Stop colonial mentality: Galiza, século 21

Á libre-determinación das conciencias

Está a punto de saír do forno A fazaña da liberdade, o documental sobre a paixón e morte de Alexandre Bóveda, cuxo trailer comeza cunha prometedora declaración ética - e estética - de principios : "A desmemoria : que gran arma de destrución masiva. A ignorancia: que cadea tan grande para o que se sente libre”

Dirixido por Seném Outeiro, con Roi Carballido como produtor executivo, Filmika Galaika saca do chapeu un deses traballos con espírito retroactivo e proxectivo ao mesmo tempo

Dirixido por Seném Outeiro, con Roi Carballido como produtor executivo, Filmika Galaika saca do chapeu un deses traballos con espírito retroactivo e proxectivo ao mesmo tempo. Retroactivo, porque a verdade, reparación e xustiza sobre o martirio de Bóveda, están moi lonxe de restaurarse. E proxectivo, porque un país que non fai restauracións no que os seus pobos e políticos chaman cascos vellos, é un país de zombies coa conciencia colectiva dun chícharo. Ergo: incapaces de tecer calquera proxecto común en calquera eido da actividade humana.

As restauracións, de facérense, cumpriría facelas non só nos cascos vellos, senón tamén nas cacholas, aínda que encetalas neste último lugar é ben máis difícil que encetalas sobre un edificio entradiño en anos: cando menos, a estes, aos edificios, non se lles da por berrar que teñen toda a razón, e moito menos serían capaces de pegarlle un tiro a un ser humano por diverxencias nunha discusión sobre Kant, como aconteceu hai uns días na cidade de Rostov, ao sur de Rusia.

Ja!, Entendedes agora, pardillos do mundo - unídevos e discutide! -, porqué a filosofía é tan perigosa en tempos de barbarie? Imos mellorando: só fai falla caermos na conta de que as armas son a última hipótese contra o poder, e que as discusións filosófico-políticas acaloradas teñen que darse tanto dentro coma fóra da casa dos Zares. Sen contemplacións, sen medos e sen seculares complexos coloniais.

Dicía Antón Reixa - cando Antón Reixa era alguén - que a filosofía era un invento dos ricos. O espírito de performance permanente é o que ten, que larga arroutadas sen interesarse sobre se teñen algún sentido: matinen vostedes sobre o feito de se o noso benquerido Antón chegou á presidencia da SGAE por un exceso ou por unha carencia de filosofía. En calquera caso, unha cousa está clara: na intelectualidade – sic - urbanita de Galicia, tamén che hai moito yeyé, moita pel sensible, moito pijerío hipersusceptible con estas cousas do pensamento, e por iso, traballos como os que xa hai moito tempo leva encetando a Fundación Alexandre Bóveda, analizando o seu pensamento e obra dende múltiplas perspectivas, e traballos como A fazaña da liberdade, de Senem Outeiro, evidencian a profunda necesidade que temos de encher baleiros na memoria colectiva de noso. Parabens.

Dicía Antón Reixa - cando Antón Reixa era alguén - que a filosofía era un invento dos ricos

Ademais de A fazaña da liberdade, en estado latente está, tamén, Tesouro de Corcoesto, un documental que chanta a súa mirada na contemporaneidade de Galicia, con clara intención de influír no debate social sobre o novo modelo extractivo, baseado na sobreexplotación mineira a ceo aberto que a administración colonial da Xunta de Galicia está intentando promover en chan nativo. Tesouro de Corcoesto está procurando fórmulas de micromecenadoo a través de Internet na procura de financiamento, cunha clara aposta pola licencia de libre visionado e por desengancharse das canles habituais de financiación .

A fazaña da liberdade e Tesouro de Corcoesto, ao meu xeito de ver, son unha mostra concreta da necesidade - e da vontade – de encher dous baleiros que é importantísimo encher, para pasarmos da nada hiper-individualista e competitiva realmente existente ao ser colectivo solidario realmente desexable. Eses dous baleiros non son outros que o da memoria colectiva e o da información just in time na sociedade-rede, maxistralmente analizada por Manuel Castells.

Somos un país con mentalidade colonial aínda ben afortalada no noso ADN, un país cunha memoria colectiva que anda sempre a reconstruírse, a re-existir, a visibilizarse dende unha invisibilidade forzada. Aquí, os axentes invisibilizadores, para min, están ben claros, e están tanto dentro, na Xunta de Galicia, coma fóra, no congreso dos deputados e no parlamento Europeo. E están, tamén, tanto arriba, nas institucions, coma abaixo, na sociedade civil : Os primeiros axentes invisibilizadores son os medios de comunicación con ollada estatalista. Os segundos son as castas políticas que se retroalimentan dos mesmos e das súas axencias de noticias para dotar de contido informativo, por así dicilo, ao seu nacional-catolicismo unionista e asimilador por exclusión.

Somos un país con mentalidade colonial aínda ben afortalada no noso ADN, un país cunha memoria colectiva que anda sempre a reconstruírse, a re-existir, a visibilizarse dende unha invisibilidade forzada

Un nacional-catolicismo macabro, delirante, clinicamente esquizofrénico, que non pode atopar outro pouso social que o delirio e a loucura colectiva dunha masa analfabeta anguriada por un negro futuro. Un nacional-catolicismo que no aspecto nacional, inventa unha unidade de destino que nunca existiu senón nos soños da razón de reis e elitistas ilustrados cortesáns, eses soños da razón pan-hispánica que non teñen fundamento algún, nin de modernidade cara adiante, coa emerxencia dos estados-nación europeos, nin de modernidade cara atrás, nos reinos medievais peninsulares. Un nacional-catolicismo que, ademais, no aspecto da súa catolicidade, reacciona con primitiva visceralidade contra os católicos e non-católicos de sensibilidade laica e que institucionaliza unha socioloxía histórica do cristianismo claramente fundamentalista e supremacista, na que as alteridades lingüísticas, históricas, culturais, raciais e de xénero son estigmatizadas e consideradas coma non-católicas, cando se expresan confesionalmente, ou simplemente non-cosmopolitas ou provincianas, cando se expresan dende a secularidade. Un nacional-catolicismo, en definitiva, sen sombras, no que semella non existir ningún pasado de colaboración política cos imperios coloniais europeos ou coas ditaduras militares latinas e latinoamericanas, e no que semella non existir a tortura física decretada polos tribunais inquisitoriais.

Un nacional-catolicismo macabro, delirante, clinicamente esquizofrénico, que non pode atopar outro pouso social que o delirio e a loucura colectiva dunha masa analfabeta anguriada por un negro futuro

Cando Carlos Casares escribiu aquel artigo no que trataba de chotear de Xosé Manuel Beiras - o famoso "¿Colonia o champú?” escrito no diario El País, a 30 de maio de 1988 - evidenciou o seguinte: que un bo escritor pode pecar de escepticismo resabiado e cínico se confunde as opinións coas verdades, e que a pose distanciada de convicións flexibles procura, non poucas veces, unha sorte de superioridade moral perante quen expresa as súas convicións dun xeito sólido e ben fundamentado, mais sen prepotencia.

A resposta de Xosé Manuel Beiras non se fixo esperar : “Ni colonia, ni champú: desodorante”, a 7 de xuño de 1988. Xulguen vostedes, caros lectores, máis alá de poses e retóricas tan disonantes como a de Casares e Beiras, se a Galicia que habita mentalmente é, ou ben aquela que pensa cando hai que pensar, ou ben aquela que se informa cando hai que escribir sobre temas concretos, ou ben aquela que reflexiona calibrando o que pensa coa información ao seu dispor, ou ben aquela que crea beleza cando quere creala, iso si, sen confundir os produtos da súa imaxinación coas complexas relacións que hai que destecer para facer intelixíbel a realidade contemporánea.

Eu, persoalmente, creo que se poden habitar mentalmente todas esas Galicias. É máis: creo que todas esas Galizas, en plural e concreto, son anaquiños dun puzzle que fan referencia, en singular e abstracto, a unha mesma cousa: Galiza

Eu, persoalmente, creo que se poden habitar mentalmente todas esas Galicias. É máis: creo que todas esas Galizas, en plural e concreto, son anaquiños dun puzzle que fan referencia, en singular e abstracto, a unha mesma cousa: Galiza. Sociedades complexas e poliédricas, ao fin e ao cabo, requiren esquemas e suxeitos semelllantes; perfumes, o que se di perfumes,  xa bastantes nos poñen día a día, señor Casares – en paz descanse -.

Stop colonial mentality…. dunha santa vez. E a quen non lle guste, que ande ou revente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.