Sandra, Elba e Elena

CC-BY-SA Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo

Simplemente para deixar constancia, agora que a urxencia da democracia institucionalizada varreu coas vítimas para a cámara, coma a froita fóra de estación, do manifesto que un grupo de veciñas e veciños da parroquia de San Mamede de Urrós, Allariz, autoconvocadas e sen a presenza de autoridades, leu o pasado día 19 de setembro en memoria de Sandra, Alba e Elena, e de todas as mulleres mortas ou maltratadas pola violencia machista:

“Para quen gusta das estatísticas, corenta e dúas mulleres foron asasinadas no que levamos de 2019 (243 días). Para @s demais, para quen nos preocupamos das vidas, dannos igual os números. Unha soa é demasiado. Detrás de cada unha hai familias destrozadas, pais, fillas, amigas e amigos… Detrás de cada unha hai un drama que multiplica as vítimas máis aló do imaxinable.

Está claro que as condenas non son suficientes; está claro que as penas non se cumpren e que os protocolos fallan, pero tamén falla a educación de base. Quizais teñamos que comezar por aí, educando os fillos ben. Facéndoos independentes, pero non submisos; fortes, pero non tiranos. Será o único xeito de que isto remate e que desapareza esta tortura persoal e social.

Os asasinatos machistas non son loucura, son control. Control da vida das mulleres, dos nosos desexos, do noso tempo. Nós non temos valor como suxeitos para os machistas porque non somos máis que un instrumento ao servizo dos desexos masculinos, do patriarcado e do mercado, tres patas que fan das nósas vidas prescindibles. Somos propiedade privada que se pode vender, mudar, usar, manipular e explotar. Podemos ser agredidas, violadas e asasinadas, porque se encargou moi ben o sistema de sinalarnos e atopar adxectivos adecuados para xustificar os seus actos criminais: somos malas, somos putas, provocadoras, malas nais, malas mulleres, malas fillas… Calquera escusa serve para xustificar asasinarnos.

Política, mercado, publicidade, prensa, TV, películas, novelas, xeran un imaxinario de posesión e de dominación do home sobre a muller que fai que calquera de nós poidamos ser aquelas nas que se materialice a supremacía masculina hexemónica dominante nas casas, na vida dos pobos, no traballo… Todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, son cómplices de cada asasinato.

Estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista coma problema social e político de extrema gravidade. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis nunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista.

Sandra, Alba e Elena, as nosas irmás de Valga, morreron diante de dous nenos que tamén son vítimas desa violencia. Viron como seu pai remataba coa vida da súa nai, tía e avoa e, en certo modo, coa súa propia tamén. Non podemos permanecer caladas, non podemos consentilo máis. Non é só un claro problema de machismo patriarcal, é unha lacra, un problema social que nos afecta a todos, que está desestruturando a nosa sociedade e destruíndo a convivencia. Dende as rúas, dende os xulgados, levantemos a voz ben alta para pedir xustiza e dicir NON á violencia de xénero.

Estamos na rúa porque é urxente que dunha vez por todas se faga unha cobertura dos feminicidios con perspectiva de xénero, que se abran discusións sobre o machismo e a violencia de xénero nas escolas, porque é preciso que se aborden dende idades temperás estes temas, que se combatan os estereotipos, que se cuestione o poder machista, as relacións machistas, a violencia machista. Que se fale das opresións que sofren as mulleres, do medo, dos privilexios de xénero en todos os foros: escolas, asociacións de pais, asociacións de mulleres, de veciños…

Esiximos que a lei galega de violencia de xénero sexa efectiva. Esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Querémolas libres e querémolas vivas!”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.