Trescentos días son seis anos

Mobilización de persoal da CRTVG no 40º venres negro © Defende A Galega

Hemeroteca

Se houber cambio, cómpre un pacto nacional polos medios públicos e o sector audiovisual. Un sector atado polo poder, que sofre menos a manipulación directa que a Corporación pero moito máis a precarización vicaria, que, precisamente por iso, ten menos visibilidade e nula capacidade de protesta

Hai dous anos, cando ían cento oitenta venres negros, escribín un texto que remataba así: “sospeito que se algún día cambia o goberno deste país o problema xa non teña solución ou esta teña que ser demasiado agresiva”. Daquela, ninguén podía imaxinar que chegariamos a trescentos e, menos aínda, que sería coincidindo cun final de campaña electoral no que nos xogamos moito máis que os vindeiros catro anos. Sexa como for, fanse seis anos de protestos, de reclamar respecto á dignidade profesional, de pedir poder exercer o mandato de servizo público sen inxerencias, manipulacións e represalias laborais. Non é preciso enumerar a lista de falcatruadas do PP e os seus esbirros, son moitas, algunhas moi evidentes e outras máis disimuladas, pero todas faltas de ética, deontoloxía e, por que non dicilo, vergoña.

Se houber cambio, cómpre un pacto nacional polos medios públicos e o sector audiovisual. Un sector atado polo poder, que sofre menos a manipulación directa que a Corporación pero moito máis a precarización vicaria, que, precisamente por iso, ten menos visibilidade e nula capacidade de protesta. Mesmo os patróns calan e consenten o derrubamento do tecido empresarial propio. Eis a razón pola que nunca vimos unha folga total e indefinida neste eido.

Calquera que teña relación co audiovisual galego sabe como vai. Hai listas brancas e as negras (non pensen nunha lista escrita nun papel, por favor), tamén hai cómplices: quen acepta o ascenso e cala, quen permite que lle diten as noticias do directo para encadear contratos e cala; quen pode consolidar a praza grazas a xefaturas nacidas para manter a lealdade do sindicato amarelo e cala; mesmo, quen é feuga até o límite legal con evidentes síntomas de síndrome de Estocolmo– para despois ser, laboralmente, artistiña e, tamén cala. Aliás, todas sabemos quen chama para reconducir e sinalar. Quen é o apóstolo da ameaza. Só é rascar.

A ética –mesmo a profesional– é como o amor, non se nomea, faise.

Urxe transformar a Corporación, reestruturala interna e externamente, é necesario que no Consello de Administración estean representados os traballadores/as, o sector audiovisual, o cultural e a sociedade

O colectivo Defende a galega soubo crear (en termos modernos) unha marca ben recoñecíbel e os partidos políticos tiran pola simplificación que os leve, o máis axiña posíbel, o seu fin: colocar a mensaxe e coller votos. Pero a cousa é algo máis complexa que repetir como un mantra o da manipulación nos informativos e o do consello de redacción. Si, todo iso é certo, mais o discurso programático enteiro é unha gran ferramenta de manipulación que funciona como un engrenaxe, toda a grella esta deseñada para crear a esfera de credibilidade precisa para que só se poida pensar o país nas coordenadas que interesan aos populares. Todo o sector é un gran órgano da propaganda. Xa o dixo antes Gramsci, é unha cuestión de hexemonía. É preciso, por tanto, loita política, legal, cultural e social.

Ou os medios son independentes e con mecanismos de control e transparencia modernos e funcionais ou a degradación do servizo público será a gangrena que os mate. O problema é que o desleixo desta última década vai facer que a solución, probabelmente, sexa dolorosa, haberá que prepararse para esterilizar e extirpar

Urxe transformar a Corporación, reestruturala interna e externamente, é necesario que no Consello de Administración estean representados os traballadores/as, o sector audiovisual, o cultural e a sociedade, que deixe de ser un retiro dourado co que pagar favores; preparala para un escenario cada vez máis globalizado, de forte presión homoxeneizadora no cultural e no social, achegala á lusofonía. É tempo de preparar unha institución, na que levamos investidos moitos cartos, para que entre na modernidade e abandone, de vez, o século pasado, iso que noutro sitio definín como a tautotelevisión, un modelo obsoleto, repetitivo, partidista, dependente e hiperrreal. Actuar sobre os medios públicos é o máis inmediato e iso permitirá reconfigurar tamén o resto do sector. A Corporación é só unha parte deste, pero é o motor. Un sector que vive nun nivel de precarización espantoso a consecuencia das políticas de externalización e subcontrata da Corporación, que non só buscan abaratar custes, tamén pagar manchetas, titulares e afinidades. E se vimos un incremento das producións neste país nos últimos anos é porque as plataformas precisan moreas de contido fresco e buscan a solvencia profesional desta nosa industria e por riba de todo, porque a relación calidade-prezo é moi asimétrica: moita calidade pouco prezo. En Madrid chámanlle a tarifa galega. Cando estoupe a burbulla, veremos.

Ou os medios son independentes e con mecanismos de control e transparencia modernos e funcionais ou a degradación do servizo público será a gangrena que os mate. O problema é que o desleixo desta última década vai facer que a solución, probabelmente, sexa dolorosa, haberá que prepararse para esterilizar e extirpar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.