Este é un mapa é da revista Limes de hai varios anos. Representa e explica moi ben unha parte da realidade italiana actual. É moi bo. Todos os mapas son imperfectos. Aquí, ao colocar o sur onde normalmente aparece o norte, é dicir ao poñer arriba os países pobres (na cartografía arriba sempre é máis importante que abaixo, como en case todo) resáltase especialmente a veciñanza Libia, case íntima e nunca ben captada polo imaxinario público europeo, que concibe unha distancia inexistente con África do norte.
Resáltase especialmente a veciñanza Libia, case íntima e nunca ben captada polo imaxinario público europeo, que concibe unha distancia inexistente con África do norte
Libia é un territorio salvaxe desde que Occidente, particularmente Francia, descompuxo o seu aparello do estado pola forza. O inferno está a carón, por tanto, e ten consecuencias, entre outras a chegada de inmigrantes, que crea un conflito interno moi serio en Italia, estea ou non ben fundamentado. As vías de penetración que aparecen con liñas negras non só proceden de África, senón tamén dos países do leste.
Os estados da UE represéntanse tan cativos como son. Son así, efectivamente, pero isto pode enganar tamén, porque só o son en superficie, non en poder económico e militar. Ademais os que aparecen fican cortados polo norte. Pero serve debuxalos así para o que se pretende. É interesante fixarse na perda de relevo de Italia na Unión Europea, marcada por un corte nas fronteiras con Francia e Austria e resaltando a barreira suíza, tan real e presente como pouco interiorizada na nosa visualización de Europa.
Os vínculos de Turquía son interesantes tamén. Aquí figura como unha potencia rexional que envía directrices “neo-otomanas”, segundo o preciso concepto da revista, a Exipto e aos Balcáns, estes últimos moi amplificados no debuxo, con razón, debido á perda de firmeza italiana pola inestabilidade latente que producen os países da vella Iugoslavia.
Italia apenas aumentou a renda por habitante desde a entrada en vigor da moeda única, ningún país da UE sufriu tanto co Euro
Todo isto explica unha parte das frustracións da cidadanía italiana e a progresiva pero firme consolidación do neofascismo, que dá pasos longos estes días.
Outra parte enténdese con datos. Italia apenas aumentou a renda por habitante desde a entrada en vigor da moeda única, ningún país da UE sufriu tanto co Euro. Arestora as taxas de crecemento seguen sendo miserábeis, o repregue económico é evidente, o conflito migratorio explótase con demagoxia, as dificultades de atopar emprego e axudas sociais conforman o escenario ideal para tensións que cada vez son de maior voltaxe, segundo explica Le Monde Diplomatique.