Saúde mental: Movemos os marcos?

Dominio Público rawpixel

Se temos a un 25 % da mocidade que require atención psiquiátrica, igual chegou o momento de mover os marcos e deixar de mirar para o dedo cando nos sinalan a lúa, porque seguir facendo o mesmo de sempre non funciona

Cada ano, setembro chega traendo a sensación dun novo comezo: Rematan as vacacións, retómanse as rutinas, reabren os centros educativos e as cidades recuperan o seu ritmo. Porén, setembro tamén pode ser un momento axeitado para facer unha pausa e fixarse en algo que a miúdo permanece oculto: a saúde mental e a prevención do suicidio.

O 10 de setembro conmemórase o día mundial para a prevención do suicidio. Durante todo este mes aumentan as mensaxes e actos para visibilizar a saúde mental, romper estigmas e concienciar sobre a importancia da prevención. Se ledes algunhas das novas destes días: o Colexio de Psicoloxía demanda máis psicólogos, o Colexio de Traballo Social máis traballadores sociais, e así... todos os anos é o mesmo. 

Fan falta máis profesionais? Si, claramente, pero ao meu ver, non para seguir facendo o mesmo que ate agora. Se temos a un 25 % da mocidade que require atención psiquiátrica, igual chegou o momento de mover os marcos e deixar de mirar para o dedo cando nos sinalan a lúa, porque seguir facendo o mesmo de sempre non funciona.

Althusser (1965) criticaba que as técnicas psicolóxicas non eran senón técnicas de condicionamento, de adaptación, que basicamente o que tentan é axudar na negociación entre o individuo e a sociedade, atribuíndo o sufrimento a unha incapacidade individual, a unha eiva, a algún dano estrutural que fai ao individuo máis feble ante as esixencias do mundo, invisibilizando a natureza colectiva, grupal, de moitos deses malestares e sufrimentos que adoitan agora aparecer como síntomas «mentais». E se levamos demasiado tempo centrándonos no individuo e a chave está, como afirmaba Althusser no grupo, no social?

Desde a psiquiatría, a enfermería, a psicoloxía, o traballo social, etc., atender a un paciente ou a unha familia desde detrás dunha mesa cunha bata branca pode ser suficiente (e incluso esencial, ollo) para esa persoa ou esa familia, pero, non poderiamos facer algo máis polo conxunto da sociedade en xeral? Por esa sociedade que tamén mudou cos tempos, esa «sociedade líquida» da que fala Bauman nos seus libros.

Cómpre traballar con e desde a adolescencia, implicar nesto a toda a poboación, desde a infancia ata a terceira idade, volvendo a «infantilizar a infancia» como ten comentado o psicólogo Ricardo Fandiño, arriscando e apostando por outros xeitos de facer como fixo o psiquiatra Alexandre García Caballero traendo a Galicia o Programa YAM para prevención do suicidio na mocidade

Penso que cómpre esforzarse por deconstruír os modelos hexemónicos establecidos, por amosarse insuficientes e comezar a mover os marcos, tamén ideolóxicos, traballando desde o poder dos grupos, desde a implicación de toda a comunidade, para que as campañas específicas, os lemas como «non estás soa» deixen de soar a propaganda baleira para saír do paso do «día de...».

Cómpre traballar con e desde a adolescencia, implicar nesto a toda a poboación, desde a infancia ata a terceira idade, volvendo a «infantilizar a infancia» como ten comentado o psicólogo Ricardo Fandiño, arriscando e apostando por outros xeitos de facer como fixo o psiquiatra Alexandre García Caballero traendo a Galicia o Programa YAM para prevención do suicidio na mocidade, tendo como meta o traballo colectivo, as dinámicas e roles de grupo, o empoderamiento, etc. O que se leva facendo ata agora non funciona, por todo iso cómpre xa mudar os marcos, as estratexias, sensibilizar, previr, falar... 

O crecente individualismo da nosa sociedade está debilitando o tecido comunitario, priorizando o “eu” sobre o “nos”, o que acaba resultando en illamento social, perda do ben común, relacións interpersoais fragmentadas, baleiro emocional... Vivimos nunha sociedade atomizada onde a comunidade esvaece, transformando ao outro en competencia ou en ameaza para o pracer persoal, o que acaba provocando soidade e illamento, a pesar da conexión (inda que sexa ficticia, efémera...) que aportan as tecnoloxías, illándonos das estruturas colectivas. 

Cando se debilita o tecido comunitario e se privatizan os servizos públicos, a intervención social perde capacidade preventiva e convértese en xestión de riscos. Entón volvemos a patoloxizar o que tamén é social: a soidade, a pobreza relacional, a falta de redes, a exclusión residencial... 

O crecente individualismo da nosa sociedade está debilitando o tecido comunitario, priorizando o “eu” sobre o “nos”, o que acaba resultando en illamento social, perda do ben común, relacións interpersoais fragmentadas, baleiro emocional...

Por suposto que hai problemas individuais que requiren medidas individuais, enfermidades que requiren respostas asistenciais, pero tamén hai que mover os marcos e atreverse a pensar, a facer algo distinto para que os resultados non sexan sempre os mesmos: Se moito do sufrimento é social, as respostas non poden seguir sendo individuais, reatribuíndo a orixe do malestar ao individuo. A crenza de que cuestións como a soidade, o desemprego ou a vivenda son so individuais oculta a necesidade de solucións comunitarias e estruturais. 

Integrar o comunitario é unha condición para que a nosa saúde mental sexa sostible no tempo, pois as cifras son alarmantes: ansiedade, depresión, trastornos do sono, ideación suicida, etc. van en aumento e inda que son moitos os factores en xogo, a soidade é un dos comúns. É necesario mover os marcos e valorar alternativas como reconectar co comunitario, o que require ser mais consciente (ou superar) a narrativa individualista que nos atravesa a todas as persoas na actualidade, formando alianzas, cooperando e entendendo que a vida ten máis sentido cando a tecemos xuntos, en grupo, en comunidade, inda que saibamos, como dicía Séneca, que non loitamos para vencer ao mal, senón para que non triunfe, pois somos conscientes de que cuestións como o suicidio, son moi complexas de erradicar. 

Falar de suicidio é falar de sufrimento, pero tamén de prevención, de escoita e de comunidade. Pois, detrás de moitas situacións de desesperanza, hai persoas que, nalgún momento, puideron sentirse soas, incomprendidas ou atrapadas e sen saída

Falar de suicidio é falar de sufrimento, pero tamén de prevención, de escoita e de comunidade. Pois, detrás de moitas situacións de desesperanza, hai persoas que, nalgún momento, puideron sentirse soas, incomprendidas ou atrapadas e sen saída.

Vivimos nunha sociedade paradoxal. Nunca tivemos tantas formas de comunicarnos e, con todo, moitas persoas sofren unha profunda soidade non desexada. Podemos falar con alguén que está a miles de quilómetros de distancia, pero quizais non sabemos como se atopa o noso veciño de enfronte. Temos centos de contactos nos nosos teléfonos pero ao mesmo tempo, sentimos que non temos a quen chamar cando realmente o necesitamos. 

Hoxe en día, os e as adolescentes enfróntanse a desafíos que non sempre comprendemos: A presión académica, a precariedade laboral, o acceso á vivenda, as expectativas de éxito, a comparación constante nas redes sociais, o medo a non encaixar ou a sensación de ter que construír unha vida perfecta poden converterse nunha carga difícil de soportar. O suicidio segue sendo a principal causa de morte por factores externos en poboación moza. Porén, a soidade non entende de idades.

Hai persoas maiores que pasan días enteiros sen manter unha conversa significativa. A xubilación, ou a perda da parella, das amizades, da autonomía ou dun propósito vital, pode xerar un baleiro que non sempre recoñecemos. 

A prevención do suicidio non consiste só en intervir cando xorde unha crise. Trátase tamén de construír unha sociedade na que pedir axuda non sexa un sinal de debilidade, na que as persoas maiores non sexan invisibles, na que a mocidade poida falar sen medo a ser xulgada

Outro colectivo ao que debemos prestar especial atención é o dos homes, pois seguen representando a maioría de suicidios consumados. Estas cifras obrigan a preguntarnos canto dano seguen a causar certos modelos de masculinidade hexemónica que ensinan aos homes a gardar silencio, a evitar pedir axuda e a agochar a súa vulnerabilidade.

A prevención do suicidio non consiste só en intervir cando xorde unha crise. Trátase tamén de construír unha sociedade na que pedir axuda non sexa un sinal de debilidade, na que as persoas maiores non sexan invisibles, na que a mocidade poida falar sen medo a ser xulgada, na que os homes saiban que eles tamén teñen dereito a dicir: "Non podo máis".

Quizais a prevención comece por algo tan sinxelo -aínda que tan difícil- como preguntar de verdade: "Como estás?" e quedar para escoitar a resposta.

Este mes de setembro, en vez de falar só do suicidio, falemos da vida, dos motivos para vivir, das conexións, da compaña, da esperanza, dos espazos de reflexión colectiva, da importancia de que ninguén teña que afrontar o seu momento máis escuro en soidade. Porque estar conectado non debería significar simplemente estar en liña. Debería significar estar presente. E, ás veces, unha presenza pode salvar unha vida. Cambiemos a narrativa, conectémonos á vida!. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.