SOS Atención Primaria

Manifestación de SOS Sanidade Pública en novembro de 2021 CC-BY-SA Praza.gal

Hai tres anos reincorporeime ao meu traballo nun Centro de Saúde. Alí comprobei de primeira man como as axendas de calidade na Medicina de Familia son unha utopía perdida na liña do horizonte e nos papeis do Plan Galego da Atención Primaria. Con todo, a sobrecarga asistencial sempre é susceptible de aumentar.

Na casa da Sanidade Pública chove por dentro. Na súa porta de entrada habitamos un presente sen futuro que ten certo paralelismo co da orquestra do Titanic. Hai un cadro de persoal envellecido e canso, unha resiliencia das sanitarias que fai auga no medio da tormenta perfecta e unha eira varrida para mallar no negocio dos seguros privados

Na casa da Sanidade Pública chove por dentro. Na súa porta de entrada habitamos un presente sen futuro que ten certo paralelismo co da orquestra do Titanic. Hai un cadro de persoal envellecido e canso, unha resiliencia das sanitarias que fai auga no medio da tormenta perfecta e unha eira varrida para mallar no negocio dos seguros privados. A día de hoxe, máis de once millóns de persoas no Reino de España teñen contratado, nomeadamente a través de entidades bancarias, un seguro de saúde "low cost". Destes, máis de cincocentos mil no noso país. O sector experimentou unha medra anual dun 5% dende o 2020 facturando no 2022 un 7% máis ate chegar aos 10.543 millóns de euros no estado. Onde máis deteriorada está a Atención Primaria maior é o aumento de volume de negocio destes produtos, onde menor é a valoración social da sanidade pública maior é o beneficio para a privada. A todo isto contribúe que cada vez sexa máis difícil solicitar unha avaliación dos nosos pacientes noutras especialidades lastradas polos tempos das listas de agarda nalgúns casos ou pola imposibilidade de acceder a elas de xeito directo noutros.

Na actualidade tan só habitamos as consecuencias das decisións que outros tomaron. Quixeron axustar números e perderon persoas

As políticas de recortes do goberno Feijóo expulsaron na década dos dez a centos de médicos de familia que preferiron ir traballar ao estranxeiro, urxencias hospitalarias, emerxencias ou na privada antes que malvivir no marco deseñado pola mal chamada austeridade. Na actualidade tan só habitamos as consecuencias das decisións que outros tomaron. Quixeron axustar números e perderon persoas. A súa irresponsabilidade semella que caducou no presente e aqueles que xeraron o problema din agora buscar unha resposta. Segundo datos oficiais o déficit de persoal non ten visos de solución. O número de médicos que rematan familia son moitos menos dos que están en idade de xubilación, polo que as perdas non se compensarán coas novas incorporacións como mínimo ate a década dos trinta.

Despois de cada xornada maratoniana nunca tes a sensación de ter estado á altura

Despois de cada xornada maratoniana nunca tes a sensación de ter estado á altura. Miras o reloxo con cada enfermo, acumulas atraso, acoutas conversas, minoras a escoita, limitas exploracións, dosificas a empatía, negocias domicilios, protéxeste coa solicitude de probas complementarias e, ás veces, fas terapia con aqueles que veñen pedir acorro. A histórica reivindicación de "10 minutos por persoa” a día de hoxe é unha utopía.

Traballar nun novo modelo que teña en conta as aportacións das partes implicadas e aumentar os investimentos na atención primaria como piar do sistema sanitario semellan a única solución a medio prazo

Non debemos facernos trampas ao solitario. Hai un problema estrutural xerado por decisións políticas onde perdemos nós e perden os doentes, a nosa razón de ser. Traballar nun novo modelo que teña en conta as aportacións das partes implicadas e aumentar os investimentos na atención primaria como piar do sistema sanitario semellan a única solución a medio prazo. 

Por todo iso é fundamental a vosa participación na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela este vindeiro Domingo 12 de Febreiro.

Sobran os motivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.