Topes fóra

Mísiles CC-BY-SA Lornarphoto

Conta Gorbachov nas súas memorias que o tratado de eliminación de mísiles de alcance corto e intermedio (coñecido polas súas siglas INF) marcou o principio do final da guerra fría. A aquel seguíronlle outros acordos, pero todo comezou co INF. O ex líder soviético situaba esta sinatura a idéntico nivel que a retirada das tropas de Afganistán, facilitando o equilibrio estratéxico entre as dúas superpotencias, reducindo o risco de confrontación e evitando a proliferación nuclear. 

A insistencia dos EUA en abandonar o acordo introduce novos e importantes riscos na seguridade mundial

Agora, co pretexto de que Moscovo supostamente o violaba, Washington anunciou a cancelación oficial, abrindo de novo a caixa de Pandora dunha carreira de armamentos. A insistencia dos EUA en abandonar o acordo introduce novos e importantes riscos na seguridade mundial. A razón fundamental que inspira a decisión da Casa Branca reside en liberarse dos topes e restricións que condicionaban os seus plans para incrementar o despregue militar, cada vez símbolo mais principal da súa hexemonía global.

Neste contexto, sorprende a práctica inhibición da UE nos meses transcorridos. Se ninguén o remedia, cabe esperar que nos próximos anos, EUA, co aval da OTAN, inicie movementos para despregar mísiles prohibidos polo tratado nas proximidades de Rusia. Europa será novamente o principal escenario dunha confrontación que podería escalar se o Kremlin, como é previsible, adopta contramedidas. ¿Repensarán dunha vez os gobernos europeos a súa relación cos EUA? ¿Dialogarán directamente Bruxelas e Moscovo ou asentiremos sen mais ás maquinacións do complexo militar-industrial do outro lado do Atlántico?

Sorprende a práctica inhibición da UE. Europa será novamente o principal escenario dunha confrontación que podería escalar se o Kremlin, como é previsible, adopta contramedidas

O segundo foco de atención deste abandono é Asia-Pacífico, quizais mesmo con preferencia a Rusia e a UE. Washington non renunciará a despregar máis mísiles de alcance intermedio nesa rexión. A decisión apunta directamente a China para frear o incremento da súa influencia rexional e quizais inducila a unha distracción severa das súas prioridades obrigándoa a embarcarse nunha carreira de armamentos ata o esgotamento, ao igual que fixo exitosamente coa URSS. 

Como desvelou no seu Libro Branco sobre a Defensa 2019, dado a coñecer recentemente, Beijing opta por atemperar as tensións en claro contraste co ton belicoso das estratexias de defensa e de seguridade estadounidenses de 2017 e 2018. China, por outra banda, oponse á proposta nipoa de multilateralizar o tratado pois aínda os EUA, o maior estado nuclear do mundo, ten responsabilidades especiais e primarias no desarme nuclear que debe cumprir antes de impoñer obrigas aos demais. Liberado de compromisos, Washington xa anunciou que desenvolverá ao completo mísiles convencionais lanzados desde terra. 

Os novos perigos para a seguridade mundial son impredicibles. Non é retórica

En 2021 expira o Novo Tratado de Redución de Armas Estratéxicas, coñecido como Novo START. Non está claro que se vaia a renovar. Todo indica que a intención é permitir que caduque sen nada que o substitúa, o cal incrementa o risco dun baleiro desestabilizador no control de armas nucleares. 

A insistencia no unilateralismo e na defensa a toda costa da hexemonía global por parte dos EUA está a levarnos cara atrás tamén neste eido. Os novos perigos para a seguridade mundial son impredicibles. Non é retórica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.