Sindicalistas condenados

Manifestación en Xixón contra a represión sindical © CNT

Seis sindicalistas da CNT están condenados a tres anos e medio de prisión e o pagamento dunha indemnización que ascende a 150.000 euros. O motivo? A actividade sindical despregada polo sindicato anarquista en demanda contra unha empresa por acoso sexual a unha das súas traballadoras

O 30 de decembro de 1976, o Consello de Ministros aprobou un real decreto-lei suprimindo o funesto Tribunal de Orde Pública (TOP), unha xurisdición ordinaria creada en 1963 coa finalidade de reprimir calquera actividade antifranquista ou que puxera en perigo as estruturas do réxime saído da Guerra Civil española. Días máis tarde da abolición do TOP, o 5 de xaneiro de 1977, o Boletín Oficial do Estado publicaba aquela resolución ministerial e comezaba a súa andaina a Audiencia Nacional. O maxistrado Rafael Gómez Chaparro, procedente do TOP, pasou a ocupar a sala do Xulgado número 1 da nova institución xurisdicional e, casualidades da vida, tocoulle instruír o sumario 13/1977. Este sumario fora incoado a raíz do masacre da rúa de Atocha 55, onde tres pistoleiros fascistas asasinaron a tres avogados, un estudante de Dereito e un traballador administrativo, resultando gravemente feridos catro integrantes máis daquela oficina. Cando os defensores dos asasinados e superviventes tiveron noticia do nome da persoa encargada de investigar aquel atentado, entenderon que todo iría a peor. O mesmo que onte condenaba a homes e mulleres acusados de asociación ilícita ou propaganda ilegal, ía de súpeto a levar o asunto do terrorismo fascista contra os letrados antifranquistas.

Está convocada unha manifestación en Madrid este sábado 24 de setembro © CNT

Todas as concentracións foron comunicadas á Subdelegación do Goberno en Asturias. Malia a constante e ampla presenza policial, xamais se produciu un só incidente e non houbo nin violencia nin detidos. Entón, a pregunta procedente podería ser: por que se condena a seis sindicalistas?

Hoxe, seis sindicalistas da CNT están condenados a tres anos e medio de prisión e o pagamento dunha indemnización que ascende a 150.000 euros. O motivo? A actividade sindical despregada polo sindicato anarquista en demanda contra unha empresa – Pastelería Suíza, de Xixón – por acoso sexual a unha das súas traballadoras, petición que rematou arquivada por falla de probas. A condena os seis militantes anarcosindicalistas foi asinada a finais de xuño do pasado ano e, na actualidade, o procedemento procesual camiña cara o Tribunal Supremo. O que agora está en xogo, en consecuencia, é unha condena por obstrución á xustiza e coaccións presuntamente cometidas por media ducia de sindicalistas.

Todas as concentracións levadas a cabo en solidariedade coa traballadora acosada foron comunicadas á Subdelegación do Goberno en Asturias. Malia a constante e ampla presenza policial, xamais se produciu un só incidente e non houbo nin violencia nin detidos. Entón, a pregunta procedente podería ser: por que se condena a seis sindicalistas?

Hai un maxistrado que utiliza sen feitos probados unha argumentación ideolóxica para procesar e condenar a seis persoas nunha sentenza tan inxusta como desproporcionada

Pois, como no caso do TOP co que iniciamos este artigo, hai un maxistrado que utiliza sen feitos probados unha argumentación ideolóxica para procesar e condenar a seis persoas nunha sentenza tan inxusta como desproporcionada. Nun tramposo xogo propio de trileros, aquilo que sempre pertenceu ao conflito laboral e nunca tiña que saír del, mudou nun problema de “orde pública” coa coacción e a extorsión como elementos definitorios. Nada diso existiu, claro. Mais, o maxistrado que asinou a sentenza non é moi amigo da negociación laboral nin dos representantes sindicais. De feito, o xuíz Lino Rubio Mayo, que así se chama, resulta ben coñecido polas duras condenas a outros sindicalistas como, por exemplo, os da Naval Gijón hai uns cantos anos.

Resulta probábel que todo quede en nada e o pesadelo remate como se fora un mal sono. Mentres, como comentou unha das sentenciadas, a vida continúa chea de incertezas e inseguridades porque “os procesos xudiciais minan; son longos e desgastan”. Pola nosa parte, toda a solidariedade cos seis de Xixón. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.