Adeus a Xaquín Álvarez Corbacho, recoñecido economista e primeiro alcalde do Grove tras o franquismo

Xaquín Álvarez Corbacho CC-BY-SA Praza Pública

Xaquín Álvarez Corbacho, primeiro alcalde do Grove na época democrática tras o franquismo, faleceu este mércores aos 79 anos. Rexedor polo PCG desde 1979 ata 1981, este activo loitador contra a ditadura e pola democracia acadou nos anos oitenta acadou a cátedra de Facenda Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que sería vicerreitor de asuntos económicos. 

CCOO-Galicia destaca que "sempre puxo desinteresadamente o seu coñecemento e prestixio académico a disposición do sindicato e da sociedade galega"

Posteriormente, exerceu a súa tarefa docente na Universidade da Coruña como catedrático de Economía Aplicada e foi designado membro do Consello de Contas de Galicia. Colaborador "moi activo" de CCOO en Galicia e da Fundación 10 de Marzo, o sindicato destacou o doutor en Ciencias Económicas como un home que "sempre puxo desinteresadamente o seu coñecemento e prestixio académico a disposición do sindicato e da sociedade galega". 

Xaquín Álvarez Corbacho © CCOO-Galicia

Recoñecido economista e ensaísta, as súas investigacións centráronse na teoría do federalismo fiscal, as facendas territoriais, a economía da educación e os efectos económicos das infraestruturas do transporte, ademais de ser un experto en municipalismo. 

Co gallo da súa última obra, Educación democrática ou barbarie (Laiovento, 2015), concedeu unha entrevista a Praza.gal sobre un ensaio no que denuncia, con datos, o nesgo político do reparto de subvencións por parte da Xunta ás administración locais.

Desde Comisións Obreiras destacan a súa "vocación pedagóxica e comprometida" e lembran como, en recoñecemento á súa traxectoria, a Fundación 10 de Marzo e o sindicato distinguírono en 2013 cun dos Premios 10 de Marzo que entregan anualmente a persoas significadas na loita polas liberdades e en defensa da clase obreira.

Ademais do seu destacado labor como político, economista ou ensaísta, destacou como futbolista de mozo e xogou máis de 30 partidos co Celta

Ademais do seu labor político, académico, activista ou investigador, Álvarez Corbacho tiña outro menos coñecida. Nas súas épocas mozas destacou no fútbol, militando durante catro temporadas nos anos 60 no Celta de Vigo, co que disputou máis de 30 partidos, para logo completar a súa carreira no Racing de Santander e no Compostela. 

Álvarez Corbacho será enterrado este xoves 24 de xuño na súa localidade natal, O Grove, onde se declarou luto oficial e as bandeiras ondean a media hasta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.