Todo fume en San Francisco?

Biden e Xi Jinping, nun encontro anterior CC-BY-SA 李 季霖

Os presidentes Joe Biden e Xi Jinping protagonizaron un desexo compartido de certo sosego en San Francisco, á marxe do cume da APEC. Así quedou reflectido no ton dos seus encontros e na afabilidade xeral das conversas mantidas. Tamén houbo acordos sobre a loita contra os estupefacientes (fentanilo) ou o restablecemento do diálogo ao máis alto nivel en materia de defensa

Os presidentes Joe Biden e Xi Jinping protagonizaron un desexo compartido de certo sosego en San Francisco, á marxe do cume da APEC. Así quedou reflectido no ton dos seus encontros e na afabilidade xeral das conversas mantidas. Tamén houbo acordos sobre a loita contra os estupefacientes (fentanilo) ou o restablecemento do diálogo ao máis alto nivel en materia de defensa. A comunicación directa entre as máximas autoridades das dúas economías máis grandes do mundo ofrece garantías engadidas á estabilización das relacións tras episodios convulsos recentes como o do suposto globo espía chinés ou a visita de Nancy Pelosi a Taiwán.

A boa vontade mutua foi evidente mesmo cando, na rolda de prensa de Biden o 16 de novembro, un xornalista preguntoulle se aínda consideraba a Xi Jinping un "ditador". O presidente confirmou a súa opinión, pero precisou que se trata dunha "forma de goberno diferente" e que "en todo caso avanzaron"...

Tras unha primeira reacción ofendida que cualificou de "inaceptable" a observación de que Xi Jinping é un ditador, a portavoz Mao Ning corrixiu para adaptarse ao ton conciliador de Biden: "Hai que subliñar que sempre haberá persoas con motivos ocultos que tentan socavar as relacións dos Estados Unidos con China”...

Biden e Xi coñécense dende agosto de 2011, cando o entón vicepresidente de Barack Obama foi invitado a Pequín por Xi Jinping, tamén vicepresidente de Hu Jintao. Daquela, a alquimia persoal entre ambos semellaba forte e transmitía a esperanza dun entendemento capaz de influír positivamente nas estratexias dos respectivos estados.

Dificultades

A comunicación directa entre as máximas autoridades das dúas economías máis grandes do mundo ofrece garantías engadidas á estabilización das relacións tras episodios convulsos recentes como o do suposto globo espía chinés ou a visita de Nancy Pelosi a Taiwán

Sen dúbida, esta posta en escena de San Francisco supón un éxito de ambas diplomacias que se aplicaron a fondo a tal fin no último semestre. Durarán os seus froitos? A pregunta é pertinente xa que sobre as principais cuestións subxacentes ningunha das dúas partes se moveu das súas posicións de principio. Aínda así, en China, sobre todo, o encontro e os seus resultados celebráronse con moito ruído porque confían en que permita unha progresiva normalización dos intercambios. E isto quizais sexa posible nalgunhas áreas, pero dificilmente pode chegar aos principais problemas que os seguen dividindo.

En efecto, non son previsibles, polo menos polo momento, cambios substanciais, por exemplo, na actitude da Casa Branca en relación aos intercambios comerciais ou á pugna tecnolóxica. Isto a pesar de que o balance, polo menos no primeiro caso, é claramente inaceptable para Washington. Se o expresidente Donald Trump pretendía corrixir o déficit comercial coa súa guerra económica, os resultados foron pírricos. En 2022, ese déficit ascendeu a 370.000 millóns de dólares. Na orde tecnolóxica, a imposición de restricións e sancións así como o reforzo do entendemento con socios clave (desde Corea do Sur ata Taiwán pasando por Holanda) permitiu aos EUA afectar en grande medida o rápido avance chinés, anque certamente non impedilo de todo.

Nestes ámbitos, claves para China, non parece que se aventuren mudanza que, de producirse, serían moi ben recibidas na economía do xigante asiático, inmersa nun complexo cambio de modelo. A pesar diso, este ano podería medrar por riba do 5 por cento, segundo o FMI.

Non son previsibles, polo menos polo momento, cambios substanciais, por exemplo, na actitude da Casa Branca en relación aos intercambios comerciais ou á pugna tecnolóxica. Isto a pesar de que o balance, polo menos no primeiro caso, é claramente inaceptable para Washington. Se o expresidente Donald Trump pretendía corrixir o déficit comercial coa súa guerra económica, os resultados foron pírricos. En 2022, ese déficit ascendeu a 370.000 millóns de dólares

Na orde estratéxica, non parece que o encontro induza cambios substanciais. Cando o titular do Pentágono Lloyd Austin visitou Ucraína hai días para anunciar un novo paquete de axuda, non puido resistirse a mencionar a China para lembrar que se Rusia triunfa en Ucraína, China podería encoraxarse para utilizar a forza militar e ampliar o seu territorio no Indo-Pacífico. Ao mesmo tempo, continúan no Mar da China Meridional as patrullas conxuntas marítimas e aéreas dos EUA e os seus aliados que xunto ás accións do exército chinés pouco axudan a rebaixar a tensión.

Pero Taiwán é o punto de incandescencia máis sensible sobre o que ningún dos dous fixo a máis mínima concesión. Xi díxolle a Biden que non ten intención de recorrer ao uso da forza contra Taiwán en 2027 ou 2035, como suxiren algúns estrategos vinculados ao Pentágono, a non ser que se produza unha alteración do statu quo. A cambio, esperaba moderación no subministro de armas a Taiwán, que a Casa Branca rexeitou rotundamente. O traballo de preparación militar e defensa da illa probablemente non se deteña nin sequera no caso de que se produza un cambio de goberno o próximo ano en Taipé. Inmediatamente despois da reunión Biden-Xi, China volveu intensificar as súas actividades militares en torno a Taiwán.

Garantía

China e os EUA son as dúas principais economías do mundo, cun agregado económico que supera a terceira parte do total mundial, case a cuarta parte da poboación mundial e aproximadamente a quinta parte do volume de comercio bilateral mundial.

Biden deu garantías a Xi: un compromiso de que non busca unha nova Guerra Fría, non busca cambiar o sistema de China, non busca revitalizar alianzas contra China, non apoia a "independencia de Taiwán" e non ten ningunha intención de entrar en conflito con China. E Xi respondeu cun compromiso co que el chama os "cinco piares" das relacións sino-estadounidenses

Ambos os países desenvolveron un comercio bilateral por valor de 760.000 millóns de dólares e acumularon investimentos en ambas direccións por máis de 260.000 millóns de dólares. Estableceron irmandamentos de 284 provincias, estados e cidades, cun máximo de máis de 300 voos semanais e máis de 5 millóns de persoas que viaxan entre elas cada ano.

Biden deu garantías a Xi: un compromiso de que non busca unha nova Guerra Fría, non busca cambiar o sistema de China, non busca revitalizar alianzas contra China, non apoia a "independencia de Taiwán" e non ten ningunha intención de entrar en conflito con China.

E Xi respondeu cun compromiso co que el chama os "cinco piares" das relacións sino-estadounidenses. O primeiro é establecer conxuntamente unha comprensión correcta. O segundo é xestionar conxuntamente e eficazmente as diferenzas. O terceiro é promover conxuntamente unha cooperación mutuamente beneficiosa. O cuarto é asumir conxuntamente as responsabilidades das grandes potencias, e o quinto é promover conxuntamente os intercambios culturais e entre persoas. Estes "cinco puntos en común" establecerían a "Visión de San Francisco" para o futuro.

Ninguén dubida de que nesta atmosfera, os EUA e China promoverán conxuntamente o éxito da 28a sesión da Conferencia das Partes (COP28) da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático en Dubai. É un feito positivo pois teñen capacidade abondo para impulsar cambios substanciais nesta orde a nivel global. Pero non se escapa a ninguén que Biden ten por diante un ano electoral que será moi difícil de abordar sen ser duro con China. O republicano Mike Gallagher, presidente do Comité Selecto da Cámara de Representantes dos Estados Unidos sobre a Competencia Estratéxica entre os Estados Unidos e o Partido Comunista Chinés, xa advertiu de que este cume foi "só fume"...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.