SOS: Caos e desorde na 'Jangada de pedra'

A Millán Fernández, que canta para lembrar.

Se chegan en Cayuco, cheirando a auga salgada, suor e anguria, recibirémolos con policías, gardas civís e valados de seguridade abovedados con arame de espiño. Para prepararlles a benvida e evitar que os nosos autóctonos concidadáns comecen a sentir algo de empatía ou curiosidade polas causas da súa situación, trataremos de predispoñelos na súa contra convencéndoos de que a delincuencia que tanto lles horroriza é causa da súa chegada masiva á nosa plácida e moi ordenada península. Non importa que o número de delitos e a violencia urbana fose igual ou máis intensa antes de que a súa molesta pel preta ou moura chegase a esta terra, non, porque para rematar a faena pedirémoslles unhas condicións de residencia que nin sequera os nosos payos, payísimos e moi autóctonos concidadáns, gozan a día de hoxe. Por se non fosen poucos atrancos, procederemos ao seu internamento no CEI – centro de internamento para estranxeiros – e procederemos á súa deportación en caso de que non morresen previamente por malnutrición ou toleasen sen point of no return á súa cordura.

Cousa diferente, iso si, é se os nosos moi exóticos concidadáns, recén chegados a esta terra de maná, leite e mel a esgalla, chegan en Jet privado, by plane ou by boat

Cousa diferente, iso si, é se os nosos moi exóticos concidadáns, recén chegados a esta terra de maná, leite e mel a esgalla, chegan en Jet privado, by plane ou by boat. Nese caso, aplicaremos o noso particular modelo estatal de discriminación positiva, algo así coma unha positive action a prol de xentes de pel moura e preta con mucha, mucha platita, che. Se estas teñen a intención de mercar bens inmobles por un valor de máis de 160.000 euros, ou se teñen a intención de montar algunha que outra industria cunha carga mínima de 30 traballadores, ou se teñen a intención de facer unha transferencia de capital de máis de 1.000.000 de euros, daremos un descanso ao noso hipócrita racismo – ilustrado ou popular - e mudaremos o enfoque. Nestas tres circunstancias, así pois, os nosos moi exóticos concidadáns serán tratados coma inmigrantes especiais, e a mega-máquina estatal do Reino de España, comunidades autónomas incluídas, procederá ipso facto a unha reforma da lei de estranxeiría para concederlles sen demora o permiso especial de residencia acaido á súa casta e linaxe de orixe. Permiso de residencia, iso si, que terá que ser temporal, e para o que deberán certificar que, como mínimo, pousaron os seus pés nesta terra durante un mes dos doce que ten un ano solar para calquera terrestre.

Deste xeito, así pois, os nosos exóticos concidadáns con plata, con mucha platita, che, poderán gozar dos pingues beneficios da dupla nacionalidade, e se fai falla que a administración-exprés do Reino de España realice unha fusión automática entre os ministerios de Interior, exteriores, fomento, emprego, economía e facenda, para acelerar o proceso de reforma lexislativa, voilá!, furibondios, renoplastias e recarambainas!, iso só nos levará unas semanas e catro telediarios, e tutto in ordine!

Mentres agardamos a chegada dos seus investimentos, trataremos por tódolos medios de convencer á poboación autóctona de que as causas do último infarto económico están na súa voracidade consumista e no seu tren de vida

Mentres agardamos a chegada dos seus investimentos, trataremos por tódolos medios de convencer á poboación autóctona de que as causas do último infarto económico están na súa voracidade consumista e no seu tren de vida, mesmo no daqueles case seis millóns oficiais de parados, na súa maioría mulleres e mozos, que esperan con cara de circunstancias nas colas do INEM ou escollen o mercado do sexo –prostitución- e da morte – exército - como saída, ou no daqueles centos de miles de persoas que esperan unha operación nas interminábeis listas de espera dos nosos hospitais outrora públicos, chegando a ter que redactar nalgúns casos, algunha alma precavida, o seu epitafio anticipado por se a lista de espera fai esperar máis ao remedio que á enfermidade.

A solución final, xa se sabe, a tanto caos e tanto desorde, pasará por asumir con lealdade os ditados das leis naturais do mercado e da moral. Leis materializadas, como non, polo omnímodo falo de occidente e a civilización cristiá; xa non se paren fillos coma antes, con tanta alegría e periodicidade, xa non se traballa con tanta alegría coma antes, mesmo hai cada vez máis mulleres que queren realizarse vitalmente fora do ámbito doméstico e da devandita lei natural que debería marcar o horizonte constitucional do Reino de España! Horror! Fluritróspidos, recarambainas e trospiflouros!, xa non existe tanta patria coma antes!, o cal implica que os nacionalismos periféricos, di destra ou di sinistra, seguirán cuestionando ao centralismo hispano, xa non existe tanto respecto á orde!, o cal implica que cada vez se cuestiona menos a protesta pública, xa non existe tanta relixiosidade!, o cal implica que cada vez se cuestiona máis o monopolio da educación e a práctica relixiosa por parte da igrexa católica, xa non existe tanta familia!, o cal implica que cada vez máis mulleres cuestionan a submisión ao varón e a prohibición do divorcio, xa non existe tanto respecto pola grande propiedade!, o cal significa que cada vez máis persoas cuestionan a súa concentración minoritaria que leva ao seu desposuimento.

Mentres tanto, á volta da esquina, a administración-exprés do Reino de España estenderá a súa man a Bruxelas para recibir, de novo, a enésima esmola bancaria con intereses e condicións incorporadas

Pero onde imos parar?, exclaman escandalizadas nas perruquerías, axitando os seus rulos, as esposas dos grandes varóns do Reino de España. Xa sabemos que hai demasiadas almas que alimentar, educar e vestir neste planeta, mais o amor infinito, o amor de Roma, pódeo todo e move montañas, mesmo está máis alá do ben e do mal, máis alá do coñecemento filosófico e científico, máis alá da discreción e da prudencia práctica, e máis alá das evidencias concretas da ecoloxía. Hai que acabar con esta crise de valores e volver ás vellas tradicións do reino de España!

Mentres tanto, á volta da esquina, a administración-exprés do Reino de España estenderá a súa man a Bruxelas para recibir, de novo, a enésima esmola bancaria con intereses e condicións incorporadas. A administración, pide, a Europa merkelizada, dá. A administración, recibe e obedece. A Europa merkelizada, ordena e dirixe. Serán 45.000 millóns de euros para salvar á banca; houbo tempos – eu acórdome deles – nos que esto da salvación era cousa que facía referencia ás almas concretas das persoas, caso de existiren, mais as cousas mudan freneticamente e hai que modernizarse culturalmente a golpe de decreto-lei e chute de capital, así que a salvación do sistema financeiro sobre unha poboación indignada, deprimida e demograficamente avellentada virá, de novo, alén Pireneos, e chegará, ipso facto, á nosa Jangada de Pedra, aplicándose á alma da grande banca, que é grande, tan, tan grande, que disque terá que ser salvada tamén polas pequenas, moi, moi pequenas almas dos pequenos contribuíntes, cunha suba de impostos e unha nova folla de ruta de futuros recortes proporcionais á grandeza da grandísima banca do Reino de España.

Como toda salvación, esta non poderá levarse a cabo sen condicións, así que dende Bruxelas déixano ben claro: o próximo rescate de 42.500 millóns de euros debe ir seguido dun firme compromiso da casta política do Reino de España cos compromisos regulatorios esixidos

Como toda salvación, esta non poderá levarse a cabo sen condicións, así que dende Bruxelas déixano ben claro: o próximo rescate de 42.500 millóns de euros debe ir seguido dun firme compromiso da casta política do Reino de España cos compromisos regulatorios esixidos polos novos curas da postmodernidade; non abondaba con esa soporífera casta de tecnócratas da cousa divina que levan sotana e defenden unha ambigua moral a medio camiño entre a obediencia analfabeta ás descoñecidas e solitarias transcendencias dun Papa que vive a 8000 km de distancia e a necesidade de velar pola insatisfacción humana, demasiado humana, dos corpos dos seus parroquianos, non: agora hai que soportar, tamén, a esa soporífera casta de tecnócratas da cousa científica e política que visten traxe e gravata e balbucean ilexibles estupideces nunha xerga incomprensíbel preñada de datos macro-económicos, estatísticas e tecnicismo xurídicos que non se atreven a confesar que a voracidade dos de sempre terá que construírse sobre o sufrimento e o traballo dos de sempre.

42.500 millóns de euros que chegan e, ao mesmo tempo, a administración-exprés de Lady España executando desahucios automáticos a autóctonos e exóticos sen garantías xurídicas nin procesos xudiciais previos. 42.500 millóns de euros que chegan e, ao mesmo tempo, a administración-exprés de Lady España repartindo permisos especiais de residencia á jet-set exótica a prezo de saldo mentres constrúe cárceres – e deportacións - especiais para a inmigración clandestina. 42.500 millóns de euros que chegan para salvar á banca e re-capitalizar entidades financeiras e, ao mesmo tempo, a administración de in-xustiza de Lady España esquecendo, intencionadamente, que a débeda externa desprazada politicamente ao ente público, sen consulta cidadá previa, creceu e xestionouse dende o ente privado que agora se retroalimenta cos continuados e intermitentes rescates que chegan dende Bruxelas.

E assim se faz a Jangada de Pedra, e assim se faz – tambem- Portugal : poucos vao bem, e muitos mal . Que facer?: de momento, cantar para lembrar, e non para esquecer, e despois… despois xa iremos tecendo xuntiños, xa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.