combater ao ancestral invasor, non pra escoller bando político. Tales bandos eran volúbeis e o obxectivo deles constante, fixo. Vingar e liberar Irlanda, aínda que xa non fosen plenamente irlandeses nin tivesen pensado retornar. O novo rei era tamén católico e aseguráballe continuar no bando oposto á Gran Bretaña. Pois xa estaba. Era a escolla correcta e a charangada de La Romana tiña moito de honorábel, pero semelláballe traizón. A peor de todas. Suplicar axuda a Inglaterra.

Ou sexa, resumindo, que nunca, baixo ningún concepto, así caese o mundo, así o metesen nun forno ardente, así o arrastrasen do rabo dun cabalo, así o esfolasen, así o lapidasen, etcétera, etcétera, se ía pasar ao Inglés. Nin morto. E punto.

A pesares da súa determinación persoal, Xoán era quen de entender a La Romana, do mesmo xeito que o marqués o entendía a el. Kindelán non o foi denunciar ante os franceses, nin moito menos. Cubriuno, participou no artello do engano, enviou con diversos pretextos aos homes baixo o seu directo mando a Nyborg, na illa de Fionia, punto de fuxida pactado, e prometeulle en múltiples misivas que miraría polos que non puidesen embarcar. E que se Napoleón lle permitía seguir ao seu servizo, endexamais enfrontaría unidades españolas. Que preferiría a guillotina antes que facelo.

“Embarque das tropas do marqués de La Romana”, pintura de Juan Rodríguez Jiménez, o Panadeiro Dominio Público

A Xoán de Kindelán e á maioría de altos oficiais deixáronos ceibos tras volver xurar formalmente lealdade a Pepe Botella. Axiña, pra sacar da lea aos seus homes, propuxo organizar un novo rexemento español, procurando voluntarios entre os presos

La Romana puido subir aos buques británicos cuns 9.200 homes e coller deseguido cara España. Era o maior rescate naval até a data. Kindelán e uns poucos oficiais da súa mesma idea permaneceron nos cuarteis. Amais deles, quedaron en terra ao pé de 6.000 homes da División. A inmensa maioría proviñan de dous rexementos, Asturias e Guadalaxara, que se ergueran contra as autoridades locais días antes da saída e foran desarmados. Estaban na illa de Seeland (a de Copenhague) e non houbo medio de cruzar a Fionia. Logo sumábanse 130 soldados que Bernadotte tiña na súa garda persoal e non foran informados. E, finalmente, o pequeno rexemento de cabalería do Algarve, duns 540 homes, que fora capturado torpemente ao tentar embarcar pra Nyborg. Foron os seus mandos os que, desesperanzados, se foron da lingua e delataron a La Romana, aínda sen que os franceses puidesen reaccionar.

Na historiografía hispana do século XIX insistiron con teimosía, sen fontes nin probas, en que o delator fora Kindelán, polo simple feito de que calquera afrancesado tiña que ser o mesmo Demo do Inferno, causante por defecto de todo mali

Estes españois foron apresados e levados a campos de detención en Francia, no outono de 1808. A Xoán de Kindelán e á maioría de altos oficiais deixáronos ceibos tras volver xurar formalmente lealdade a Pepe Botella. Axiña, pra sacar da lea aos seus homes, propuxo organizar un novo rexemento español, procurando voluntarios entre os presos. A maioría aceptaron remisos, só por coidar que igual era un camiño pra volver á casa. O Rexemento quedou con 5.000 homes, divididos en cinco batallóns, un deles de reserva. Púxoselle o nome de Xosé Bonaparte.

Debuxos á acuarela dalgúns uniformes do Rexemento Xosé Bonaparte, de Henri Boisselier Dominio Público

Déuselle o mando do Xosé Bonaparte de 1809 a 1812, sendo ascendido por Napoleón primeiro a coronel de rexemento e despois a xeneral de división

Kindelán teimou en que se puxese por escrito que ao Rexemento nunca o mandarían loitar contra de españois, xa fosen militares ou civís, e que debía herdar a misión orixinal de combater ao Inglés. No individual, pola súa lealdade, pediu que se garantise a integridade das propiedades da familia da súa defunta dona en Galicia. Acordado iso de xeito máis ou menos legal, déuselle o mando do Xosé Bonaparte de 1809 a 1812, sendo ascendido por Napoleón primeiro a coronel de rexemento e despois a xeneral de división.

Nese lapso de tempo, o Rexemento foi destinado a tarefas secundarias, lonxe da acción, de fortificación e guarnición, sobor de todo en Holanda, Bélxica e Dalmacia. Bonaparte non confiaba, e con razón, na lealdade de Kindelán. Demasiado católico, pouco amigo das ideas da revolución e a carón de Francia só por enfrontar a Inglaterra. E aínda menos confiaba nos seus homes, coñecendo que foran forzados a aquel destino polas circunstancias. Era sabedor de que se os destinaba á Península, desertarían.

Napoleón visita Utrecht en 1811, pra pasar revista ao Rexemento Xosé Bonaparte. Gravura da época Dominio Público

A principios de 1812 e despois de tres anos de ostracismo subalterno, notificóuselle ao xeneral Xoán de Kindelán que, ao fin, o seu Rexemento ía entrar en combate. A alegría inicial esvaeuse cando lle detallaron que non ía ser contra da Pérfida Albión. O obxectivo era Rusia

A principios de 1812 e despois de tres anos de ostracismo subalterno, notificóuselle ao xeneral Xoán de Kindelán que, ao fin, o seu Rexemento ía entrar en combate. A alegría inicial esvaeuse cando lle detallaron que non ía ser contra da Pérfida Albión. O obxectivo era Rusia. Pra invadila, Napoleón estaba a construír unha forza bélica nunca antes vista. Esquecera as suspicacias cara a Kindelán e os españois por pura necesidade loxística.

Xoán, con cincuenta e seis anos e unha reuma que case o incapacitaba, deixou de crer. O axuste de contas non se ía producir nunca. Irlanda seguiría asoballada polos ingleses. E España polos franceses. Sentiuse avergoñado e enganado. Neses anos xa se decatara de que o que estaba a acontecer na Península era terríbel e que La Romana, entón xa falecido, non se trabucara. Non quixo ser refén de Bonaparte por máis tempo.

Alegou motivos de saúde e pediu o relevo. O emperador confirmou aí que Kindelán non era de fiar. Que ningún español o era. Polo que non promocionou a un dos seus xefes de batallón pra substituílo, como era o usual. Puxo a un xeneral suízo de fóra ao cargo do Rexemento hispano.

O fillo de Xoán, aquel Xosé e moitos etcéteras nado en Zamora do que falaramos, comandaba con vinte e cinco anos un daqueles batallóns. Vista a aldraxe helvética e compartindo as reflexións do pai, preferiu pedir traslado ao corpo de reserva, en Bélxica, antes que procurar gloria e ascensos en Rusia.

E o Rexemento, sen Kindeláns pero con bastantes hispano-irlandeses, foi levado sen remisión ao xeado matadoiro da inabarcábel chaira rusa. Pasaron as de Caín. Até Moscova, todo semellaba ir ben. Participaron na vitoria de Shevardino, de Mozhaisk, e na incerta batalla de Borodinó. Foron dos primeiros en entrar na capital rusa. Pero, tras do incendio da cidade, sufriron, en retirada, ao terríbel Xeneral Inverno ruso, que os desfixo. Tiveron que comer aos cabalos e ir a pé. A norma era a hipotermia e a conxelación das extremidades. O tifus. Aos capturados desertando, fusilábanos.

“A Grande Armée atravesa Vilnius en retirada”, pintura de Jan Krzysztof Damel. Dominio Público

Entre desercións, fusilamentos e baixas en combate, calcúlase que o Rexemento español perdeu máis do 98% dos efectivos. Tornaron menos de 70 homes. Rematada a hecatombe, pedíuselle a Xoán de Kindelán que recrutase unha nova leva entre prisioneiros españois. Antes que facer tal, solicitou inmediato retiro do servizo activo e pasou á reserva

O Xosé Napoleón foi designado pra cubrir a retirada. Combateron como puideron en Maloyaroslávets, en Vyazma, en Fedorovskoye, en Krasnoi, no cruce do Berézina, en Borisov, etcétera, etcétera, unha chea de mortais etcéteras. En Vilnius, un xefe de batallón que elixira Kindelán pasouse aos rusos con tódolos seus homes. Era Alexandre O’Donnell, tío de Leopoldo, o que despois sería primeiro presidente de España de ascendencia irlandesa.

Entre desercións, fusilamentos e baixas en combate, calcúlase que o Rexemento español perdeu máis do 98% dos efectivos. Tornaron menos de 70 homes.

Rematada a hecatombe, pedíuselle a Xoán de Kindelán que recrutase unha nova leva entre prisioneiros españois. Antes que facer tal, solicitou inmediato retiro do servizo activo e pasou á reserva. Sentou a ver a caída de Napoleón.

“A retirada de Napoleón de Rusia”, pintura de Adolph Northen Dominio Público

Fernando VII volveu sentar no trono de España. O Borbón prohibiu a calquera militar con grao superior a tenente o retorno. Xoán de Kindelán non puido nunca, pois, volver a España, á Pontevedra e ao Vigo da súa infancia e xuventude

Cando o carretaron a Santa Helena, Fernando VII volveu sentar no trono de España. O Borbón prohibiu a calquera militar con grao superior a tenente o retorno. Xoán de Kindelán non puido nunca, pois, volver a España, á Pontevedra e ao Vigo da súa infancia e xuventude.

O réxime francés postnapoleónico acordou darlle unha mísera metade da pensión aos veteranos estranxeiros. De se nacionalizar terían dereito á contía plena. Polo que se naturalizou francés en 1817. Así é que a Xoán de Kindelán e Oregón o veredes citado na historiografía francesa coma Jean ou Jean-Ambroise de Kindelan.

Morreu de alí ao pouco, de doenza fulminante, en 1822, case con sesenta e sete anosii. Foi soterrado no célebre cemiterio parisino do Père-Lachaise, e alí descansa, xunto a Molière, Jean de La Fontaine ou Pedro Abelardo. E xunto a Gonzalo O’Farrill, o seu xefe na expedición a Etruria, que despois tamén sinalaron como afrancesado.

E toca o epílogo anunciado, o do seu fillo Xosé e moitos etcéteras. Tamén nacera e fixera vida en España até os vinte e, por rango e feitos, tampouco puidera tornar. Naturalizouse e deron en lle dicir Joseph. Un ano despois de dar sepultura ao seu pai, acadou o que el non puido.

O pronunciamento de Del Riego abolira o absolutismo en España, imposto polo retrógrado Fernando VII. E os que venceran a Napoleón non podían permitir máis arranques revolucionarios. Mandaron aos Cen Mil Fillos de San Luís. Nese continxente viña o 40º Rexemento de Infantería, mandado polo coronel Joseph de Kindelan

O pronunciamento de Del Riego abolira o absolutismo en España, imposto polo retrógrado Fernando VII. E os que venceran a Napoleón non podían permitir máis arranques revolucionarios. Mandaron aos Cen Mil Fillos de San Luís. Nese continxente viña o 40º Rexemento de Infantería, mandado polo coronel Joseph de Kindelan. Pediu especificamente ese destino ao saber da expedición. Participou no asedio de Pamplona e na toma de Lleida. Logo estivo acuartelado en Figueras, Girona, até 1826. Aproveitou os permisos pra visitar, en varias ocasións, á familia luguesa da súa nai, e poida que tamén Pontevedra e Vigo.

Fíxolle o favor a Fernando VII pra amosar que os Kindelán non foran traidores senón vítimas dunha época complexa, e tras restaurar a honra familiar, en 1827 volveuse pra Francia. Alí formara a súa familia e alí tiña a súa carreira. Déronlle o título de Barón de Kindelan, un etcétera máis no seu longo nome, polos méritos cos Cen Mil Fillos.

Retrato do coronel Joseph de Kindelan en Cádiz (1823), óleo de Vicente Rodés Aries. Dominio Público

Aquel que deu bombo ao apelido, “esoutro” Kindelán, foi o seu bisneto, Alfredo de Kindelán e Duany, fundador do Exército do Aire español e despois foi xefe da forza aérea de Franco, do bando nacional, na Guerra Civil do 36. Mando superior da terríbel Lexión Cóndor

E este texto, tamén longo de máis (síntoo!), aínda precisa así mesmo dun etcétera

Un premio á afouteza dos que fosen quen de ler até aquí e se viñan preguntando: Kindelán? Kindelán? De que me soa ese apelido? Non terá que ver con “esoutro” Kindelán?

Ten, si. Vaiamos ao principio. Lembrades a Sebastián, o irmán de Xoán que nacera na Ceuta sitiada e que honraba á Boa Vila co seu nome?

Pois tivo menos sobresaltos vitais, grazas a que entrou no grupo de militares de ascendencia irlandesa que aceptaron un cobizado posto nas Américas. Todos foran, cando menos, tentados con aquelas ofertas, pra afastalos da Península ao pouco de estalar a Revolución francesa. Porque xa se ventaba que igual tocaba facerse amigo de Reino Unido e que iso podería supoñer un grave problema con eles. Xoán rexeitara esas prebendas co devezo de enfrontar ao Inglés. Outros que si as colleron foron, por exemplo, Xoán O'Donojú ou Ambrosio O'Higgins, que despois tiveron que ver, directa ou indirectamente, coa independencia de México e Chile.

Sebastián foi gobernador de Florida, Santo Domingo e Cuba. Nesta illa o apelido Kindelán é aínda bastante popular.

E aquel que deu bombo ao apelido, “esoutro” Kindelán, foi o seu bisneto, Alfredo de Kindelán e Duany, nado na Cuba española pouco antes que deixase de selo. Militar, por suposto. Poida que estas liñaxes hispano-irlandesas vaian estar vencelladas á milicia até a fin dos tempos. Alfredo ía ser o fundador do Exército do Aire español e despois -cousa xa máis lóbrega, aínda que tirando a lóxica agora que sabemos algo do ideario e tradición familiar- foi xefe da forza aérea de Franco, do bando nacional, na Guerra Civil do 36. Mando superior da terríbel Lexión Cóndor.

Retrato do xeneral Alfredo Kindelán e Duany en 1940 Dominio Público

Era moi católico e profundamente monárquico. Pouca sorpresa aquí. O caso é que a falanxistas e derivados non os tiña en moita estima. A súa idea era restaurar a Afonso XIII tras da vitoria, pensaba que iso era o pactado co ferrolán. Polo que non estivo de acordo coa ditadura subsecuente, deu en apoiar aos aliados na Guerra Mundial

Era moi católico e profundamente monárquico. Pouca sorpresa aquí. O caso é que a falanxistas e derivados non os tiña en moita estima. A súa idea era restaurar a Afonso XIII tras da vitoria, pensaba que iso era o pactado co ferrolán. Polo que non estivo de acordo coa ditadura subsecuente, deu en apoiar aos aliados na Guerra Mundial, que lle fixeron chegar unha boa suma, e enfrontouse abertamente a Franco, ao que mesmo ameazou con derrocar. Axiña foi apartado dos cadros de mando e exiliado a postos afastados das capitais. Nesa relegación morreu. Interésanos máis que nada polo feito de que os Kindeláns tamén foran protagonistas noutra das brutais e sanguentas esgazaduras secuenciais deste país, nunha que aínda non pechou de todo. 

Polo demais, este si fixo o que non fixera Xoán de Kindelán e Oregón, meterse de cabeza no xogo de tronos. Quizabes tendo esa pantasma, ese devanceiro, no maxín. A vergonza do afrancesado traidor á patria pesando sobor do apelido, por aquilo de non ter ido co marqués de La Romana. Foi mellor a súa escolla ca de Xoán? Aí, xa sabemos, hai moitos, demasiados e perigosos etcéteras a valorar. 

O que si podemos concluír, tras deste extenso repaso, é que foi esa morea de lamacentos etcéteras a que deu substancia á obcecada e vehemente sangue irlandesa dos Kindelán. Fervente de ira pola Hibernia, conquistada, esmagallada, humillada, polos ingleses. O Demo os leve.

O meu nome é Íñigo Montoya. Ti mataches ao meu pai. Prepárate a morrer. Algo así tería resumido á perfección a súa obstinación. Mágoa non terme decatado antes. Teríavos aforrado moitas palabras.

 

Notas

i Dempsey, Guy C.: Napoleon’s Mercenaries: Foreign Units of the French Army Under the Consulate and Empire, 1799 to 1814. Greenhill Books, 2002. Dempsey prestou máis atención ás fontes primarias que aos clixés mil veces repetidos, pra eximir a Kindelán do sambenito.

ii Por máis que andei á procura dun retrato de Xoán de Kindelán, non houbo xeito de atopalo. Ao ser unha figura tradicionalmente denigrada pola historiografía, é comprensíbel que fique na escuridade tamén no relativo ao seu aspecto físico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.