O 23 de outubro Luciano Méndez mandou unha alumna da súa facultade á última fila da aula porque lle ensinaba as tetas. Así se reiniciou a loita contra o profesor machista. Saíu na prensa e os grupos feministas volveron posicionarse.
Un dia antes, o 22, o ex-líder de Xóvenes Agricultores ficou libre con cargos por explotar a mulleres paraguaias en Compostela, como a bestas, pagándolles até a un euro por servizo. Tamén por roubarlles un bebé. Desde que desarticularon a mafia, esas mulleres non recibiron nin o máis mínimo apoio.
A mudez feminista foi absoluta.
Os conflitos que se viven e senten neses colectivos teñen máis que ver co abuso do profesor. A trata e a prostitución apenas se detectan, son problemas de inmigrantes, igual que as violacións das marroquís nos invernadoiros de Huelva, completamente ignoradas.
É moi meritorio que o acordo de goberno entre o PSOE e UP inclúa medidas para erradicar a trata. Xa veremos cal é a intensidade práctica desas medidas, porque a demanda cidadá non existe.