Sánchez reaccionou axiña esixindo de Cerdán a súa dimisión e pedindo desculpas, o que non fixera Rajoy con Bárcenas. Con todo, nin é reacción abonda nin ten moita fasquía de ser críbel para unha maioría cidadá, mesmo para o propio electorado do PSOE
Os audios publicados na noite do mércores 11-X amosaban fóra de toda dúbida que o nº 3 do PSOE, o secretario de Organización Santos Cerdán, mantivera conversas con Koldo García e co seu antecesor, o ex ministro Abalos, que reflectían inequívocos amaños para a adxudicación de contratos de obra pública e mesmo da percepción de subornos. Non había marxe para a dúbida ou para a denuncia ( abondo xustificada no caso do fiscal xeral e da dona do presidente do goberno do estado) de lawfare. Sánchez reaccionou axiña esixindo de Cerdán a súa dimisión e pedindo desculpas, o que non fixera Rajoy con Bárcenas. Con todo, nin é reacción abonda nin ten moita fasquía de ser críbel para unha maioría cidadá, mesmo para o propio electorado do PSOE.
O dano reputacional é atómico. Os dous secretarios de Organización do PSOE dos sete anos (xuño 2018-xuño 2025) de goberno Sánchez son gravemente sospeitosos de corrupción organizada dirixida dende Ferraz. É moi improbábel que un modus operandi desta caste non teña máis polas ca que se amosa do Ministerio xestionando por José Luis Abalos no que oficiaba de factotum o Koldo García. Millóns de electores progresistas que reivindicaron a hixiénica moción de censura de 2018 que botou do goberno do estado aos Rajoy, Sainz de Santamaría, Cospedal et alter levaron un lapote en toda a faciana.
É moi chocante que un goberno que naceu para botar fóra a corrupción do PP ( recoñecida nunha sentenza xudicial definitiva) non aproveitara estes sete anos para promover as reformas lexislativas e de xestión precisas para loitar contra a corrupción, depurar a praxe política do PSOE e darlle pulo á pescuda dos casos de corrupción do Goberno Rajoy (2011-2018) e dos seus casos de lawfare contra os políticos soberanistas cataláns (Operación Catalunya, na que se inventaron fortunas inexistentes en contas de Suiza para mancar as posibilidades electorais, tanto do president Artur Màs nas nacionais catalás de 2012 canto do alcalde de Barcelona, Xavier Trias, nas locais de 2015) e contra persoas pertencentes ao cumio de Podemos.
Sánchez aínda dispón dunha bala se é quen de se arriscar: a de lle dar un grande xiro republicano ao seu goberno, reconstruíndo o pacto de investidura cos 178 deputados que o votaron hai ano e medio, pactando para os dous anos que fican para o remate da lexislatura unha axenda a prol do desenvolvemento das liberdades, de loita contra a corrupción e de afondamento na plurinacionalidade
No canto disto amosouse unha liña continuísta na xestión pública, totalmente inserida na tradición oligárquica do réxime de 1978, malia que nas políticas económicas adoptáronse certas medidas correctas favorábeis ás maiorías sociais, nomeadamente xurdidas da iniciativa do soberanismo galego, vasco e catalá e da esquerda estatal. O propio Sánchez amosou máis dunha vez propósitos de reconectar o PSOE do réxime do 78 co progresismo de raizame republicana que fixo posíbel as súas investiduras de 2020 e 2023, mais esta tendencia ficou freada pola enxurrada xudicial apoiada polas dereitas españolas. Nesta conxuntura, os problemas de verticalidade da acción política e hiperliderado de Pedro Sánchez (responsábeis dos bos resultados electorais de 2019 e de ter salvado a roupa no 2023) contribuíron á parálise da acción de goberno e ao arquivo dunha axenda progresista nas liberdades, na política territorial e na implementación de modos de gobernanza máis participativos e horizontais, como ven de escribir Cristina Fallarás. Unha e outra vez a realidade amosa que a axenda de reformas socias e políticas require dunha axenda de reformas na gobernanza e máis no xeito de desenvolveren a política.
Aínda fican por diante 25 meses teóricos de lexislatura, mais de aquí en diante os problemas para Sánchez e o PSOE van medrar. No desenvolvemento das pescudas do “caso Abalos-Cerdán” (antes caso Koldo ) é moi difícil que non xurdan fíos que vencellen esta organización a outras áreas do goberno do estado alleas ao Departamento responsábel de Transportes-Fomento.
Sánchez aínda dispón dunha bala se é quen de se arriscar: a de lle dar un grande xiro republicano ao seu goberno, reconstruíndo o pacto de investidura cos 178 deputados que o votaron hai ano e medio, pactando para os dous anos que fican para o remate da lexislatura unha axenda a prol do desenvolvemento das liberdades, de loita contra a corrupción e de afondamento na plurinacionalidade. Os seus socios soberanistas galegos, cataláns, vascos e mesmo valencianos e baleares van ter presión de cadanseus electorados e precisan dun grande reseteo en Moncloa, dunha auténtica mutación transformadora do réxime do 78. Mais este xiro republicano, este new deal será xa outra historia.