Seguimos na batalla

CC-BY-NC-ND Galiza Contrainfo

Estas palabras vanse amoreando dende unha carraxe que a duras penas pode ser contida. Esta semana, con horas de diferenza, dúas mulleres foron asasinadas por dous machistas. Hai quen fala de mulleres falecidas. Hai quen utiliza o termo lacra, ese xeito de transmitir silenciosamente que isto é unha praga bíblica. Algo inevitable. Como se tiveramos que aprender a vivir cun contador terrorífico que xa superou as mil mortes. A 24 horas de ir manifestármonos en Verín, as xornalistas non paramos. Desta volta, alporizámonos. Alporizámonos porque nos medios de comunicación, as mulleres adoitan ser vítimas e case nunca heroínas. Porque se reforza esa idea enfermiza de que só hai dous tipo de muller: a que é santa e a que é puta. Alporizámonos por unha ausencia xeneralizada de perspectiva de xénero nos medios de comunicación, que seguen a invisibilizar ás mulleres todos os días.

Estamos alporizadas. Indignadas porque no ano 2020 a explotación sexual sexa unha fonte de ingresos publicitarios para a prensa. Porque nun reality que mudou de nome e de colar, pero segue a ser o mesmo can, seguiron gravando a unha muller logo de amosarlle como a violaban.

Esta rabia, esta forza non pode quedar nun berro iracundo, debe ser dirixida. Alporizámonos, abofé, pero esta xenreira ten que ser produtiva

Alporizámonos porque segue sen haber paridade nos medios. Porque só o 15 % das opinións dos principais xornais de Galicia son voces de muller. Porque seguen reproducíndose estereotipos femininos dentro e fóra das redaccións. Porque seguimos sendo obxectos, cousas, un acompañamento. Algo así como a guarnición dese prato principal que son os homes, os que en realidade saben do que falan. Porque cobramos, de media, dous euros menos por hora. Porque a fenda salarial existe, carísimos negacionistas. Porque as mulleres nos postos directivos son unha excepción, case que unha fantasía. Alporizámonos porque hai convocatorias de prensa que son mísiles que fan estourar a posibilidade de conciliación coa familia.

Porén, esta rabia, esta forza non pode quedar nun berro iracundo, debe ser dirixida. Alporizámonos, abofé, pero esta xenreira ten que ser produtiva. Reclamamos mecanismos de control e vixilancia di cumprimento da Lei de Igualdade nos medios públicos. Insistimos en que contra os estereotipos, o que fai falta é educación. Formación para rematar coa misoxinia. Así que esiximos que haxa formación de xénero en todas as redaccións do país. Queremos que a violencia sexual deixe de ter normalidade entre un alúgase piso e un véndese Opel Corsa. Que a prostitución, por fin, sexa considerada unha violación dos dereitos humanos e deixe de ter alfombra vermella nas rotativas.

Que sirvan estas palabras amoreadas dende a urxencia e a carraxe de chamamento para unha mobilización masiva. As xornalistas alporizámonos, pero non paramos. Queda moito por facer nesta loita colectiva. Estamos na batalla

Queremos que se cumpra dunha vez o artigo nove da Lei de Violencia de Xénero de Galicia. Que se teña “especial coidado no tratamento gráfico da información”. Que se promova realmente que “as informacións relativas á violencia sobre a muller velen polo dereito á intimidade das vítimas e das súas fillas e fillos”. E queremos que se impulse a figura da editora ou editor de xénero nos medios de comunicación de Galicia. Porque a igualdade ten que ser transversal a todos os contidos dos mass media. Abonda de metelo nunha gabeta que leva a etiqueta feminista.

Que sirvan estas palabras amoreadas dende a urxencia e a carraxe de chamamento para unha mobilización masiva. As xornalistas alporizámonos, pero non paramos. Queda moito por facer nesta loita colectiva. Estamos na batalla, compañeiras, por outro xornalismo. Un que teña en conta á metade do mundo. Estamos na batalla. En Verín, en Santiago, en Madrid ou na Pastoriza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.