Saúde, un dereito limitado polo PP

Con este goberno podemos esquecer o artigo 1 da Lei Xeral de Sanidade, 14/1986, que di que “son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria todos os españois e estranxeiros que teñan establecida a súa residencia no territorio español”. O PP acabou coa universalización sanitaria, e con moitas outras políticas, co RD Lei 16/2012, de 20 de abril. O financiamento sanitario faise polos impostos (directos e indirectos) desde 1999, pero con esta nova norma introdúcese de novo a condición de asegurado (e beneficiario) para poder acceder á asistencia sanitaria, deixando fóra do sistema a quen gañe máis de cen mil euros, aos inmigrantes sen papeis e posiblemente irán aparecendo outros afectad@s ao aplicar a norma.

O financiamento sanitario faise polos impostos (directos e indirectos) desde 1999, pero con esta nova norma introdúcese de novo a condición de asegurado (e beneficiario) para poder acceder á asistencia sanitaria

Os criterios para considerar asegurada a unha persoa no RD Lei 16/2012 deixaban fóra do sistema a miles e miles de persoas. Tan escandaloso foi que o Ministerio corrixiu posteriormente os criterios no RD 1192/2012, de 3 de agosto, para deixar fóra claramente aos inmigrantes sen papeis e aos que a suma das bases liquidables do IRPF da máis de cen mil euros, permitindo de facto o acceso ao resto de residentes.

Finalmente en Galiza os inmigrantes sen papeis van ser atendidos, probablemente con múltiples problemas e trabas burocráticas, mediante o chamado programa galego de protección social da saúde pública da Consellaría de Sanidade. Esta é unha decisión, sen dúbida, moi influída polo escenario preelectoral e pola maioritaria crítica, ás veces declarada insubmisión, de profesionais e de organizacións científicas.

Feijoo xa destacou tamén na desactivación de tarxetas sanitarias en outubro pasado. Negou unha e outra vez a súa responsabilidade, mentindo reiteradamente tamén nisto. Botoulle a culpa ao INSS pero ao final non resistiu a presión política e cidadá

Rajoy é belixerante cos dereitos das persoas pero Feijoo adiantouse na obrigatoriedade de ter 183 días de residencia para poder recibir asistencia sanitaria. Utilizou un procedemento tan pouco democrático como a lei de orzamentos de 2012 para cambiar o artigo 4.1. da lei 8/2008 galega de saúde, que di “que o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e de cobertura universal garánteselles a todas as persoas que residan nos concellos desta comunidade autónoma”. 

Lembremos que Feijoo xa destacou tamén na desactivación de tarxetas sanitarias en outubro pasado. Negou unha e outra vez a súa responsabilidade, mentindo reiteradamente tamén nisto. Botoulle a culpa ao INSS pero ao final non resistiu a presión política e cidadá, cos medios de comunicación presentando a cotío múltiples persoas sen tarxeta, e viuse obrigado a activalas de novo cun código galego de asistencia sanitaria. Estas son as formas deste señor, sen debate, sen posibilidade de emendas, co discurso populista contra os inmigrantes, só reactivo ante a presión da rúa cando hai risco electoral.

A escusa destes cambios lexislativos foi o turismo sanitario. Seica viña xentío de todo o mundo a curar aquí os cancros ou a operarse de algo.

A escusa destes cambios lexislativos foi o turismo sanitario. A Ministra Mato tentou convencernos das bondades de recortarnos dereitos e de que os que nos opoñemos a esta lei somos uns inconscientes que non sabemos que o país non está para festas solidarias. Seica viña xentío de todo o mundo a curar aquí os cancros ou a operarse de algo. Como se non soubésemos ben os lugareños que non é tan doado conseguir a intervención de cataratas ou a prótese de cadeira ou dunha valvulopatía, por poñer algún exemplo de listas de espera indecentes. Xa non digamos un transplante como tamén se dixo polos PPopulares. 

Minten de novo! Pero quen se pode opoñer a que se lle cobre ás mutuas a asistencia causada polos accidentes de tráfico ou polos accidentes laborais ou que se lle facture ao National Health Service pola atención aos ingleses ou como non, aos usureiros alemás polas atencións que lles damos aquí? Ninguén! Iso está claro, pero para identificar aos morosos non era necesario toda esta cara montaxe administrativa nin deixar sen dereito á asistencia sanitaria a grupos de persoas.

No fondo do que estamos a falar é do modelo de sociedade. Que sucederá cando este grupo de cidadás excluídos do sistema sanitario público, financiado tamén cos seus impostos, reclamen que se lles desgrave o seu gasto sanitario privado?

A realidade é moi outra. No fondo do que estamos a falar é do modelo de sociedade. Que sucederá cando este grupo de cidadás excluídos do sistema sanitario público, financiado tamén cos seus impostos, reclamen que se lles desgrave o seu gasto sanitario privado?  E se se lles permite a desgravación fiscal aos que gañan máis de cen mil euros, que van pensar aqueles que xa agora teñen contratada unha mutualidade privada, aínda que non gañen esa cifra da exclusión, e xa piden agora tamén a desgravación. Rajoy iniciou o camiño dunha sanidade pública de beneficencia. Falta saber cando chegaremos. O mesmo fixeron en educación, por exemplo, co pago dos libros de texto e o uso de axudas, menores cada ano, para mercalos a quen ten unha renda escasa, ou tamén nos servizos de dependencia, privatizando os poucos servizos públicos existentes e ofrecendo uns raquíticos cheques asistenciais.

Os modelos están claros: A caridade (posible) fronte á redistribución da riqueza. Servizos privados para ricos e de beneficencia para pobres no lugar de acceso igual aos mesmos servizos para todos

Os modelos están claros: A caridade (posible) fronte á redistribución da riqueza. Servizos privados para ricos e de beneficencia para pobres no lugar de acceso igual aos mesmos servizos para todos, gratuítos no momento de uso e financiados progresivamente en función da renda.

O #21O non está en xogo se lle cobramos ou non aos europeos que usan o nosos servizos sanitarios. Decidiremos se profundamos na liña da desigualdade e solucións caritativas que nos ofrecen Feijoo e Rajoy ou se construímos unha sociedade libre, democrática, que prima ás persoas e busca reducir as enormes desigualdades sociais existentes. Non se debaten solucións técnicas para a crise senón cal vai ser a estratexia política de deseño da sociedade do futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.