Que contamina máis e que debería desaparecer antes: as centrais nucleares ou as centrais de ciclo combinado baseadas no gas natural?
Desde a miña formación como técnico superior de mantemento electrónico e sabendo coma funciona o sistema eléctrico do estado español, despois de estudar os datos oficiais nesta semana e media tras o apagón e nun mundo cada vez máis afectado polo cambio climático, co aumento das temperaturas medias globais, a acidificación dos océanos, fenómenos meteorolóxicos extremos e a perda acelerada de biodiversidade, tomar decisións urxentes sobre como xeramos e consumimos enerxía xa non é unha opción, senón unha obriga moral, ambiental e social.
Neste contexto, moitas veces caemos na trampa da simplificación: enerxía renovable boa, enerxía nuclear mala, gas natural necesario. Mais a realidade é moito máis complexa, e require un análise profundo e sen prexuízos. A pregunta que me fago neste artigo é: que contamina máis e que debería desaparecer antes: as centrais nucleares ou as centrais de ciclo combinado baseadas no gas natural?
No Estado español, as centrais nucleares representan arredor do 20% da produción eléctrica anual. Estas instalacións teñen a vantaxe de que non emiten gases de efecto invernadoiro durante a súa operación, algo fundamental nun momento no que cómpre reducir drasticamente as emisións de CO₂. Segundo datos da propia REE (Rede Eléctrica Española), as centrais nucleares foron responsables de 0 toneladas de CO₂ por GWh producido no anos 2023 e 2024.
No Estado español, as centrais nucleares representan arredor do 20% da produción eléctrica anual. Estas instalacións teñen a vantaxe de que non emiten gases de efecto invernadoiro durante a súa operación
Porén, o seu maior punto débil é coñecido: a xeración de residuos radioactivos de alta actividade, que permanecen perigosos durante miles de anos. Cada ano acumúlanse arredor de 180 m³ destes residuos en España, que son almacenados temporalmente mentres se buscan solucións definitivas —a maioría das cales aínda dependen de políticas futuras e dunha vontade social e política que non sempre existe.
No outro lado da balanza están as centrais de ciclo combinado, que funcionan a base de gas natural, un combustible fósil que, malia ser máis limpo que o carbón ou o fuel, segue sendo unha fonte moi significativa de emisións contaminantes. Estas centrais producen arredor do 17% da electricidade no estado español, pero con consecuencias ambientais claras: emiten entre 350 e 500 kg de CO₂ por cada MWh xerado, dependendo da súa eficiencia. Iso tradúcese en aproximadamente 25 millóns de toneladas de CO₂ emitidas en 2024 só polas centrais de gas.
A maiores, o gas natural tamén produce NOx (óxidos de nitróxeno), que contribúen á chuvia ácida e aos problemas respiratorios, así como partículas finas e, indirectamente, metano (CH₄), un gas de efecto invernadoiro moito máis potente que o CO₂ a curto prazo. Isto ocorre especialmente durante a súa extracción e transporte, onde as fugas son frecuentes.
O debate aquí non é sinxelo. A enerxía nuclear leva consigo un legado de desconfianza social, potenciado por accidentes como os de Chernóbil ou Fukushima. Ademais, a súa xestión dos residuos é un desafío ético e tecnolóxico que non debemos subestimar.
Con todo, desde unha perspectiva de loita contra o cambio climático, a súa pegada de carbono é case nula, e iso é crucial para cumprir cos obxectivos de descarbonización recollidos no Acordo de París e na axenda climática da Unión Europea.
As centrais de gas, pola súa parte, foron defendidas durante anos como unha "enerxía de transición", útil para complementar a variabilidade das renovables. Pero a realidade é que continúan sendo unha fonte masiva de emisións, e a súa dependencia do mercado internacional do gas —conflitivo, especulativo e dominado por grandes potencias— converte a súa continuidade nun risco tanto climático como xeoestratéxico.
Nos últimos anos, houbo avances significativos en países como Rusia e China, que están desenvolvendo e probando novos tipos de reactores nucleares de cuarta xeración, capaces de reutilizar residuos nucleares xa existentes como combustible
Nos últimos anos, houbo avances significativos en países como Rusia e China, que están desenvolvendo e probando novos tipos de reactores nucleares de cuarta xeración, capaces de reutilizar residuos nucleares xa existentes como combustible. Estes reactores rápidos ou de torio, aínda non implementados a gran escala, permitirían reducir o volume e perigosidade dos residuos e, ao mesmo tempo, aproveitar máis enerxía do material xa extraído, mellorando a eficiencia e reducindo o impacto ambiental global da enerxía nuclear.
Se esta tecnoloxía consegue madurar e aplicarse con seguridade e transparencia, poderiamos estar ante unha solución temporal eficaz mentres as renovables non sexan capaces de cubrir o 100% da demanda.
Hai unha verdade incómoda que debemos asumir: xa non podemos seguir xustificando o uso do gas natural como unha enerxía de transición limpa. Os seus impactos climáticos son demasiado grandes, e a súa dependencia do exterior —incluíndo países con réximes autoritarios ou en conflito— converte esta fonte nunha ameaza tanto ecolóxica como política.
A pesar dos problemas e do legado tóxico da enerxía nuclear, hoxe por hoxe representa unha opción con menor impacto climático directo, e, grazas aos avances tecnolóxicos que están a ocorrer noutras partes do mundo, podería converterse nun apoio máis sostible mentres avanzamos cara a unha rede eléctrica baseada exclusivamente en renovables.
Hai unha verdade incómoda que debemos asumir: xa non podemos seguir xustificando o uso do gas natural como unha enerxía de transición limpa
Por todo isto, e sendo consciente das contradicións que implica esta postura, considero que agora mesmo é mellor rematar coas centrais de gas natural, sabendo tamén coma funciona o mercado de poxas da enerxía, que premia sempre a enerxía máis cara, que sempre é a de gas natural o que conleva que as renovables teñan os famosos chamados “beneficios caídos do ceo” que daría para outro debate e artigo. Agora mesmo o mellor é poñer todos os recursos posibles na investigación, seguridade e mellora da tecnoloxía nuclear, ao tempo que se aposta decididamente polas enerxías renovables como meta final.