Penso, cando leo, que quen se presenta a un premio cun texto escrito con IA, quen en xeral escribe textos con IA, non goza realmente do proceso de escribir, non considera que o proceso de enfrontarse a unha mesma no texto é, por outra banda, unha calidade sine quanon de quen escribe
A escrita académica seméllame, por veces, unha escrita estéril. Un espazo onde explorar ideas, mais en ocasións, dun xeito inerme. Malia que o contido sexa terriblemente relevante; coma aqueles artigos que son escritos e, cando se publican e espallan, reconfiguran o noso mundo, mudan o xeito que temos de miralo, mais ao mesmo tempo súa a escrita parece tinguida de frialdade e adecuación. Chea de cláusulas que comprometen ideas, e citas a persoas que pensaron o mesmo que quen escribe pensa agora, a escrita académica réxese por parámetros que comprometen o estilo, que o suxeitan de tal forma que cause a mínima emoción posible. Que comunique, cunha seriedade hercúlea, o xurdimento dunha nova enfermidade terminal. Ou que nos informe da trata de escravos transatlántica, pero que o faga desde un lugar pálido. Que fale da marxinalidade sistémica das mulleres, mais desde a opacidade de quen non denuncia, de quen soamente procura informar.
Mais a información tece redes de afecto, e a escrita froito da investigación non foi sempre así. Ler a quenes viñeron centurias antes ca nós ensínanos que, noutros tempos, a forma, o estilo e o contido xogaban, o tempo todo, ao crebacabezas da literatura. Escribir tratados políticos, coma O contrato social de Rousseau, podíase facer do xeito máis poético do mundo, sen perder o seu rigor filosófico. Milenios antes Platón escribiu un dos libros máis fermosos sobre o amor, o Banquete, considerado unha das súas obras filosóficas máis salientables. Porén, foi ata fai pouco que a escrita producida nas universidades, aquela elaborada nos espazos que pensamos albergan o coñecemento, se volveu máis apática, obsesionada en producir teorías desprovistas de ritmo, de casar a exploración lingüística e sintáctica xurdimento dun novo saber. Coa chegada do neoliberalismo, e coa irrupción deste na academia, a necesidade de producir volveuse imperante: os contratos comezaron a depender dunha produción canda vez máis premida, a inestabilidade e a precariedade laboral enchouparon as vidas de quenes dependían de producir coñecemento para poder comer. A escrita tornouse ansiosa e aplanou o estilo; a homoxenización deste veu provocado, entre outros factores, pola necesidade de producir en masa. Aínda que iso que se xeraba, as novas ideas ás que se chegaban estivesen so ao alcance duns poucos.
Coa chegada do neoliberalismo, e coa irrupción deste na academia, a necesidade de producir volveuse imperante. A escrita académica seméllame, por veces, unha escrita estéril
Desde fai uns anos que vimos sendo testemuñas da explosión dos Grandes Modelos de Linguaxe, ou LLM nas súas siglas en inglés. Programas como ChatGPT ou Claude son capaces de producir textos longos, de crear artigos cun ton que poderíamos considerar máis ou menos axeitado para a súa publicación –de non ser porque, entre outras cousas, os modelos LLM cometen numerosas alucinacións e erros, ou polas implicacións éticas que implica usar a IA, nas que non me deterei neste artigo, pero das que paga a pena reflexionar. A linguaxe reiterativa, o uso redundante de cláusulas de conformidade e oposición, e o abuso de signos gramaticais como a raia longa, son pegadas que a IA vai deixando ao seu paso, que nos informan que o autor do relato non é máis ca unha máquina; que o relato non ten autoría. A IA cóase nas nosas vidas, impregna o noso mundo dunha pegada semiolóxica, ambiental, política e “literaria”. A escrita académica, subsumida na lóxica neoliberal da produción en masa, é un exemplo de como a necesidade de autoexplotación propicia o uso da IA. Mais vai xa tempo que a IA se coa, mesmo, na escrita literaria. As convocatorias dos premios literarios a día de hoxe contan, usualmente, cunha cláusula que require expresamente unha declaración aberta de non ter usado a IA.
Cómpre pensarmos se todos os avances, se a carreira pola produción, beneficia as nosas vidas ou pola contra nos fai, pouco a pouco, máis escravos. Mais idiotas
Penso, cando leo, que quen se presenta a un premio cun texto escrito con IA, quen en xeral escribe textos con IA, non goza realmente do proceso de escribir, non considera que o proceso de enfrontarse a unha mesma no texto é, por outra banda, unha calidade sine quanon de quen escribe.
Quen redacta textos con IA non escribe; ten as súas ideas roubadas e organizadas, pero dende logo non escribe.
Producir; ben sexan bens materiais ou coñecemento, sempre foi máis doado canto maior industrialización da labor foramos capaces de conseguir; ou alo menos esa foi a idea sobre a que se artellou a nosa sociedade occidental desde o estalido da revolución industrial. A nova revolución da IA bebe desa premisa, ofrece solucións en segundos a problemas que antes custaban de resolver días. Sobre a revolución tecnolóxica da que somos partícipes hoxe xa non se cerne, sen embargo, o antigo soño do post-traballo, elaborado centurias despois polo filósofo francés André Gorz, da transformación paulatina –e, por certo, ben plausible— da nosa sociedade nunha nova, na que as máquinas suplantaran a labor humana, e que aqueles que traballaban de sol a sol partindo o lombo poderían desfrutar finalmente dunha vida digna. Por suposto, isto non foi así daquela; a chegada da revolución industrial deu para escravitudes diversas, e o traballo que as máquinas realizaban agora, se ben melloraba as condicións laborais do feudalismo, lonxe quedaba de poder garantir unha sociedade parecida a xusta.
A IA está a estragar parte da nosa imaxinación, que a intelixencia artificial faille un fraco favor á creatividade humana. Pero tamén penso que, por mor da mesma, a escrita terá que renovarse; que se cadra nacerán novas formas de expresión comunicativa na academia e na literatura que expandan de novo a palabra
Mais, volvendo á escrita, e volvendo ás ferramentas que nos enganan facéndonos pensar que un texto producido por unha máquina é literatura, cómpre pensarmos se todos os avances, se a carreira pola produción, beneficia as nosas vidas ou pola contra nos fai, pouco a pouco, máis escravos. Mais idiotas. Neste sistema, que se articula coma unha carreira, o premio por chegar primeiro é, paradoxalmente, outra carreira. Penso que a IA está a estragar parte da nosa imaxinación, que a intelixencia artificial faille un fraco favor á creatividade humana. Pero tamén penso que, por mor da mesma, a escrita terá que renovarse; que se cadra nacerán novas formas de expresión comunicativa na academia e na literatura que expandan de novo a palabra e o xeito no que nos relacionamos coa linguaxe. Xurdirán novos ritmos e as escritoras teremos que inventar xéneros subversivos. Se callar, leremos no noso século tratados filosóficos que nos fagan cuestionarnos, como xa nos fixo cuestionarmos Heidegger, se o que lemos é literatura ou filosofía. Quizais a IA nos deixe explorar unha linguaxe á que o neoliberalismo se esmerou en por límites.