Eu tiña pouco máis de vinte anos e cheguei a aquel estudio de radio a medio camiño entre a curiosidade, a fascinación e o tremor de pernas -non necesariamente por esta orde-. Non contaba con que o primeiro contacto de verdade co oficio do xornalismo fose poñéndolle cara á voz que durante tantos anos nos contara as noticias na casa á hora do xantar. Menos aínda con que me permitise contalas a min dende o micrófono do lado.
O carrusel das prácticas da facultade permitírame caer xunto con outra compañeira nos informativos de Radio Galicia da Cadena SER no verán de 2006, aquel no que Galicia ardeu como non se lembraba. Dende o minuto cero, a xefa incorporounos ao equipo e tratounos de compañeiros, poñendo nas nosas mans tarefas que escorrentaban a síndrome do impostor a golpe de boletín informativo. Mentres, dende a parede observábanos o premio Ondas concedido a aquela mesma redacción pola cobertura da catástrofe do Prestige.
O que ían ser tres meses de prácticas acabou sendo para min un período laboral bastante maior grazas ao torrente de confianza da mesma xefa, que nunca aforraba xenerosidade profesional. Mentres, un tiña a sensación de estar asistindo a unha privilexiada lección diaria de xornalismo -e de máis cousas-, desas que son as máis certeiras porque quen as imparte non o fai dende enriba do ombreiro, senón dende a praxe.
A xefa xubílase e véñenme á cabeza aqueles días de radio e tamén os que viñeron despois. Os consellos xenerosos e as portas abertas como cabeza e alma dun equipo excepcional. Tamén todas as ocasións nas que o aprendido de Aida Pena me segue servindo de guía
Leccións sobre como saír con extrema facilidade dos momentos apurados que son consubstanciais á radio, sobre a xerarquía das informacións, sobre como "onte" non existe no relato radiofónico, sobre o que é unha noticia "de non abrir", sobre distinguir entre o que seica nos importa aos xornalistas e o que é relevante para quen nos escoita. Ou sobre despachar unha queixa inxustificada chegada dende as altas esferas da política para protestar por unha información absolutamente certeira: "Se é verdade, por que me chamas?"
Pero tamén sobre como non ter vergoña ningunha en preguntar a un rapaz de vinte e poucos por algo que non sabes. Ou sobre defender o teu equipo cando é atacado. Ou sobre non encherse de ego malia ser figura clave no desenvolvemento de múltiplas xeracións do xornalismo galego e referencia de valores profesionais, rigor, humildade e compromiso xornalístico insubornable co progreso de Galicia. Nos tempos que outros investían en darse importancia nunha burbulla de xefes señores, ela estaba traballando e agasallando con primeiras veces a quen viñamos detrás.
Hoxe a xefa xubílase e a min véñenme á cabeza aqueles días de radio e tamén os que viñeron despois. Os consellos xenerosos e as portas abertas como cabeza e alma dun equipo excepcional. Tamén todas as ocasións nas que o aprendido de Aida Pena me segue servindo de guía. Grazas infinitas e boa vida, xefa.