Unha das formas máis humanas de saír da túa casa é por aburrimento. O teu propio fogar pode converterse na sala de espera dunha notaría ou, moito peor, no máis aburrido dos teus amigos. A Paul Hackett, o protagonista de After Hours, de Scorsese, pasoulle algo semellante
Unha das formas máis humanas de saír da túa casa é por aburrimento. O teu propio fogar pode converterse na sala de espera dunha notaría ou, moito peor, no máis aburrido dos teus amigos.
A Paul Hackett, o protagonista de After Hours, de Scorsese, pasoulle algo semellante. Estaba nese punto singular no que non te sentes nin feliz nin desgraciado, que é xusto o lugar do páncreas onde medra o tedio. Vives amparado polo teu propio teito sen decatarte de que o tes sobre ti, que é a máis tranquilizadora das normalidades. E, a diario, abres a porta e marchas coa conciencia confiada porque sabes que sempre queda a posibilidade de volver.
Hackett, aburrido, saiu esa noite do seu apartamento para ir ver a unha muller que practicamente non coñecía de nada. O que vén despois é unha sucesión de vivendas distintas. Entra no loft de Kiki, a escultora; na casa de Tom; na de Julie; na de Gail; na de outro estraño; e, finalmente na de June. Chama a moitas portas, pide teléfonos, agóchase, foxe. Ten xogos de chaves que non son seus e tabiques alleos entre os que poder abrigarse durante un anaco. Canto máis avanza a noite, máis casas coñece pero máis difícil lle resulta regresar á súa.
Ten algo de actual esta condena. Quizais porque nunca tivemos tantos modos de vivir nunha casa sen que chegue a ser nosa: un apartamento alugado mes a mes, un piso compartido, un único cuarto como refuxio, o retorno a casa dos pais. Coñecín a unha persoa de 52 anos que volveu ao dormitorio de cando tiña dazasete, como se alguén lle fixera un dobre nudo ao cordón umbilical. Ten que ser duro volver a convivir cos restos arqueolóxicos da túa mocidade. A dignidade conquistada cada vez que cruzas unha etapa debería ser irreversible.
Despois de pasar por tantas casas procurando un lugar no que quedar, Paul só consegue permanecer nunha delas cando deixa de ser unha persoa e o converten nunha cousa. Son as vantaxes que as cousas teñen sobre nós, aínda que non teñan corazón. O día que lle instalen un, xa nos encargaremos de que sufran como é debido.
A precariedade é ocupar un sofá que nunca chegará a afacerse a túa forma. Non poder pintar unha parede que ves a diario. Non atreverte a mercar unha mesa para a cociña porque sospeitas que non caberá na seguinte. Notar que che negan o tempo suficiente para deixar medrar unha planta no balcón.
Hoxe, mentres as palabras oferta, demanda, parque inmobiliario, rendibilidade, activo ou investimento sexan antónimos de cepillo de dentes, mando a distancia, cortina de ducha, consola para a entrada e edredón, moitos individuos seguirán sufrindo o castigo de vivir baixo a prudencia de quen sabe que está só de visita; milleiros de persoas continuarán a vivir a tortura de non permanecer.
Cara ao final da noite, Hackett remata a súa peregrinaxe na casa de June. Para agochalo da xente que o persegue. Ela cúbreo de papel maché ata convertelo nunha escultura. É unha crueldade magnífica. Despois de pasar por tantas casas procurando un lugar no que quedar, Paul só consegue permanecer nunha delas cando deixa de ser unha persoa e o converten nunha cousa. Son as vantaxes que as cousas teñen sobre nós, aínda que non teñan corazón. O día que lle instalen un, xa nos encargaremos de que sufran como é debido.