Transparencia e obxectividade

Pois resulta que algúns deses medios, escritos ou audiovisuais de Madrid -si, os que chegaron tarde- non tiñan abondo con rachar a lei non escrita do respecto pola intimidade das vítimas, que si cumpriron canda o 11-S e 11-M, para agora encetar un sistemático linchamento do maquinista Garzón. Claro é que o Goberno do Estado traballa man con man con eles para proxectar a idea: “temos un culpábel”. Aínda non escoitamos explicacións oficiais (probabelmente sexa cedo de máis) de Renfe e de Adif, pero xa ouvimos a súa acusación ao maquinista. Sospeitas que ratificou urbi et orbe un Ministro do Interior que tamén chegou tres días tarde, probabelmente incómodo polo mando político e operativo da Xunta sobre a actuación derivada da catástrofe. Mando que é unha esixencia ineludíbel da Lei de Emerxencias de Galicia  aprobada no 2007, canda o bipartito.

O mínimo que lle podemos esixir ao Goberno do Estado, á súa axencia Adif e á súa operadora Renfe é que calen e colaboren coas pescudas xudiciais

Á hora que isto escribo o maquinista declara perante o xuiz natural predeterminado pola Lei, que é o que manda a Constitución, sen inmisións de enxendros xurisdicionais como a Audiencia Nacional ou os Xulgados Centrais de Instrución. Será, pois, misión xudicial escoitar os rexistros de chamadas e troco de dados da ruta e do comboio e determinar o complexo causal que deu na catástrofe. O mínimo que lle podemos esixir ao Goberno do Estado, á súa axencia Adif e á súa operadora Renfe é que calen e colaboren coas pescudas xudiciais.

O que si xa sabemos nesta altura é que a curva do sinistro non dispuña do moderno sistema ERTMS, senón do antigo ASFA, dos anos 70 do século XX. E nos trens ALVIA este é o único sistema operativo arestora en todo o treito Ourense-Compostela. O ASFA só advirte doutros comboios ou corpos na rota, sen lle achegar ao maquinista nin un só dado sobre a rota en si. Non por acaso o comisario europeo de Transportes xa advertiu que este accidente non tería ocorrido se o ERTMS estivese operativo.

A solidariedade da cidadanía galega e o seu civismo ante a catástrofe chaman por unha pescuda xudicial rigorosa e obxectiva

De calquera xeito, hora é xa de pecharmos as especulacións, sobre todo as que veñen do Goberno Rajoy e da operadora RENFE. A solidariedade da cidadanía galega e o seu civismo ante a catástrofe chaman por unha pescuda xudicial rigorosa e obxectiva. Mais, tamén, transparente. Porque a xente xa non acredita en andrómenas, por moi ministro que sexa quen as conte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.