Tempo de imaxinar

O que naceu dun acto de violencia constituínte/destituínte ben podería morrer – de feito, adoita facelo – nun acto de violencia constituínte/destituínte. De feito, se somos máis precisos, un acto de violencia constituínte ten como motivación profunda a destitución de calqueira auctoritas que tenda a xustificarse, ou ben dende o discurso legalista da retórica da traditio liberal decimonónica, ou ben dende o discurso populista-carismático, co seu culto adscrito á persoalidade… ou ben dende o uso da violencia, quer informal-clandestina ou quer legalmente formalizada. Como non confío moito no poder omnímodo das palabras e as categorías para analizar a complexidade dun proceso social, gustaríame especificar que, se aplicásemos una mirada documental, isto é, se aprendésemos a observalos e enfocalos mentras acontecen, facendo un esforzo de distanciamento, en lugar de fechalos en demasía en categorías conceptuais, dariamonos conta de que o discurso legalista da traditio liberal decimonónica, o discurso populista-carismático e o uso da violencia, as tres cousas ao mesmo tempo, e tanto baixo o parapeto dunha retórica legalmente formalizada coma baixo o parapeto de certa retórica de resistencia en espacios informais-clandestinos, intercámbianse os papeis no mesmo proceso constituínte/destituínte, sendo utilizados moitas veces como recurso estratéxico e simbólico para afortalar e consolidar reximes políticos que perderon todo consentimento coa sociedade civil, por un lado, e como recurso estratéxico e simbólico, tamén, para predispor afectivamente á sociedade civil a crer e colaborar cooperativamente nunha cultura cotiá para xerar unha alternativa posible á cultura dominante da civilizatio neoliberal, por outro lado.

Por que todo poder – ou contrapoder – busca relixiosamente, con esquizofrénica obsesión, o consentimento civil?

E aquí, precisamente, quería chegar: Por que todo poder – ou contrapoder – busca relixiosamente, con esquizofrénica obsesión, o consentimento civil? Claro, todos presupoñemos que iso é o que debería facer se quere ser – ou parecer, que non é o mesmo – democrático. Mais, o chiste do asunto desvélase cando un cae na conta de que, habitualmente, e con máis frecuencia da desexada, tanto o poder coma o contrapoder fan moito, moito máis énfase na necesidade de gañar-ter o consentimento civil que na non menos acuciante necesidade de esforzarse en producir unha cultura autónoma; isto é : suxeitos autónomos. Non resulta estraño que, ao mesmo tempo que se loita encarnizadamente pola necesidade do consentimento civil, se faga moitísimo menos énfase – cando non, diretamente, se ignora – na súa necesidade de autodeterminarse creativa e culturalmente; sobre todo cando é ela mesma, a instancia civil da sociedade, con tódalas súas múltiples desfragmentacions e estructuras de desigualdade, e sen intermediarios, a que reclama a súa lexitimidade para reformular os contidos éticos e normativos que deberían resultar dun novo contrato social?

Neste drama, precisamente neste, cáptase perfectamente a ambivalencia e a disonancia dos suxeitos que non están dispostos a renunciar a unha situación de confort ou privilexio para sumarse a un proceso constituínte/destituínte que faría perigar os cimentos materiais da súa liberdade, situándoo nun molesto principio de incertidume. Todos, máis ou menos, e eu inclúome, facemos este cálculo cando se trata de asumir compromisos de máximos sen utilizar a lóxica do posible e a cambio de nada, a non ser dun gasto absurdo de enerxía e da precarización dos cimentos materiais da liberdade humana, sexan conqueridas co propio traballo ou herdadas filiativamente.

Percibín a dupla moral que mencionei anteriormente, nos pequenos círculos do nacionalismo galego de esquerdas, tanto no institucionalmente consolidado xa hai tempo (BNG) como no emerxente que se divorciu do anterior (ANOVA)

Todos, eu creo, somos un pouco ambivalentes e disonantes cando nos plantexan un proxecto político, por así dicilo, de máximos revolucionarios; ese tipo de proxectos edulcorados con moito marketing emocional e papel de celofán nos que os bos, os malos, os xustos, os inxustos, os paraísos sociais á volta da esquina e as solucions finais están tan claras no guión coma un sinxelo problema de cálculo ou pensamento lóxico. Vin e captei perfectamente esta silenciosa ambivalencia, así como percibín a dupla moral que mencionei anteriormente, nos pequenos círculos do nacionalismo galego de esquerdas, tanto no institucionalmente consolidado xa hai tempo (BNG) como no emerxente que se divorciu do anterior (ANOVA). Polo que a min respecta, o meu alonxamento é cada vez máis profundo, tanto pola terrible opacidade comunicativa e falta de frescura e axilidade institucional como polo propio ecosistema de ideas imperante. Pensei que a categoría esquerda e nacionalismo poderían ser compatibles en determinados contextos: trabuqueime, sí. Trabuqueime de novo como cando me trabuquei crendo que nos círculos intelectuais galegos podería sementarse aquelo que André Gorz chamaba O humanismo do traballo.

Os maximalismos identitarios e programáticos de certa esquerda nacionalista só me parecen necesarios – que non é o mesmo que opcionais – en contextos e xeografías dramáticamente adversas

Trabuqueime, sí, e argumentarei os meus motivos :

1 – Porque os maximalismos identitarios e programáticos de certa esquerda nacionalista só me parecen necesarios – que non é o mesmo que opcionais – en contextos e xeografías dramáticamente adversas, e cando digo adversas estou pensando en dramas de verdade como os de Gaza – é un estudo de caso entre moitos -, en situacions de vida ou morte .

2 – Porque antes de autogobernarse, civil e institucionalmente, de facto, hai que ter un programa de goberno a medio-curto prazo que canalice socialmente e verbalice o modelo social alternativo que se ofrece, guste ou non guste de partida a unha maioría social. A lóxica da improvisación no camiño e o resistencialismo simbólico permanente xustificado baixo a lóxica do canto peor (desgobernen eles) mellor (oportunidade para ocupar a súa cadeira), non vale.

Cometín un erro confiando no nacionalismo galego de esquerdas, e del, precisamente, penso aprender, o cal non implica convertirme ao furibundo anti-nacionalismo de moitos neo-conversos que abandonan o seu obxeto de desexo con resentimento de por vida.

Nin o estatalismo nin o nacionalismo nin a mercadocracia, coma ingredientes ideolóxicos, son capaces de ofrecer nada consistente á sociedade civil

Nin o estatalismo nin o nacionalismo nin a mercadocracia, coma ingredientes ideolóxicos, son capaces de ofrecer nada consistente á sociedade civil. Nada de nada, agás máis control bernizado con retórica libertaria. E non son capaces porque é o único que son : ideoloxía en estado puro, mais da mala. O opio do pobo en versión secularizada mais sen unha proposta política concreta e de mínimos que secularice a sociedade civil-política da cidade de Deus, tanto financeira como administrativa e educativamente. Cando o estado é, en sí mesmo, un fin, e non un medio, e cando a normalización cultural en contextos de marcada subalternidade é un fin en sí mesmo, e non un medio para desarrollar as singularidades dunha cultura nacional sen obviar os dereitos das persoas, o caldo de cultivo para novas formas de micro ou macro totalitarismo, de racismos de maiorías ou minorías, está cociñado de antemán.

Concretar específicamente plans de desenvolvimento cooperativo local, así como materializalos e traballalos sobre o campo. Concretar específicamente os fundamentos dunha reforma do réxime salarial e fiscal vixente, cuxa desproporcionada inxustiza mantén á sociedade civil nunha situación de precariedade vital o suficientemente seria como para manifestarse en índices de suicidios nunca vistos dende a España da Transición. Concretar moi específicamente a forma de declarar xurídica e políticamente non vinculante o concordato firmado polo Estado español coa Santa sede antes de que o mesmo Estado español se dotase a sí mesmo dunha constitución. Concretar reformas constitucionais concretas que camiñen cara a concepción de España coma unha entidade política federal composta por suxeitos políticos tan plurais como as nacions que a integran, e cuxo contrato de convivencia non ten porque ser irrompible se así o quixese unha ampla maioría das súas sociedads civís. Concretar específicamente a recuperación da xestión e administración integralmente pública do sistema sanitario e educativo, así como expandir o gasto público en todo o referente á cobertura de situacions de dependencia física ou psíquica.

Concretar específicamente cal é o ratio de gastos e ingresos fixos que o estado debería comprometer no mantenimento e rego financiero do seu sistema sanitario e educativo, cunha rigurosa planificación dos estudios de necesidades y recursos tecnolóxicos e humanos. Especificar que este este esforzo de ingreso debe realizarse a través dos gravámenes ás grandes rentas e non sobre os consumos e rentas do traballo, é de capital importancia. Como o é, antes de todo e sobor de todo, especificar os termos nos que e as cuantías sobre as que a deuda soberana do noso nada soberano estado debería ser considerada fraudulenta e ilexítima, e especificar, tamén, a derogación de todo tipo de lexislación civil que nega ás mulleres o dereito a auto-determinar os seus corpos e ser donas das súas decisions reproductivas.

Isto é un traballo mental e práctico que require coordinación e eficacia, non só nos movimentos sociais, aos que considero esenciais e irrenunciables como axentes de cambio e muros de contención ante o avance da civilizatio neoliberal

Isto é un traballo mental e práctico que require coordinación e eficacia, non só nos movimentos sociais, aos que considero esenciais e irrenunciables como axentes de cambio e muros de contención ante o avance da civilizatio neoliberal, e aos que considero, ademais, clave, á hora de frear a tendencia dos partidos políticos tradicionais a formular estratexias de comunicación e acción social – as dúas actividades deben ir da man – de consumo fácil e con criterios puramente electoralistas e curtopracistas.

A política – realmente existente – segue a ser un deserto. Afortunadamente, a vida, de momento, aínda pode ser outra cousa

Reflexionen, pois, os defensores de esencias patrias e libertarias, e non só das esquerdas nacionalistas, senon tamén das esquerdas estatalistas, porque mentras eles fan de nós suxeitos nómadas e mestizos – con moito orgullo -, obrigándonos, explícita e implícitamente, a asumir os fundamentos territoriais e culturais da cidadanía – tan circunstanciais coma o noso nacimento -, nós seguiremos recordándolles os seus erros… e asumindo os nosos.

A política – realmente existente – segue a ser un deserto. Afortunadamente, a vida, de momento, aínda pode ser outra cousa. É, segue a ser, tempo de imaxinar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.