Trumpismo?

Ronald Reagan Dominio Público

Hemeroteca

Certamente este é un tema polémico, xerador de numerosas e múltiples reaccións, e aínda que eu non crin necesario intervir no debate, ler o artigo de Álex Alonso Nogueira fixo que me animase a escribir. Isto debeuse a que se puxo en relación cun tema cuxo estudio a min apasioname: o do bonapartismo e o fascismo (dende a perspectiva da miña formación, como fenómenos históricos). Xa escribín sobre isto, pero creo que é necesario seguir facendo apuntamentos sobre os mesmos, xa que considero que hai certas cuestións que non se abordan ca necesaria rigorosidade.

Antes de nada deixar claro que non estou de acordo ca visión dogmática e restrinxida que dende a academia e os medios se adoita dar ós conceptos de fascismo e bonapartismo (por non falar da aberración da teoría dos “totalitarismos” que equipara fascismo con comunismo...), pero aínda así non considero que se deban prostituír os termos. A Academia debe ser criticada, pero non destruída. Non só é vergonzoso denominar como fascista a alguén por comer carne, é insultante (acaso que comían os combatentes das hordas fascistas na guerra civil e na II Guerra Mundial?). Polo tanto creo que cando nos enfrontemos a este tipo de termos debemos facer un mínimo traballo de documentación e revisión se queremos que a nosa opinión teña un mínimo de valor. No meu caso non considero que o coñecemento que teña sobre ambos sexa definitivo, pero creo que xa é distinto desa visión prostituída que quizais puiden soster no pasado. Sen maior animo de reiterarme, remítome ós meus escritos anteriores sobre o tema.

Precisamente na miña última publicación, titulada “Bonapartismo”, facía referencia ós casos de países que sufriron un desenvolvemento capitalista total pero nos que non se produciu un fenómeno bonapartista. É aquí onde nos somerxemos no tristemente fantasmagórico caso de Estados Unidos de Norte América (USA para os políglotas). Empecemos analizando a figuro de Donald Trump, que por moitos xestos autoritarios que poida ter, o do forte personalismo que foi capaz de impregnar dentro do Partido Republicano, dista moito de ser unha figura suficientemente desenvolvida como para liderar un movemento político de ningún tipo. Acaso ninguén se acorda de Ronald Reagan, precisamente outro actor carismático, que como Trump saben o que a xente quere escoitar e teñen unha axenda de acción moi específica. Ambos non deixan de ser dous personaxes da farándula, dúas personalidades contundentes acordes ó que se precisa nun sistema político presidencialista e nunha “democracia” no que as campañas electorais se deciden pola cantidade de medios económicos que teñas e o ben que vendas a túa película (literalmente crease un relato, unha historia sen ningunha transcendencia real no plano político). Si somos serios, non creo que debamos calificar á política estadounidense como moito máis cun show, xa que ó fin e o cabo quen detenta o poder real son os intereses do capital, representados á perfección polos lobbies amparados pola primeira enmienda constitucional. Acaso o que vimos no Capitolio non foi unha farsa, unha prestidixitación, con actores disfrazados e xente facéndose selfies? Acaso o personaxe ó que renden homenaxe estes manifestantes non é un actor? Acaso un sistema tan burocratizado e centralizado como o estadounidense vaise a caer dun plumazo polo feito de “tomar”(reitero, non se pode tomar un edificio si o que vas é a facerte fotos e a facer a mona, por moito que te leves o rifle dos domingos) o Capitolio?. Si entendemos o bonapartismo como un fenómeno de freo na mobilización social que causan as revolucións burguesas, e polo tanto esta é unha fase superada en Estados Unidos (ó igual que en Europa e outros países “de centro”), de ningunha maneira se pode considerar como bonapartista, e menos de fascista ó monicreque de Trump (a pesar de que detrás do mesmo se atopen personaxes como Steve Bannon ou a sociedade estadounidense estea sufrindo un proceso de fascistización que se remonta ó mandato de Trump). 

Ben, deixando isto claro pasemos a comentar algunhas das ideas do artigo anteriormente citado. Antes que nada deixar claro que Marx non maximiza a figura de Napoleón, precisamente critica iso das obras co mesmo tema de Victor Hugo e Proudhon. En canto ó de “autogolpe”, no referente á “farsa dunha farsa”, isto débese a que Napoleón III emprega argumentos que remiten ós empregados polo Napoleón “de verdade”, sendo ambos argumentos sofistas. Tamén se debe deixar claro que Trump aproveitase do “lixo branco” (tal como se denomina nos propios Estados Unidos) que a actividade da súa clase contribuíu a crear. Marx non di que Napoleón fose apoiado polo campesiñado (como un grupo homoxéneo), se non por aqueles campesiños medios ameazados polo avanza da propiedade capitalista no agro, creando o relato de que os inimigos eran os que atentaban contra a “orde” (os pequenos propietarios e os asalariados rurais), aínda que neste sentido a análise do autor non vai moi desencamiñada no referente á creación dun certo relato distorsionado da realidade. Aínda así creo que non se centra correctamente na cuestión das clases, e de como o proletariado (da igual que sexa branco ou azul) non é representado nin por Biden nin por Trump. De feito esa contraposición campo- cidade que cita ó autor xa era algo típico no imaxinario reaccionario estadounidense (chega con citar a película Amencer vermello de John Milius). Os “trumpistas”, lonxe de ser os combatentes do postmodernismo que emanan as cidades, son quen o financia. No referente ós “éxitos” de Obama, acaso conseguiu mellorar algún aspecto da realidade material dos traballadores estadounidenses (as estatísticas indican xusto o contrario)?. Precisamente ante ese discurso de que “todo marcha ben” (que leva á lóxica de que só hai que facer pequenas reformas sociais e culturais para que o capitalismo sexa o paraíso na terra), é a clave desa “ditadura do politicamente correcto”, na que non se describe a realidade, descríbese un mundo irreal do que non te podes saír porque serás linchado (sendo tildado precisamente de “fascista”). Seguindo esta argumentación, estou moi en desacordo no de que o proletariado perdeu a súa esencia revolucionaria, para iso teñen que cambiar as condicións históricas e de produción. Nisto non debemos esquecer o concepto marxista de alienación, xa que o “marxismo cultural” (a dexeneración postmoderna do pensamento “de esquerdas” inaugurado pola escola de Frankfurt e coroado por Judith Butler) é tan inimigo dos obreiros como os reaccionarios capitalistas que o financian. Ademais nin na nova nin na vella política, en USA nunca existiu una representación política real dos obreiros, rematados todos os intentos como a de sobra coñecida caza de bruxas dos 50 (curiosamente contradicindo a primeira enmienda baixo a teoría da “ameaza á patria”). Despois o autor tenta ir máis alá das condicións persoais de Trump, pero só se remite a cuestión ideolóxicas, debendo ter en conta as materiais tamén: quen financia isto e por que ten calado social esa alienación?. A reflexión final, da alianza da extrema dereita e o fascismo en España creo que non se adecúa á realidade. Acaso a nefasta xestión do “goberno do cambio” sumado ó abandono absoluto dos traballadores non acaba levando a que estes se deixen levar cara os populismos (debendo achácalo máis á alienación que ó seu reaccionarismo)?. En España a reacción non ten que dar un golpe de Estado, xa o deu aínda vive destas rendas. Pero é bastante común iso de denominar ó obreiro como estúpido, antes que reflexionar si o pequeno burgués é tan intelixente como se considera.

Todo isto lévanos a hipótese de se admitir que Trump é fascista, sería admitir que Biden, por contraposición, sería un antifascista. Certamente esta é a narrativa que se quere impor, así como que a súa vitoria electoral foi un “triunfo” contra a tiranía. Que cambiará realmente ca chegada de Biden á Casa Branca?. Quizais nos bombardeos imperialistas se pinten os avións de rosa, quizais mentres aumente a explotación do proletariado estadounidense se lles impartan clases sobre civismo e moralidade “progresista”, ou mentres se contamina noutras rexións se reduzan as taxas de contaminación en “solo patrio” á costa do contribuínte. Acaso os “asaltantes” ó Capitolio loitan contra a toma do poder polo obreiros?. Dende logo que non, só complementan a outra parte do relato, un relato no que curiosamente o único sector que non se ve representado é o proletariado. E isto tamén se debe relacionar co auxe da extrema dereita aquí en Europa, acaso a esquerda antiobreira non é a culpable de que o populismo campe ás súas anchas?. Cun discurso sectario, contra o que curiosamente di loitar xente como Trump, o que fai é levar en masa a xente cara este tipo de figuras, xa que quen debería atender para resolver os seus problemas o único que fai é centrarse en cuestións absurdas e carentes de lóxica. Pero esta é a súa gasolina, a gasolina de Trump, do Frente Nacional, do populismo italiano, de Vox... Agora resulta que os reaccionarios van de revolucionarios, de loitadores pola coerencia, mentres polo outro lado financian e apoian esa dexeneración social e ideolóxica, que distancia ós traballadores dos que supostamente din representalos... Por todo isto, eu interpreto o fascismo como un modelo estatal autoritario que se activa cando emerxe unha ameaza real contra o poder capitalista (de aí que defenda que a súa xénese se atopa no triunfo da primeira revolución proletaria mundial, a bolchevique). Se non existe esta ameaza (por moi remota que poida ser) é ridículo falar de fascismo, simplemente é distorsionar a análise da realidade, impedindo poder actuar con consecuencia a mesma. Ó igual que si realizamos un rally e descoñecemos o trazado da carreteira, aínda que creamos ter unha idea aproximada do mesmo, é imposible que este vaia a saír ben, e acabarás na cuneta. Ante esta loita ficticia, a “esquerda” que di representar Biden necesita tanto as prestidixitación exaltadas dos “trumpistas” como Trump precisa a “ameaza” revolucionaria que encarnaría a dexeneración e o irracionalismo de Biden.

Por todo isto creo deixar claro que neste sentido non se pode falar de bonapartismo (por pertencer a unha etapa histórica xa superada) e tampouco de fascismo (por entender que para a expansión do mesmo ten que existir un movemento minimamente ameazador ó capitalismo), como moito deberíamos falar de extrema dereita populista (de ningún modo se pode denominar “identitaria”, xa que isto só se sostén ante a contra parte que di querer destruír as identidades, sendo incapaces de existir unha parte sen a outra). Finalmente gustaríame apuntar sobre outra cuestión que merecería outro comentario pormenorizado. Pareceume sorprendente como se exaltou que se censurase a Trump nas súas redes sociais, sendo triste que esta sexa a única arma que se emprega contra argumentos tan débiles. Como sempre, e relacionando co tema das “fake news”, o que se debe incentivar é o pensamento crítico, non a centralización efectiva da censura. 

Despois de todo o exposto quero reiterar ó meu enorme respecto polo autor do artigo, xa que aínda que non o coñezo parece unha persoa activa, e calquera que combata a brutalidade imperante no capitalismo terá o meu absoluto respecto. Con todo o anterior non pretendo nin insultar (as afirmacións máis contundentes son dirixidas cara persoeiros escuros, non contra Alonso Nogueira, sendo o seu artigo a base dunha argumentación xeral posterior) nin desacreditar a ninguén, se non que simplemente entendo que si queremos avanzar no análise da realidade (sobre todo si tomamos para isto a referencia das teses marxistas) non debemos ter medo a ser críticos, sendo esta a base máxima do avance da ciencia: Tese, antítese, síntese. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.