Sexamos a xeración da humanidade

IES de Mos © Google

Un acto que supuxo, ante todo, un exemplo de dignidade colectiva, nun auditorio que aplaudiu enerxicamente este discurso que pronunciei. Así foi a graduación do IES de Mos. Unha graduación marcada polo "ensino en loita" dos mestres e o "sermos centro de referencia" dos alumnos. Poucas veces na historia do noso concello houbo unha defensa tan férrea e comprometida coa educación pública coma a que ocorreu nese espazo

"Ante nós non só se nos presentan os retos individuais de chegar a ser aquilo que queremos, temos tamén unha serie de retos e problemas por solucionar de forma colectiva: estamos a falar da desigualdade, da pobreza, da falta de servizos públicos. Estamos a falar de todo o que teñen construído os nosos pais e avoas. Por favor manteñámolo sempre.

Creo que hoxe é un día para reclamar, coma estudantes, dous dereitos fundamentais. O primeiro deles é o dereito a chamarlle ás cousas polo seu nome, pois se non lle damos nome aos problemas que nos abordan no día a día é imposible chegar á súa solución. O outro dereito básico que temos que reclamar, é sempre o dereito a aprender. O dereito a equivocarse e levantarse para facer aquilo que nos une: avanzar, progresar e traballar.

É por iso que a moitos se nos cae a alma cando vemos que nalgúns lugares hai nenos e nenas que non teñen estes dereitos. Falando as cousas coma son: alá onde un neno aprende, hai unha escola; alá onde un neno é curado, hai un hospital; pero alá onde un neno morre, hai un xenocidio, esa é a palabra. Non nos esquezamos nunca dos nenos e nenas da Gaza que non poden aprender.

Remato xa. Se temos que ser unha xeración coñecida por algo, antes de ser a xeración da precariedade ou da falta de oportunidade, sexamos, por favor, a xeración da humanidade."

Un acto que supuxo, ante todo, un exemplo de dignidade colectiva, nun auditorio que aplaudiu enerxicamente este discurso que pronunciei. Así foi a graduación do IES de Mos. Unha graduación marcada polo "ensino en loita" dos mestres e o "sermos centro de referencia" dos alumnos. Poucas veces na historia do noso concello houbo unha defensa tan férrea e comprometida coa educación pública coma a que ocorreu nese espazo. E é que se por algo estivo marcado este curso nas aulas galegas -e do resto do estado- foi polos movementos educativos a prol dun ensino de calidade, a baixada dos ratios e a atención á diversidade. Exixencias tan básicas que obtiveron o respaldo de toda a comunidade, dende mestres ata pais e, por suposto, alumnos. Non houbo nin un só discurso na graduación no que non tiveran presenza estes obxectivos compartidos, e, por tanto, todos eles recibiron o fervente apoio do público asistente. Ós aplausos unánimes tamén se lle engadiron as múltiples felicitacións ao rematar o acto. Non obstante, dende o concello, non quedaron satisfeitos.

Non obstante, dende o concello, non quedaron satisfeitos. Dende o primeiro momento trataron o evento coma unha oportunidade electoral, así, cando á alcaldesa se lle negou a posibilidade de falar -pois é un momento para os alumnos e mestres, non para os políticos- o seu enfado foi soado

Dende o primeiro momento trataron o evento coma unha oportunidade electoral, así, cando á alcaldesa se lle negou a posibilidade de falar -pois é un momento para os alumnos e mestres, non para os políticos- o seu enfado foi soado. A que veu o seu repentino interese por dar un discurso na graduación cando nunca antes o fixo? Seguramente teña relación co feito de que a súa é unha das campañas máis temperás de Galicia, e, por tanto, quixo trocar o acto por un mitín. En canto se percatou, non só de que non tería a palabra, senón de que todos os discursos denunciaban a precariedade dos nosos servizos, a alcaldesa marchou.

Isto é porque a defensa da educación pública supón unha crítica á xestión da Xunta de Galicia e á do propio concello. Cando políticos desta índole teñen que elixir entre o ensino de calidade ou o interese partidista, o ensino leva sempre as de perder. Non tardou en aparecer na miña casa un membro da ANPA para amedrentarme, de boas maneiras, de que se tiña problemas no concello xa sabía por que era, á vez que "tendeu" a man en caso de así ser. O mesmo día presentouse un escrito en dirección no que se describía o meu discurso coma "politizado" e se ameazaba aos mestres con chamar a inspección por levar as camisetas do movemento educativo e facer mención ás lacras estruturais dos servizos públicos. Mais non remata aquí. O documento foi asinado en nome da ANPA, sen que os seus integrantes o souberan.

Que pretendían que defendésemos nun instituto público? As axudas ao colexio Lar? Aqueles que se revolven de tal maneira cando se trata de protexer aquilo que debería estar garantido, demostran que non pretenden máis que facernos retroceder

Todo é política. A sanidade, a educación, a igualdade... Para acadarmos cada un destes logros fixeron falta xeracións enteiras que loitaron por eles, iso é política. Non obstante hai uns mínimos que non deberían ser partidistas. Defender os servizos públicos de calidade non debería ser unha ideoloxía.

Defender que non morran nenos en ningures, tampouco. Acaso son eu un extremista radical por pedir rematar coa precariedade? No auditorio había xente de todas as cores, e todos aplaudiron por igual, fortemente. Fomos acaso todos os que alí estabamos marxistas-leninistas? Non o creo.

Tan só un par de familias considerou que a protección do ensino e os nosos dereitos coma estudantes e persoas supuxo unha lobotomía colectiva para radicalizar o evento. Houbo alguén, entre os centos de aplausos, que se escandalizou cando pedín que non nos esquecéramos daqueles nenos que non poden aprender. Non é isto ter unha mentalidade moi limitada? Que pretendían que defendésemos nun instituto público? As axudas ao colexio Lar? Aqueles que se revolven de tal maneira cando se trata de protexer aquilo que debería estar garantido, demostran que non pretenden máis que facernos retroceder.

Quedan, entre nós, caciques que tratan de calar a todo aquel que non pronuncie as súas verbas. Preservarmos o estado de dereito e do benestar, supón, antes de nada, facer fronte aos mecanismos máis mínimos e locais de opresión. É por iso que este episodio non debe caer no silencio

Imaxinade, agora, que alguén se vos presenta na casa por dicir algo tan básico. E que ese alguén insinúa que as túas palabras poden facer que teñas trabas no concello por non formar parte da liña editorial do goberno. Non é acaso vergoñento que se empreguen as nosas infraestruturas coma un medio de represión? Que época é esta na que a censura chama ás portas dos nosos fogares? É máis. Ata que punto é lícito que institucións coma a ANPA sexan tomadas por individuos con intereses partidistas para ameazar ao mestrado? Toma democracia!

Esta lacra que adoecemos aínda non rematou. Quedan, entre nós, caciques que tratan de calar a todo aquel que non pronuncie as súas verbas. Preservarmos o estado de dereito e do benestar, supón, antes de nada, facer fronte aos mecanismos máis mínimos e locais de opresión. É por iso que este episodio non debe caer no silencio.

Agora máis que nunca, sexamos a xeración da humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.