Non, non sae a conto.
'Yo soy yo y mi circunstancia, [y si no la salvo a ella no me salvo yo]' é unha coñecida frase (en particular, a primeira parte dela) de Ortega y Gasset. Soe tomarse iso, a primeira parte, como marco para dicir algo como que sen os demais non somos nós, en moi diferentes versións, intensidades e aplicacións, mentres a segunda é escatimada como accesoria. Mais, sexa cal sexa o uso que se faga da parte coñecida, esa segunda que puxen entre corchetes remacha que as circunstancias son esenciais para nós, que non é só que sexan algo que temos asociado, senón que dependemos delas.
Non fai falta un pensamento filosófico profundo ou enrevesado para comprender que as circunstancias da vida nos afectan. E entre esas circunstancias, están os demais, coas súas propias circunstancias. Os seres humanos comprendemos isto dende moitos moitos milenios atrás, o que fixo posible a sociedade, co desenvolvemento da empatía e os mecanismos de relación. Coa chegada de sociedades máis e máis complexas, e a formación de subgrupos no seu interior, parte do mantemento mutuo, base das relacións humanas, foise institucionalizado e esvaecéndose a súa sinal no radar persoal de cada un, esquecendo cousas como que somos iguais aínda que sexamos diferentes, e viceversa. Así, hoxe, deberes e culpas distribúense institucionalmente, rematando nun 'ninguén' no que non estariamos cando nos afecta negativamente ('ninguén' é culpable e se fai cargo da corrupción, 'ninguén' ten por que axudar a manter a vila limpa) ou nun 'todos' inclusivo tamén de nós cando podemos aproveitarnos (todos temos tantos dereitos como quen máis).
Así, as circunstancias poden variar moito dunha a outra persoa. Circunstancias que como na lotería da vida, poden, por exemplo, levarte á pobreza ou facilitarte a riqueza.
Os bancos sempre son rescatados, aínda que ti sexas desafiuzado, Sempre hai cartos para guerra aínda que a falta de educación fomente a inseguridade e condene á sociedade a un endurecemento da loita dos seus membros pola vida. A igrexa quéixase de recibir poucos cartos mentres nos hospitais hai curas e faltan médicos. Circunstancias que, como apuntaba Ortega, se non as salvamos, non nos salvamos. Circunstancias que veñen debuxadas por prioridades. Nós, a nós mesmos, sempre nos consideramos prioritarios. Mais, cabe pensar, e se a prioridade non es ti?
Ven o título a conto dun estudo onde se amosa que a pobreza custa millóns á sociedade en conxunto, e polo tanto custa riqueza a cada un, mesmos á xente rica. En España, cada ano, a pobreza infantil custaría á sociedade uns 63 000 millóns de euros. Non é nada novo: xa hai un par de decenios que Amartya Sen obtivo o Nobel de economía por amosar, tamén décadas antes, o mellor funcionamento económico das sociedades máis igualitarias, nas que o valor persoal está potenciado e potencia o conxunto dun xeito máis eficiente.
Estamos en eleccións. O ben común necesita políticas eficientes. Eficiencia que non vai da man da desigualdade, nin do 'sálvese quen poda', senón ó revés, da igualdade e do botar unha man polos máis. Dino os filósofos, e tamén os economistas. Traballaremos para que o pensen os políticos e obren en consecuencia?