Soño dunha noite de verán

Dicía Ghandi que o progreso e a grandeza dunha civilización se pode medir por como esta trata os seus animais, eu creo firmemente que se pode xulgar unha nación por como trata os seus maiores, e niso, o noso pobo ten unha cátedra secular.

Eu creo firmemente que se pode xulgar unha nación por como trata os seus maiores, e niso, o noso pobo ten unha cátedra secular

No país galego non tiramos cos nosos avós, na nosa ideosincrasia non está ese pensamento vil de que un ancián estorba, no noso Adn está asimilada a admiración e o respecto  polas engurras, surcos  labrados a forza de bágoas de sufrimento, penurias, fame e calamidades que se ollan na faciana dunha persoa que viviu media vida na escuridade da nosa derradeira longa noite de pedra, que diría Celso Emilio.

Que ninguén se equivoque, esta carta non ten intención de facer país, nin de resaltar as nosas virtudes, que ben coñecemos todos, aínda que moitas veces pasamos por elas sen decatarnos,  nin facer ruído, como o pobo xeneroso que somos.

Esta é unha carta de como unha persoa cun serio deterioro cognitivo, psicomotor e até afectivo pode conseguir sacarche un sorriso tódalas mañás

Esta é unha carta de como unha persoa cun serio deterioro cognitivo, psicomotor e até afectivo pode conseguir sacarche un sorriso tódalas mañás, de como a pesar de convivir con fortes dores e unha grande dificultade respiratoria é capaz de contaxiar a calquera de ledicia nun momento.

De como un alma que apenas pasa do metro de estatura e que non coñeceu xamais a quentura dese afecto especial que dá a familia, pode mostrar unha humanidade tal e como si se criase envolta nun pranto de amor.

De como nunha residencia de anciáns, cunha media que sobrepasa os noventa anos de idade se pode escoitar o balbordo, as risas e os berros do patio dunha escola.

Ningún deles é consciente de que o terapeuta é o que en realidade fai terapia, pois a experiencia é marabillosa e invita ó pensamento

Hoxe sae o Sol  na Coruña, nestes derradeiros días de Verán, os vellos agardan no patio a súa sesión diaria de ximnasia terapéutica, mentres toman o sol.

Ningún deles é consciente de que o terapeuta é o que en realidade fai terapia, pois a experiencia é marabillosa e invita ó pensamento, ver as súas caras asexantes de cada movemento, intentando imitar con sumo coidado cada xesto, con dificultades, por suposto, xa que as capacidades motrices van a menos, pero a vontade é férrea.

Ver como aprecian a seguridade que dá unha cadeira de rodas, pero por riba de todo desexan a liberdade que brinda erguerse e camiñar, aínda que sexa un metro, a pesar da dor, a pesar de que as pernas fallan sen avisar, a pesar do sentimento de frustración.

Ver a ledicia na faz dunha anciá cunha experiencia vital dun século, tan vasta que faría que calquera de nós sentise vergoña da propia, por algo tan trivial coma unha leve masaxe cervical.

Un decátase de que as cousas máis mundanas son as que realmente importan, cando se está rodeado de xentes que están acostumadas a vivir no limbo da vida e a morte

Ver como para moitos o seu pequeno mundo liliputiense se cingue ós muros exteriores da residencia, na que viven, á que consideran o seu fogar e da que non desexan máis que a tranquilidade de vivir con dignidade os seus derradeiros días.

Un decátase de que as cousas máis mundanas son as que realmente importan, cando se está rodeado de xentes que están acostumadas a vivir no limbo da vida e a morte, persoas que son conscientes de que a súa data de caducidade está máis preto que tarde, que valoran por riba de todo unha conversa, unha verba garimosa, un simple aloumiño coa man, unha brincadeira ou tan sequera o simple feito de escoitar, algo que pasaría desapercibido para calquera de nós.

Logo se da un de conta, que  obviamente estudar os males dos seus gastados corpos sería dabondo para explicar a situación de deterioro fisiolóxico de moitos deles, pero os males do espírito son peores, pois non hai remedio, que cura ten o amor ou o desamor? Como se apaga a morriña dos que quedaron no camiño? Como deixa de doer perder a un compañeiro de vida? De onde sacan folgos para continuar a erguerse da cama cun sorriso? Como é sentir o sol a través da xanela logo dunha noite de choiva do teu noventa e tres verán?

Reflexións que xorden imparables logo dun mes de convivencia durante apenas catro horas ó día con estes seres extraordinarios. Eles reciben unha terapia física, o terapeuta psicolóxica, pois só se pode facer medrar esa árbore que é a vontade, ou a alma (se se lle quer chamar así) que hai dentro de cada un de nós, empapándose de todas as experiencias interpersoais que transcorren durante a vida.

Non podería rematar as miñas divagacións sen pararme na columna vertebral que da o soporte vital a este soño dunha noite de verán, que é o gran equipo humano que forma parte da residencia

Non podería rematar as miñas divagacións sen pararme na columna vertebral que da o soporte vital a este soño dunha noite de verán, que é o gran equipo humano que forma parte da residencia, que atende e coida destas personiñas como se fosen os seus propios pais, nais ou avós, dende o médico, pasando polas enfermeiras e as coidadoras, até as recepcionistas e como non a súa directora que comanda o navío cunha man de ferro e a outra de seda.

Todos eles igual de importantes, porque un fogar, ó igual que un País, non é un anaco de terra  no que vivir, é a xente que vive, traballa e interactúa nese espazo común.

Os vellos son o futuro do noso pequeno país

Así pois, gustaríame humildemente falarlle a todos os que teñen o privilexio de traballar con esta nosa terceira ou cuarta idade á que se referiu Pondal no noso Himno, os bos e os xenerosos, os que deron cada ano da súa vida para que os que vimos detrás poidamos vivir un pouco mellor, que sigan facendo o seu traballo con agarimo, cun sorriso no corazón e unha verba amable nos beizos.

Os vellos son o futuro do noso pequeno país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.