Sempre en Galicia de Montevideo cumpre 76 anos

Castelao en Montevideo con Xesús Canabal Fuentes e Manuel Meilán Martínez Dominio Público

Que un programa de radio en galego na emigración cumpra 76 anos de ininterrompida traxectoria é motivo para que o celebremos con emoción e fortes aplausos

Que un programa de radio en galego na emigración cumpra 76 anos de ininterrompida traxectoria é motivo para que o celebremos con emoción e fortes aplausos. O compromiso identitario do pequeno grupo de galeguistas residentes en Montevideo levóunos a homenaxear a Castelao, falecido en xaneiro de 1950 na capital arxentina. Deciden a fundación dunha audición radial, SEMPRE EN GALICIA, realizada enteiramente no noso idioma para achegar aos fogares emigrantes a nosa cultura propia e diferenciada. 

No 2030 haberá que aproveitar para recoñecer, distinguir e premiar a SEMPRE EN GALICIA polos seus méritos. Ata agora pouca cousa fixo a Xunta en agradecemento aos emigrantes que desde 1950 defenden axeitadamente a nosa identidade na República Oriental do Uruguai

Quero poñerme no ano 2030 xa que será cando se volva a celebrar como corresponde un novo aniversario (Os oitenta anos de Sempre en Galicia) xa que a muda das autoridades autonómicas permitirá ter con quen falar pois haberá quen escoite. Coido que despois dunha moi longa etapa de trapalladas da dereita, vai sendo hora de repetir a moi exitosa Festa Cultural que tivo lugar en Montevideo no mes de setembro de 1990. O de “repetir” é unha maneira de falar xa que non será igual pero hai unhas liñas que na miña opinión deben permanecer. En 1990, o executivo estivo representado polo conselleiro de Cultura e o lexislativo polo presidente do Parlamento. Desde aquela non houbo ningunha celebración con altas autoridades. Quizais sexa porque a emigración para os sucesivos gobernos dereitosos non ten ningún interese e menos aínda desde que a xefatura de Madrid ataca e sopra na contra dos que buscan un abeiro no que acougar das tempestades.

Tamén no 2030 haberá que aproveitar para recoñecer, distinguir e premiar a SEMPRE EN GALICIA polos seus méritos. Ata agora pouca cousa fixo a Xunta en agradecemento aos emigrantes que desde 1950 defenden axeitadamente a nosa identidade na República Oriental do Uruguai. Sei que o novo goberno estará informado e documentado sobre o esforzo dos que fixeron posible ter en Montevideo un candil de galeguidade alumando nas mañás dos domingos. Axiña que estea en funcionamento a nova Xunta irei falar e presentar a solicitude de que na Axenda Autonómica se inclúa un apartado para celebrar (o martes 3 de setembro de 2030) o 80º Aniversario de SEMPRE EN GALICIA. 

Non estou facendo adiviñas xa que non hai dúbida sobre o remate do longo ciclo de pantasmadas coimeras que están a desfacer o noso verde espazo atlántico en beneficio dos que máis teñen. O que pasa é que estou farto das improvisacións e das chafalladas. Ano tras ano se repite o mesmo conto de que en Bos Aires ou en Montevideo teñen coñecemento de que vai alí un cantante (é un exemplo) uns días antes de que teña lugar a actuación. Por suposto que a cúpula local do partido foi a que moveu os fíos para que veña alguén para o aniversario da “Casa de Peteliños” xa que teñen o contacto necesario en Santiago de Compostela. Non hai que ser moi observador para verificar que nunca vai ningún enviado a asociacións ou centros de emigrantes onde non se axeonllan diante do comisario político encargado dos asuntos exteriores.

Para evitar que os oitenta anos de SEMPRE EN GALICIA pasen desapercibidos, fago aquí e agora a solicitude de que nos presupostos xerais do 2030 [a súa presentación será no 2029] se inclúa unha axeitada partida orzamentaria que permita a organización e realización dunha homenaxe de relevancia na capital uruguaia

Non estou a falar das axudas/axudiñas que se convocan anualmente nas que hai euros para todos pero sen analizar con detenimento a inxustiza de que unha entidade con escasa actividade e unha ducia de asociados reciba o mesmo que outra que ten moita actividade e atende a 300 asociados. O moi importante asunto de promover a unidade entre centros galegos quedou no esquecemento. A Xunta prefire que se manteña o minifundismo asociativo xa que así ten súbditos (agradecen as esmolas) e non quere cidadáns que anden argallando sobre os seus dereitos. Estou a falar de que hai actividades concretas que deben ser tidas en conta pola súa importancia, máis alá de quen sexan os seus protagonistas, e non corresponde que estean suxeitas a un formulario no que os recadros son de gasto ou de ingresos. 

Para evitar que os oitenta anos de SEMPRE EN GALICIA pasen desapercibidos, fago aquí e agora a solicitude de que nos presupostos xerais do 2030 [a súa presentación será no 2029] se inclúa unha axeitada partida orzamentaria que permita a organización e realización dunha homenaxe de relevancia na capital uruguaia. Aínda que no aspecto económico o programa está afastado de calquera crise que poida afectar ao Uruguai [o Patronato da Cultura Galega encárgase do pagamento mensual do espazo) debo pedir que se repare a inxustificable ausencia de SEMPRE EN GALICIA nas subvencións aos medios de comunicación que soamente utilizan o noso idioma. O novo goberno non vai deixar fóra das axudas a quen máis o merece pois a débeda é moi grande se facemos as contas con carácter retroactivo. O actual goberno xoga cos cartos públicos para untar con moitos euros aos medios mercenarios e logo vai deixando que unha pinga vaia alí e outra acolá de acordo co criterio dos conselleiros. E non quero esquecer que acabará a manipulación na Radio Galega e por tanto haberá transmisión dos actos desde Montevideo e tamén unha conexión en directo co programa (histórico) do domingo 1º de setembro. Adiante con SEMPRE EN GALICIA de Montevideo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.