Tempo

Tempo CC-BY geralt

Hemeroteca

 

En poucas ocasións Hollywood ofrece ao seu grandísimo público relatos disruptivos que fagan reflexionar sobre o conxunto das institucións e o status quo. Supoño que algunha produtora incauta tivo a ben considerar, en 2011, a proposta Andrew Niccol, guionista de ‘O Show de Truman’. O neocelandés presentaba entón In-Time, un filme blockbuster protagonizado por Justin Timberlake e Amanda Seyfried; non parecía precisamente tratarse dun panfleto presidido pola fouce e o martelo. O punto de partida da película era estimulante; tratábase dun mundo distópico onde o xene do envellecemento humano fora desactivado. Aos 25 anos, activábase unha conta atrás que obrigaba aos adultos a obter recursos en forma de horas e minutos a través do traballo. Un descenso do salario, un cambio de prezos ou uns días sen traballo, por exemplo, reducían considerablemente a súa esperanza de vida. Nesta realidade, as persoas de clase alta podían vivir case eternamente; en cambio os traballadores tiñan serias dificultades para manterse vivos. Todo se mostraba a través dunha chocante pulseira subcutánea, onde figuraba canto tempo quedaba até o teu falecemento. En América Latina traduciron o seu título cun acertado ‘O tempo do mañá’.

É necesario que os líderes políticos do noso tempo -especialmente os de esquerdas- volvan poñer o tempo das persoas no centro do discurso

A película de Niccol non é ningunha obra mestra, pero expón un debate interesante con moito máis percorrido que o da realidade alternativa que vimos no cinema. O sistema económico vixente ten moitas contradicións. A miña xeración fíxose maior berrando “non imos ter unha casa na puta vida”, na época do 15M, mentres observaba como o avance de grandes fondos voitre mantiña á alza o prezo da vivenda. Logo falouse de xentrificación, porque a suba de salarios non cubriu a alza de prezos. Os habitantes das grandes cidades marcharon -e marchan aínda- ás periferias, investindo tempo e diñeiro en transporte. De feito, non invisten nada, simplemente perden tempo e diñeiro para poder ir traballar onde intercambian forza de traballo -e tempo- a cambio de diñeiro. Parece un trabalinguas, pero non o é.

A pandemia sacou a relucir novas gretas do sistema. Non fai falta ser un radicalizado anticapitalista nin un leninista convencido para observar o que nos aconteceu nos últimos meses. O teletraballo, lonxe de chegar como unha conquista traballadora, traspasou custos ao traballador (auga, luz, espazo de traballo e mesmo tecnoloxía). En moitos casos, desdebuxou horarios -sempre a favor de quen manda- incompatibilizando, na práctica, o desenvolvemento de máis dunha actividade. Non quero imaxinar ao fillo dun obreiro que non pode currar a distancia conectado máis de 12 horas a un computador: as primeiras seis estudando para progresar socialmente e as outras seis traballando para poder pagar a matrícula.

O teletraballo, lonxe de chegar como unha conquista traballadora, traspasou custos ao traballador (auga, luz, espazo de traballo e mesmo tecnoloxía). En moitos casos, desdebuxou horarios -sempre a favor de quen manda- incompatibilizando, na práctica, o desenvolvemento de máis dunha actividade

É necesario que os líderes políticos do noso tempo -especialmente os de esquerdas- volvan poñer o tempo das persoas no centro do discurso. Á fin e ao cabo, trátase de liberdade. Un salario xusto permíteche decidir de que xeito queres gastar o teu tempo libre do mesmo modo que un horario definido déixache compatibilizar diferentes actividades. Un prezo de vivenda xusto axúdache a desenvolver a túa vida preto da túa familia ou do teu posto de traballo; e fai máis difícil que padezas estrés ou que perdas o teu tempo no transporte. 

Obviamente, non todos os traballadores poden traballar desde casa. Os que si podemos facelo somos uns privilexiados, porque estamos menos expostos a contraer o virus por mor da nosa actividade profesional. Agora ben, a vida non é esencialmente traballo. Cabe recoñecelo e expoñelo sen vergoña; deixando atrás o afán competitivo. Os traballadores en ERTE, os autónomos en problemas ou os traballadores a distancia puideron compartir máis tempo cos seus fillos, poñer lavadoras a media mañá ou baixar a comprar o pan para o almorzo. Tomemos nota desa normalidade que sempre nos foi roubada polas présas para subirnos ao tren, metro ou autobús dirección á oficina.

As persoas só podemos ser verdadeiramente libres se temos garantido un nivel de vida digno; como punto de partida. Por esta razón, é un bo momento para estudar a implantación dunha renda básica universal

As persoas só podemos ser verdadeiramente libres se temos garantido un nivel de vida digno; como punto de partida. Por esta razón, é un bo momento para estudar a implantación dunha renda básica universal. Todas as axudas pensadas para frear os efectos económicos da pandemia están a chegar tarde, xerando secuelas se cadra irreversibles en pequenas empresas e autónomos. A administración, ademais, móstrase incapaz de xestionar unha avalancha de peticións tan grande en tan curto período de tempo. A todo o anteriormente mencionado, a renda básica universal ofrecería respostas adecuadas.

A pandemia é tamén unha oportunidade para pornos ante o espello. Ollo! Que a min gústame teletraballar, pero igual debería ser o patrón quen me pagase unha cadeira de escritorio máis cómoda. As miñas costas seguro que gañarían tempo de vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.