Un ministerio das traballadoras

Yolanda Díaz promete o seu cargo como Ministra de Traballo ©

Trinta anos entre un “ide para casa a facer a cea” e outro. Ao que no ano 89 estaba normalizado, hoxe se resposta con abucheos

Hai unhas semanas, durante o ensaio na Praza do Obradoiro da performance viral do grupo Las Tesis, “un violador en tu camino”, un individuo quixo cubrirse de gloria mandando “para casa a facer a cea” ás máis de 300 mulleres que participaban en Compostela dun fenómeno que percorre prazas e rúas de todo o mundo. Deseguido, as mulleres e homes que asistían ao ensaio increparon a quen resultou ser ademais un membro de novas xeracións do PP, quen ao día seguinte viu como o partido renegaba da súa bravuconada e lle indicaba a porta de saída.

No seu documental “Doli, doli, doli... coas conserveiras”, Uqui Permui narra como cerca de 100 mulleres (catro delas en folga de fame) se encerraron contra o peche da conserveira Odosa na Illa de Arousa polo ano 89. As imaxes, baseadas no material gráfico que as mulleres gravaron durante o encerro, contan como non eran descoñecidos, senón os propios maridos, os que esixían que deixaran o encerro para ir atender as tarefas domésticas e coidar da familia. Trinta anos entre un “ide para casa a facer a cea” e outro. Ao que no ano 89 estaba normalizado, hoxe se resposta con abucheos. 

Ata aquí todo ben. Pero, a cuestión de fondo nesas palabras e que revelaba o documental, a concepción do emprego feminino como un ingreso complementario das familias, está realmente superada? Se atendemos aos índices de precariedade, ás porcentaxes e o xénero do emprego a tempo parcial, á fenda salarial ou á corresponsabilidade nos coidados, advertiremos que os cambios son máis superficiais que estruturais. 

Non en van, moitas das loitas laborais dos últimos tempos foron protagonizadas por mulleres que, seguindo a estela das traballadoras de Odosa no 89, se plantaron ante unha realidade que propicia que a precariedade no emprego teña rostro de muller. Só en Galicia existen numerosos exemplos recentes de reivindicacións femininas. É o caso das redeiras e as traballadoras do mar que loitan polo recoñecemento das especificidades das doenzas propias do seu traballo ou melloras no coeficiente reductor, ou as traballadoras do frío, as de Bershka, as Kellys, as teleoperadoras, as “enfermeiras en loita”, as traballadoras de axuda no fogar, e un longo etcétera.

En Galicia existen numerosos exemplos recentes de reivindicacións femininas. É o caso das redeiras e as traballadoras do mar, ou as traballadoras do frío, as de Bershka, as Kellys, as teleoperadoras, as “enfermeiras en loita”

O mesmo movemento 8M fixo da folga o eixo central das nosas reivindicacións como mulleres, estendéndoa ademais a unha cuestión tan determinante da nosa realidade como son os coidados, afirmando así o que os maridos lles quixeron negar ás mulleres da Illa de Arousa hai 30 anos, o noso dereito á loita.

Fai unhas semanas, o meu sobriño de 11 anos contábame que no colexio a mestra lles pediu que inventaran un superheroe ou superheroína e como elixiu crear á “superfeminista”. Máis alá do anecdótico e do orgullo de tía, esta historia reflicte como, lonxe dos modelos que nos foron asignados tradicionalmente, o feminismo comeza a introducir outros nos que a sociedade identifica ás mulleres coa superación e a loita. Mesmamente, ficcións recentes como Watchmen ou o episodio final da saga Star Wars reforzan este relato ao construír o elemento heroico mediante personaxes femininas. 

Claro está que este relato gañador non basta para transformar a nosa sociedade e as nosas vidas. De feito, vivimos tempos de contrarrelato e demonización do feminismo dende os sectores máis reaccionarios da sociedade. Nese senso, a recente conformación dun goberno de coalición progresista no estado non pode ter máis de oportuno e de oportunidade. Oportuno, porque non hai maior defensa contra a ultradereita que seguir avanzando. Oportunidade, porque é a primeira vez na nosa democracia que se conforma un goberno destas características, que inclúe a unha forza política con vocación transformadora e feminista como a que representa o grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común.

En Galicia, na que moitas das actividades económicas máis características se corresponden con oficios feminizados e tamén precarizados, vemos con esperanza á Ministra de Traballo Yolanda Díaz

Como muller e feminista, síntome dobremente ilusionada. Unha forza galega como Galicia en Común estará no goberno da man da ministra Yolanda Díaz. Muller infatigable que ten a insólita virtude de estar en todas as loitas ao lado das traballadoras e traballadores. Unha ministra de traballo que coñece a realidade laboral porque a viviu nas trincheiras, non nos despachos. Pero, ademais, fronte ao Ministerio de Igualdade estará outra muller, Irene Montero, quen representa ese feminismo interseccional e das rúas que se articula como a máis eficaz proposta de impugnación do actual sistema de desigualdades. A presenza destas dúas mulleres fronte a estes dous ministerios é unha conxunción feliz que traballará para acabar coa fenda laboral, para dignificar e reformular o sistema de coidados, avanzar cara a corresponsabilidade ou rematar coas distintas discriminacións e abusos que padecemos por ser mulleres.

En Galicia, na que moitas das actividades económicas máis características se corresponden con oficios feminizados e tamén precarizados, vemos con esperanza á Ministra de Traballo Yolanda Díaz. Porque a recoñecemos como unha das nosas. Porque sabemos que, sen dúbida, Yolanda Díaz estaría xunto a esas mulleres que se encerraron na fábrica de Odosa no 89, e como elas se enfrontaría aos maridos que as quixeron mandar para casa. E finalmente, marcharía coas súas compañeiras emitindo o seu berro de solidariedade, “doli, doli, doli”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.