Tamén somos africanos

Comecei a escribir artigos en prensa de papel en Xornal de Galicia. Non coñecía de nada a José Luís Gómez. O único que sabía del era o que percibira na presentación do xornal que levara a cabo na facultade de socioloxía. Lembro perfectamente que Federico Martin Palmero, o meu profesor de economía política, presentáramo na facultade de dereito, e desa presentación a unha comida na que José Luís Gómez me ofreceu escribir para Xornal, só mediaron 20 minutos.

Lembro, tamén, que José Luís Gómez trataba de presentar Xornal de Galicia como un proxecto xornalístico de centro-esquerda galeguista, como lembro, tamén, a cara de alegría e sorpresa que levei ao ver os meus primeiros – e bastante, bastante mellorables – artigos publicados en contraportada cunha foto. O caso é que nunca tiven unha relación profesional co xornalismo nin con xornalistas, polo mero feito de que o xornalismo – se así quere chamárselle – ou as prosas de combate político-culturais que levo escrito até o de agora non teñen un estilo rotundamente definido, sendo, mais que nada, textos que obedecen a unha necesidade expresiva que ten moito de persoal, e polo tanto, de político.

Non tiven nunca unha relación profesional co xornalismo até o de agora, tamén, polo mero feito de que sempre escribín gratis e empurrado polo desexo de comprometerme, e porque non son licenciado en xornalismo, mais podo, iso sí, tirar un par de reflexions sobre experiencias vitais concretas que tiven no meu contacto cun mundo que, a día de hoxe, paréceme tan insubstancial na súa fasquía profesionalizada como insubstanciais me parecen o 99% dos políticos profesionais.

Imaxinen a un home que se levanta da cama ás dez da mañán e recibe a chamada telefónica do xornal para recriminarlle cuestions relativas ao contido e á forma do artigo recentemente enviado. Imaxinen, tamén, que esa persoa trata de insinuar, na súa chamada telefónica, que categorizar de terrorismo de estado a decisión do trío dos Azores na guerra de Irak do 2003, parécelle algo esaxerado. Imaxinen que ese home, con calma e mesura de gentleman, responde ás cinco razons que esa persoa alega para corrixir o texto, e imaxinen, tamén, que ao final do diálogo privado, esa persoa confésalle persoalmente ao columnista que ten razón nos seus xuízos, chegando incluso a confesarlle que as persoas coas que consultou a publicación ou non publicación do texto consideran o mesmo.

Ese fatídico día no que caín na conta de que o xornalismo era un conto, no mal sentido do palabra, pois mesmo as ficcions poden ser o suficientemente ben estructuradas para desvelar verdades incómodas

Esa persoa respondeume, textualmente, o seguinte, ese fatídico día no que caín na conta de que o xornalismo era un conto, no mal sentido do palabra, pois mesmo as ficcions poden ser o suficientemente ben estructuradas para desvelar verdades incómodas.

-“Diego, de verdade, estamos dacordo contigo, mais, por favor, borra esas tres palabras”

Ipso facto, a miña decisión foi a seguinte. Publicar en Rebelion.org o texto, orixinalmente escrito en galego, utilizando o termo terrorismo de estado, e enviar outro a Xornal de Galicia cedendo á censura sutil e moi profesional. A día de hoxe, reflexionando de novo sobre o meu xeito de proceder, teño que confesar que o único motivo polo que aceptei seguir mandando artigos a Xornal de Galicia foi o feito de que tiña a posibilidade de visualizar superficialmente un feixe de textos que tiña fechados no caixón, e o feito, tamén, de que tiña a esperanza de que algún día pagasen con remuneración simbólica o meu traballo.

Resumir en 3500 caracteres textos amplos e tratar de sintetizar o máximo posible sen maquillar a realidade non é tan fácil como parece; é unha laboura que hai que facer caseque no gume da navalla

Resumir en 3500 caracteres textos amplos e tratar de sintetizar o máximo posible sen maquillar a realidade non é tan fácil como parece; é unha laboura que hai que facer caseque no gume da navalla, coidando moito o estilo e a referencialidade da linguaxe aos acontecimentos concretos, sabendo que en 3500 caracteres, o máximo que pode facer un xornalista é destilar unha pésima public opinión dende marcos de reproducción verbal de mesaxes estrictamente corporativizados e privatizados.

Se son sincero, non teño moitas esperanzas postas no xornalismo como profesión, do mesmo xeito que tampouco teño esperanza ningunha, nin na filosofía,  nin na política profesionalizada

Se son sincero, non teño moitas esperanzas postas no xornalismo como profesión, do mesmo xeito que tampouco teño esperanza ningunha, nin na filosofía,  nin na política profesionalizada. Hai palabras e valores moito máis importantes que os ríxidos códigos deontolóxicos e os manuais de estilo. Se un quere gañarse a vida co xornalismo, que desista. Se un quere mostrar ou dicir verdades como columnista, que desista. O xornalismo dá de comer malamente, e dicir ou mostrar a complexidade dun proceso social cos marcos, códigos deontolóxicos e manuais de estilo do xornalismo realmente existente non é posible, agás no formato dun amplo reportaxe fotográfico e sociolóxico. Ao máximo que se pode aspirar é a introducir, iso sí, aos lectores, nunha realidade que só podemos facer intelixíbel se utilizamos outro tipo de prosodias e técnicas de investigación–representación da realidade que sobardan as formas, digamos, tradicionais, que caracterizan a iso que chaman o estilo xornalístico.

Imaxinen agora que un home se levanta ás dez da mañán e recibe a chamada do director do xornal no que hai moi pouco comezou a colaborar. Imaxinen que éste lle comunica que un partido político anda na procura de técnicos para axudar ao seu aspirante a presidente autonómico a modernizar o seu discurso. Imaxinen que ese home espera meses pola chamada do partido e decide mover os fíos para procurar ese traballo. Imaxinen que chama ao xefe de prensa do partido de turno, e imaxinen que ao final remata por facer a entrevista de traballo no mesmo Parlamento de Galicia e no despacho do aspirante. Imaxinen que ese home, que sabe perfectamente que se está metendo no estómago da balea, escolle botar man de dotes dramatúrxicas e dicir e actuar xustamente o que o seu boss quere escoitar. Moi ben; poden deixar de imaxinar: o home que se levanta ás dez da mañán, son eu. O director do xornal que paga os meus servicios xornalísticos gratis con contactos políticos, chámase José Luís Gómez. E o aspirante a presidente autonómico, Pachi Vázquez.

Cando entrei a traballar no departamento de in-comunicación e des-información do Partido Socialista de Galicia, tiven tempo abondo para reflexionar, non só sobre a suposta eficacia  do traballo que tiña que desempeñar, senon tamén sobre o funcionamiento internos ( funcionamento interno ) dos partidos políticos, cunha división intelectual e manual do traballo que imita perfectamente ás formas de división intelectual e manual do traballo dunha empresa capitalista - quer clásica, moderna ou post-moderna - mais cunha diferencia: nun partido político, son productos verbais e ideolóxicos o que trata de venderse á sociedade civil, e eses productos verbais e ideolóxicos non son máis que o espello deformado e deformante dunha rede de intereses económico-corporativos localmente materializados.

O produto que tivemos que vender daquela as dúas persoas que estabamos no departamento de in-comunicación e des-información do PSdeG-PSOE chamábase, off course, socialdemocracia galeguista

O produto que tivemos que vender daquela as dúas persoas que estabamos no departamento de in-comunicación e des-información do PSdeG-PSOE chamábase, off course, socialdemocracia galeguista, e teño que confesar ante min mesmo e ante as bruxas que nunca na vida crin en tal producto, mais tiven que actuar coma se  existise algo chamado socialdemocracia galeguista, por unha sinxela razón: porque me gusta gañar cartos mentras os meus xefes durmen tranquilos pensando que son idiota.

Nunca, nunca, nunca puiden observar tanta fachenda, tanta vaidade e tanta mentira como na conversa directa con xornalistas de profesión e políticos profesionais.

Teño que confesar, tamén, que todo o que eu esperaba do xornalismo e da política, e que tanto me facía sufrir no seu tempo, a día de hoxe representa para min todo un chiste. Nunca, nunca, nunca puiden observar tanta fachenda, tanta vaidade e tanta mentira como na conversa directa con xornalistas de profesión e políticos profesionais. A incapacidade para pensar e reflexionar alén de criterios utilitaristas, a desidia do pensamento, a total falta de volición ética e capacidade de anticipación, existe, precisamente, naqueles postos de responsabilidade nos que o procesamento e a formalización da información, así como a toma colectiva de decisions, se representan públicamente: o xornalismo e a política.

Existe, en Galicia, unha nutrida rede de axentes políticos e mediáticos que se encargan de manter a esa cousa chamada Galicia no plano da mera metáfora

Existe, en Galicia, unha nutrida rede de axentes políticos e mediáticos que se encargan de manter a esa cousa chamada Galicia no plano da mera metáfora, coma existe, tamén, en Galicia, unha nutrida rede de axentes editoriais que se alimenta, cultural e económicamente, desa rede. Resulta canto menos patético ver como entre partidos totalmente asolagados polas dinámicas da política procedimental clásica da civilizatio neo-liberal pululan nutridos intelectuais de perfumado radicalismo que practican o posibilismo institucional en público, incluso patrimonializando políticamente causas e datas que deberían ser comuns, co radicalismo intelectual en privado: Deconstrucción social, institucional e ideolóxica a esgalla e individualismo metodolóxico levado ao extremo. Todo se afoga nun voluntarismo político expresado no formato public opinión e na terrible ausencia de colaboración coordinada entre técnicos, políticos e sociedade civil en eidos relacionados e complementarios. A realidade, nos seus matices, non importa. As ficción tranquilizadoras, por suposto, sempre: son moi rentables.

Cheguei a este país orfo dunha melodía, clásica ou disonante, que se propuxese interpretalo coma un todo. Probablemente, quen sabe, cústenos décadas sair desta condición de colonia auto – colonizada recíprocamente entre a desidia dos seus nativos, o afán de recoñecimento meramente individual dos seus intelectuais e a insaciable mercantilización de todo o humano por parte da súa clase empresarial, nativa ou foránea.

Froito da profunda anormalidade institucional na que nos atopamos, xermola, xustificadamente, a re-existencia permanente dun nacionalismo anti-colonial de esquerdas ética, epistémica e ideoloxicamente fundamentado que só atopou, até o de agora, teorización  política e fundamento científico en individualidades comprometidas, mais que foi un rotundísimo fracaso colectivo.

Só un trauma, un trauma profundo, poderá sacarnos deste mal soño. Só un trauma, un trauma profundo, poderá convencernos de que en Galicia, re-existir, individual e colectivamente, na situación actual, só poderá ser posible tecendo pontes de diálogo 

Só un trauma, un trauma profundo, poderá sacarnos deste mal soño. Só un trauma, un trauma profundo, poderá convencernos de que en Galicia, re-existir, individual e colectivamente, na situación actual, só poderá ser posible tecendo pontes de diálogo e colaboración recíproca entre a póla máis libertaria e a póla máis liberal-democrática do nacionalismo anti-colonial de esquerdas. Un nacionalismo ética, epistémica e ideoloxicamente fundamentado. Un nacionalismo anti-colonial con aroma, por así dicilo, africano. Un nacionalismo anti – colonial telúrico e popular con capacidade para representar, a nivel autonómico, estatal e Europeo, cal é o conto máis acaído para facer entender, a propios e alleos, que as razons de ser da cuestión nacional galega son as mesmas razons de ser dunha democracia aínda por construir, e que esa democracia será só unha quimera sen un esforzo pedagóxico constante na sociedade civil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.