Sobe a marea, hora de mudarmos o mantra: crónica dun emigrado 'voluntario'

Chámome Toni, teño 35 anos e unha filla de cinco. Vivín os meus primeiros 25 anos na Coruña, logo botei case cinco no País Vasco, e levo 6 en Cataluña, onde naceu a miña pequena. O nacemento da Marea Atlántica inspiroume a escribir algo desde a miña vivencia de coruñés emigrado.

Unha anécdota persoal que para min simboliza un xeito de sentir moi estendido en Galiza é a dunha frase que aprendín do meu queridísimo avó Teodoro. El, cando nalgunha conversa na familia agromaba algunha actitude que tiña que ver con "innovación", "atrevemento", "rebeldía"... recitábanos ás/aos da familia un mantra protector: "Hai que ir cos que van", que supoño que tamén aprendeu na casa. Un símbolo da cultura do medo, que vexo moi lóxico que teña interiorizada alguén como o meu avó, que cargou toda a vida coa dor dunha ferida de metralla na perna ("Dóenme as rodas", dicía), herdanza dunha guerra civil á que tivo que ir porque non lle quedaba máis... remedio.

Outra lembranza que me acompaña é cando, con 20 anos, fixen do galego a miña lingua habitual. Recibín un claro acoso por moita da xente que me rodeaba ao que tiven que facer fronte para poder seguir adiante coa miña decisión... Tremendo! E tremendo o contraste co entusiasmo e o apoio co que recibiron despois no País Vasco e en Cataluña os meus esforzos e avances co euskera e o català.

Son dúas historias que me axudan a enmarcar o panorama cultural, social e político no que moit@s medramos, e que a algunha xente que coñezo nos axudou a decidirnos por marchar na procura do noso lugar no mundo, mais non especialmente por motivos laborais. Emigramos despois de ter buscado o noso espazo, tamén participando en proxectos sociais ou culturais, e tendo dado coas dificultades propias dun contexto pouco aberto. Por iso eu digo que a miña é unha emigración cultural, dalgún xeito voluntaria. Un caso diferente en parte ao dun bo amigo meu que traballa en Canarias de freganchín ou platero nun hotel, ou ao dunha moza de Noia que coñezo en Barcelona, que traballa nun posto de responsabilidade nunha importante empresa informática. Miguel e Bárbara voltarían á casa se tivesen alá un choio equivalente ao que teñen fóra. En todo caso, supoño que o motivo máis habitual para marchar é non atopar o que precisamos no noso lugar de orixe, sexa o que sexa.

No meu caso marchei na procura dun ambiente social, político e cultural máis activo, diverso, aberto, solidario... e no País Vasco e en Cataluña atopeino con certa facilidade. E penso que a vida neste tipo de lugares, para quen ten inquedanzas e curiosidades menos "habituais" (do tipo que sexan, non só sociais) é menos costa arriba. Ou máis costa abaixo. Vamos, que sachando menos un colleita máis.

Agora despois de máis de dez anos fóra, mais mantendo bastante contacto coa terra a través de visitas longas e frecuentes á familia, de manter amizades e contactos sociais e profesionais... sigo a pensar que en Galiza en xeral, e na Coruña en particular, saírse do rego segue a ser menos doado que noutras partes —aínda que quitando Cataluña, o País Vasco e as capitais máis grandes supoño que é algo xeralizábel a toda a península—.

Mais tamén teño a sensación nas miñas visitas dos últimos anos á Coruña, que a evolución é grande nos eidos aos que me sinto máis cercano. Agromaron bonitas iniciativas que antes non había como a cooperativa de consumo consciente Zocamiñoca, a asociación Manicómicos, a Casa Tomada, o 15M, Stop Desafiuzamentos, a Plataforma pola Mobilidade, o Proxecto Cárcere... Dáme a impresión de que algunhas mareas estaban daquela máis baixas. E, aínda que sempre houbo quen sementou para cambiar o mantra —aquel de "Hai que ir cos que van"—, ultimamente paréceme ver máis froitos que hai dez anos, non só na Coruña.

Nesta liña, a nova da creación da Marea Atlántica e a súa boa acollida tenme especialmente ilusionado e emocionado, cando recibo novas diante do meu ordenador, a 1.076 km da casa que me viu medrar. Xa semella algo máis que a punta do iceberg querendo asomarse. O da Marea son palabras maiores. Un pasiño de xigante para seguirmos a tentar mudar o mantra aquel. Por preferir, eu escollería un rezo como aquel de "Sí se puede", ou, por que non, ese emotivo "A Coruña rabuña!" do imprescindíbel Xurxo Souto, que tanto ten feito por ensinarnos esa Coruña, a miúdo agochada, que nos esperta orgullo e alegría. Serían mellores mensaxes para tantos inconscientes con sede de ilusión, esperanza e apertura. Gañemos A Coruña! Que suba a Marea!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.