Sur

Imaxe dun típico 'filieteado' porteño, que se pode atopar nas rúas de Bos Aires © https://craftsmanship.net/

O Papa Francisco reconciliou á ex presidenta arxentina Cristina Kirchner con Alberto Fernández, antigo xefe de gabinete de Néstor Kirchner. A re-unión do peronismo (a esquerda, para entendérmonos) arrasou o outro día nunhas eleccións previas chamadas PASO. Os comicios verdadeiros serán aínda en outubro, pero o trunfo de Alberto Fernández é absolutamente seguro.

Arxentina segue os pasos de México, que ten desde hai pouco un goberno progresista de ampla base. Arxentina e México son os países máis poderosos de América Latina despois do Brasil, e iso parece indicar un cambio de ciclo. Pode estar finalizando a salvaxe arremetida neoliberal, unha praga que levou por diante as conquistas sociais do anterior período, protagonizado por Lula, Chávez, os Kirchner e Correa principalmente.

Os resultados son desoladores. Macri arruinou o seu país. Arxentina está practicamente en quebra. A metade dos nenos son pobres e un de cada dez pasa fame.

As dificultades do neofascista Bolsonaro para administrar minimamente Brasil reafirman tamén a idea.

Pero o novo ciclo non se vai parecer a aquel que comezou arredor de 2003 coa chegada de Lula e Kirchner ao poder. Hai quince anos a venda de materias primas nutría os países e facilitaba a redistribución. Agora a entrada de divisas é moito menor e a riqueza tamén.

E Venezuela non aparece desta vez no taboleiro xeopolítico: é un país ameazado, illado e arruinado. Daquela fora un potente motor para a unidade latinoamericana, a través de UNASUL e do Banco do Sul, un fondo monetario dos propios países. Hoxe case non hai nada diso. A esquerda emerxente quere unha saída negociada para Venezuela, e aborrece a invasión, claro, pero distánciase do réxime bolivariano. Alberto Fernández declara abertamente que é autoritario. Dito en prosa: os intereses económicos que vinculaban con Venezuela desapareceron.

Será pois un ciclo moderado e menos pródigo para as clases populares, por razóns de coxuntura económica. Iso si, aumentará o progresivo distanciamento dos EEUU, é inevitábel, porque a importancia comercial de China aumenta tamén e iso pesa moito. Parafraseando ao independentista catalán Heribert Barrera: canto máis perto da China, máis lonxe dos EEUU.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.