Stallman, a súa obra, a persoa e o mito

Richard Stallman disfrazado de Santo polos seus seguidores Dominio Público Praza Pública - Cedida

Richard Stallman (1953-...), acaba de dimitir recentemente dos seus cargos na Free Software Foundation. Trátase dunha noticia importante dentro do mundo do software libre. É doado atopar información sobre el e os seus méritos na rede. Resumindo, pódese dicir que é un dos fundadores dun movemento que dá sentido social e até filosófico á tecnoloxía que invade as nosas vidas. Desde ese punto foi e seguirá sendo un referente para máis dunha xeración de informáticos e demais xente que pertencen a ese mundo. 

Sucede tamén que esta dimisión foi abertamente forzada debido unha sucesión de queixas acerca do seu comportamento non só na súa vida privada, senón en numerosos actos públicos, nos que representa a esa fundación, da que el era presidente e fundador. Tamén perdeu outros privilexios noutra institución, o MIT. Estes feitos provocaron unha fonda polémica nas redes, xa que está incluída nos debates do momento, como por exemplo o movemento #MeToo.

Principalmente vexo dúas posturas opostas, as dúas igualmente perigosas. É difícil valorar se son maioritarias, porque o `barullo´ nestes casos vén dos extremos. Unha postura de por si, non por ser extrema ten que estar errada ou ten por que deixar de ser apoiada. Mais neste caso, vou entrar a analisalas. Son os dous polos dunhas polémicas que aparecen moito en tempos recentes.

Pódese gozar do traballo de persoas coma el, sen mitificalos e sempre pensando que detrás do mito, como detrás de toda tecnoloxía están seres humanos de carne e oso

Por un lado están aqueles que cren que o seu comportamento privado non é motivo para que deba dimitir, e que se debe a unha persecución puramente ideolóxica. Este argumento obvia que unha persoa responsábel dun movemento ou organización, debe ter unha imaxe pública e un comportamento tamén ético coas persoas que o rodean. E non estou falando de puritanismo, se non de non traspasar as barreiras do respecto mutuo coas persoas que se achegan a el. Do contrario estaría perxudicando ese movemento, como é o caso de Stallman, sen entrar en ominosos detalles. Nun artigo anterior referinme ao Asperger e aos comportamentos autistas habituais nos desenvolvedores de software. Talvez unha persoa coma el, quen ten pouco decoro no seu comportamento público, nunca debera estar tan exposta, por moi importante que fóra a súa mensaxe.

E por outra banda, están aqueles que debido eses comportamentos seus, aproveitan o feito da súa dimisión e exposición pública das súas miserias persoais para rebaixar e desleixar o seu traballo, coma se o feito de ser reprobada a súa figura pública, servira tamén para descualificar o seu traballo de décadas en favor do ben común e da difusión do coñecemento. Algo eticamente fóra de lugar, xa que a vida dunha persoa non debe descualificar a súa obra, por moito que en ocasións non se poda separar unha da outra.

Na sociedade téndese a crear santos, mártires e tamén demos. Richard Stallman, non é nada diso, é unha persoa como outra calquera que por unha serie de circunstancias, en gran parte debido ao seu traballo persoal, á sua misión na vida e outras seguramente máis aleatorias, foi elevado a figura pública. Algo que poucas persoas saben o que é, mais entre outras propiedades, semella ser unha carga para eses escollidos.

Pódese disfrutar do traballo de persoas coma el, sen mitificalos e sempre pensando que detrás do mito, como detrás de toda tecnoloxía, desde a xente que fai os vídeos que se transmiten pola rede ata a que fai as carcasas dos móbiles nos que eses vídeos se fan virais, están seres humanos de carne e oso, coas súas luces e as súas sombras, e non pode ser doutra maneira. Pensar que non son deste mundo, só leva a crear máis dor e máis problemas tanto para eles como para os que os rodean.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.