Un economista heterodoxo

© Foro Económico de Galicia

As moitas charlas que tivemos e nas que a economía e a política eran os temas centrais de conversa me serven para definir ao meu querido amigo X.A.C (Xaquín Alvarez Corbacho: q.e.p. d.) como un economista heterodoxo. Unha heterodoxia que se apoiaba tanto nunha moi sólida formación académica -non, por caso, chegou a Catedrático de Facenda Publica na USC- como nun coñecemento nada desprezable das realidades económicas. Formación e coñecementos que se rodeaban duns principios ideolóxicos nos que a liberdade, a democracia e a igualdade ocupaban un lugar preferente. A xente de O Grove pode confirmar tal fidelidade a eses principios.

Unha heterodoxia que se reflectía nunha radical defensa do público como "espazo común ou espazo civilizatorio". Como bo economista XAC sabía que fronte ao que defenden os neoliberais o gasto público é quen turra do gasto privado e non o contrario. Que aqueles países que contan cun sector publico forte e potente son quen están en mellores condicións de soportar os movementos cíclicos do capitalismo e tamén quen mellor cobren as necesidades básicas dos seus cidadáns especialmente os de rendas medias e baixas.

Como experto en facendas públicas afirmaba que a fortaleza do público depende da orixe dos ingresos e destino dos gastos tributarios e non das débedas públicas. Velaí que defendera a necesidade de contar con un sistema tributario xusto, igualitario e transparente ("a fiscalización é esencial porque está asociada ao conxunto de servizos e prestacións que conforman o Estado de Benestar") e que criticara con sólidos argumentos a estafa das débedas públicas ("a débeda pública pasou de ser un instrumento equilibrador do orzamento ou recurso que impulso o crecemento a ser, na actualidade, un mecanismo perverso que empobrece e redistribúe rendas ao revés"). En liña co su elevado concepto de xustiza e a moralidade a XAC lle preocupaban basicamente dúas carencias do sistema fiscal español: o elevado nivel da fraude e a desigual distribución das cargas fiscais. Subliñaba que estes dous factores estaban na raíz da baixa recadación fiscal en España cos efectos conseguintes sobre a capacidade de gasto e o crecemento da economía. Con estes criterios non resultaba estraño que fora contrario ás políticas de austeridade.

Boa viaxe querido amigo. Grazas pola túa amistade e as túas ensinanzas. Grazas por ensinarme que a economía sen principios éticos e morais non funciona ben.

Dentro das facendas públicas seguramente que as súas apartacións mais coñecidas sexan as que fan referencia a facenda municipal da que era un dos maiores e mellores expertos xa non de Galicia senón de España. Formación e experiencia que se viron beneficiados, segundo me repetiría con frecuencia, do seu paso pola alcaldía de O Grove ("o primeiro alcalde comunista de España") que lle permitiu un coñecemento mais directo dos problemas fiscais dos concellos pequenos. Seguramente fora a voz galega mais autorizada a hora de sinalar tanto os problemas das facendas municipais como para apuntar as solucións. Como problemas básicos as entidades locais galegas XAC subliñaba a insuficiencia da base económica do municipio ("sen base economice os ingresos tributarios dos concellos son escasos, a mocidade emigra, a poboación avellenta e aumenta a dependencia económica"), o ordenamento, a xestión e a disciplina urbanística ("o urbanismo local está condicionado por obxectivos xerarquizados e intereses de dimensión supramunicipal") e o desaxuste entre o financiamento e as competencias e servizos ("o financiamento actual dos concellos non se axusta ao custo real dos servizos").

Nestas charlas era inevitable que acabáramos falando de fútbol. Outra das súas paixóns, como é ben sabido foi un futbolista moi notable, nas que nos unía o común amor polo Celtiña. Non podía ocultar o orgullo que lle provocaba haberen xogado contra futbolistas tan famosos como, por caso, Di Stefano e Kubala... feito que sempre me confirmaba mostrando unhas fotos, en branco e negro, nas que efectivamente aparecía fronte a tales figuras.

Boa viaxe querido amigo. Grazas pola túa amistade e as túas ensinanzas. Grazas por ensinarme que a economía sen principios éticos e morais non funciona ben.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.