Sobrevivir contra o relato hexemónico. 5 anos de Praza Pública

Despois de catro décadas de neoliberalismo, os medios tradicionais do noso país seguen a estar dominados por oligarquías que presentan a información, non precisamente baseada en criterios de noticiabilidade, senón máis ben enfocada segundo os seus propios intereses corporativos. Fronte a esta estratexia editorial, xurdiron respostas que confrontan o modelo imperante. Unha delas é Praza Pública, que cumpre hoxe cinco anos.

Se ben un lustro non é moito tempo, cando asumimos que vivimos nun país onde o 72% das persoas que len a prensa faino dende un diario que non reflicte a vontade das galegas e galegos nin as súas necesidades, este tempo si que acolle un importante significado.

En 2008, Hallin e Mancini avisaban desta problemática da prensa, na que sinalaban que os medios, non só acosados polos imperativos do mercado, senón tamén por cuestións políticas, instrumentalizaban as traballadoras e traballadores, que eran usadas como ferramentas para intervir no mundo político, abandonando a súa neutralidade e relatando dende perspectivas e enfoques moi concretos: é dicir, operando como verdadeiros engrenaxes das empresas de comunicación.

Mentres, nestes anos, por unha banda, a prensa tradicional tenta atraer ao seu terreo ao votante cun relato imposto; por outra banda, os diarios dixitais como Praza Pública gañan penetración mediante a emisión de opinión e información contrastada e de amplo alcance. Falamos dun xornalismo alternativo que ofrece novas ignoradas por outros medios e presenta unha construción da mensaxe informativa diferente, alternativa e máis interesante para a cidadanía, na que tamén pode participar no medio dende as tribunas de opinión.

Neste senso, galegas e galegos atopan así un medio crítico que permite a creación de opinión dende un espectro ideolóxico atento á pluralidade e á diversidade, normalmente expulsados das plataformas mediáticas: permite cuestionar a información, achegar ideas ou visións novas ou restituír o pensamento político. Para Torres (2005), a política democrática ten moito que ver coa comunicación bidireccional (político-cidadán), a transparencia e a rendición de contas, factores que atopamos en medios dixitais como Praza Pública.

O impacto de Internet nas nosas sociedades está intimamente vinculado coa capacidade de interacción e difusión que propicia a Rede, amplamente superior ao resto de medios. Aínda que, anteriormente, os encargados de crear a axenda e a opinión públicas eran os mass media tradicionais, estamos agora ante un panorama onde a selección dos feitos informativos, ou o seu encadre, atópase moi condicionada por quen acende un router.

Nos últimos anos, as comunicacións transformáronse con acelerada velocidade, ampliando as capacidades de elección da cidadanía e facendo reformular serias reformas na industria dos medios de comunicación. Neuman, Bimber e Hindman (2011) xa analizaron na obra The Internet and four dimensions of citizenship, como a converxencia dixital afecta á sociedade desde catro dimensións: a deliberación e a esfera pública, a participación, o coñecemento da cidadanía e a mobilización.

Internet permite que as mensaxes se dirixan a un maior número de persoas. Grazas á Rede, é posible seguir en directo a actualidade de calquera tema de interese: as persoas acceden a unha relevante información bruta que deben saber “cribar e buscar” (Bentivegna, 1999) segundo os seus criterios. Ademais, Internet facilita aos actores da información a posibilidade de establecer contacto directo coa cidadanía, producindo e difundindo contidos informativos sen “o filtro dos medios de comunicación convencionais” (Bentivegna, 2002).

Resulta interesante comprobar como se está fraguando a esfera pública do século XXI coa aparición de Internet. Utilizando a Jürgen Habermas como referente, analízase se a Rede pode crear unha “situación ideal do discurso” (Habermas, 1981), pois Internet é o lugar crave para expresar os desexos e as necesidades da cidadanía. Aínda que a idea de “espazo público” se asenta en crear un lugar onde se poida opinar activa e libremente, parece que a Rede está feita para ser o máximo expoñente desta concepción. Por iso, debe recoñecerse ao mundo dixital a posibilidade de ofrecer máis oportunidades de participación entre as persoas para, por exemplo, realizar mobilizacións multitudinarias, como foi o famoso Movemento 15-M, ou as revolucións do mundo árabe, onde os medios dixitais e redes sociais tiveron e teñen un papel fundamental.

Xornais como Praza Pública favorecen a conformación dunha cidadanía dixital, sabedora dos seus dereitos e deberes, que, do mesmo xeito en que as persoas consumidoras non aceptan “o abuso ante a venda fraudulenta de produtos na Rede” (Sánchez, 2004), agora empezan a non tolerar tampouco que os medios tradicionais continúen vertendo a súa mensaxe (cunha voz e unha dirección) onde a cidadanía se sinta desinformada ou excluída dos asuntos públicos. 

En medida en que a educación enriquece a nosa cultura democrática, a implicación nos movementos sociais aumenta. Nestes intres nos atopamos coa existencia dunha cidadanía máis reivindicativa e esixente, consciente do seu papel na sociedade. Isto débese, en gran medida, ao poder de difusión dos medios alternativos que se crean na redes.  Por iso, non é desatinado admitir que nun futuro no que, superados obstáculos como a fenda dixital ou a desinformación, as persoas, con disposición a asumir a súa condición de cidadáns e cidadás críticos dixitais, fagan destes espazos un instrumento crave á hora de implicarse en movementos sociais, crear novas esferas de participación e, con iso, axudar a mellorar as nosas sociedades a través da acción política.

 

 


Bibliografía

Aguilar, S. (2009). El conflicto social en la era de la globalización. (Disponible en http://hdl.handle.net/2445/10942).

Neuman, W. R., Bimber, B., & Hindman, M. (2011). The Internet and four dimensions of citizenship. The Oxford handbook of American public opinion and the media.

Mazzoleni, Gianpietro (2010) La comunicación política. Madrid: Alianza. Capítulo 1º (págs. 17-50).

Norris, P. (1999) Critical Citizens. Global Support for Democratic Governance. Nueva York: Oxford University Press.

Norris, P. (2002). Political parties, Social Capital and Civic Society, Conclusions. En P. Norris, Democratic Phoenix. Reinventing Political Activism (pp. 103-231). Madrid: Taurus.

Topf, R. (1995) Citizens and the State. Nueva York: Oxford University Press.

Sánchez, Ó. (2004). El servicio postventa de la política. Lógica publicitaria, mercadotecnia política y repercusiones democráticas. Salamanca: Publicaciones Universidad Pontificia de Salamanca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.