Un país coa súa lingua

Un dos sebates no foro participativo do CCG sobre a lingua CC-BY-SA CCG

O CCG constata a fenda entre dereitos e prácticas. Malia a liberdade teórica, no plano xurídico, de usarmos do galego, o CCG conclúe unha clara asimetría: mentres quen desexa vivir en castelán faino sen restrición ningunha, quen desexamos vivir en galego atopamos “...ausencia ou baixa calidade de opcións en trámites, atencións e contidos...”, na educación, na xustiza e na sanidade

O Consello da Cultura Galega (CCG) é un órgano recoñecido no Estatuto de Galicia e na súa lexislación de desenvolvemento básico para o asesoramento da Xunta de Galicia, mais foi definido para desenvolver a súa alta función consultiva non dun xeito a demanda, senón proactivo, nomeadamente por se alicerzar tamén nas Universidades e noutros entes académicos e de estudos. 

Deste xeito (artigo 6 da súa Lei reguladora) cómprenlle, entre outras, as seguintes funcións : i) analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural, ii) fomentar a lingua e a cultura galegas, iii) investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, iv) asesorar e consultar ós poderes da Comunidade Autónoma no que xulgue preciso para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. e v) elevar ao Poder Galego informes e propostas a favor da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Ningunha dúbida, pois, a respecto da súa capacidade xurídica para analisar os problemas do galego e buscar solucións.

Dende a lexitimidade de orixe destes alicerces estatutarios o CCG ven de xustificar a súa lexitimidade de exercicio presentando o estudo “Un país coa súa lingua”, que ten o acerto de se elaborar dende un foro participativo no que se escoitou ás Administracións, comunidade educativa e científica, sector cultural e creativo, tecido económico e sociedade civil. Deste xeito considera o CCG que pola diversidade de perfís evítanse nesgos de elite e pola infraestrutura participativa detéctanse barreiras operativas “ ...que non adoitan aparecer nas estatísticas”. 

Por outra banda, o estudo esixe unha metodoloxía aplicativa que require i) proba, ii) medición, iii) xeneralización e iv) publicación de resultados. As medidas haberán ter obxectivos claros, métrica sinxela e un responsábel de publicar os resultados, cando menos anualmente, de xeito que as medas de hoxe alimenten as reformas do mañá. É dicir, todo o contrario do que acompañou na (non) execución do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no 2004 polo noso Parlamento.

Cómpre salientar como o CCG constata a fenda entre dereitos e prácticas. Malia a liberdade teórica, no plano xurídico, de usarmos do galego, o CCG conclúe unha clara asimetría: mentres quen desexa vivir en castelán faino sen restrición ningunha, quen desexamos vivir en galego atopamos “...ausencia ou baixa calidade de opcións en trámites, atencións e contidos...”, concreta, mais non exclusivamente, na educación, na xustiza e na sanidade. 

Tamén constata o CCG graves eivas na socialización e transmisión interxeracional do galego cun lecer dixital e mediático producido maioritariamente noutras linguas e operando dinámicas de grupo que penalizan o uso do galego

Tamén constata o CCG graves eivas na socialización e transmisión interxeracional do galego cun lecer dixital e mediático producido maioritariamente noutras linguas e operando dinámicas de grupo que penalizan o uso do galego. Pola súa banda os servizos de normalización están infradotados e mal coordinados, a infraestrutura dixital e tecnolóxica é ”incompleta” e padecemos un déficit de información xeral, faltando “...unha práctica estendida de rendición pública de contas e publicación periódica de resultados.” .

Un país coa súa lingua” organiza as súas propostas en dous níveis: inmediatas (non requiren remudas normativas e xeran impacto rápido e concreto) e estruturais, que si requiren as devanditas remudas e teñen un meirande impacto futuro. Unhas e outras estrutúranse en sete liñas transversais: 1) gobernanza e planificación, 2) contratación pública e calidade de servizo, 3) educación e socialización, 4) infraestrutura dixital e tecnoloxías lingüísticas, 5) medios, cultura e acción exterior, 6) economía, turismo e deporte e máis 7) sociedade, crenzas e participación. 

A metodoloxía novidosa deste documento ofrece unha base común para Administracións Públicas, sociedade civil, educación e tecido empresarial e asociativo para que cada quen poida desenvolver e verificar resultados das accións que execute en cadanseu ámbito de actuación. Velaí que a Xunta non poida cuestionar esta metodoloxía de análise nin se pechar nos preconceitos (bilingüismo cordial e equilibrado ou o amplo coñecemento teórico do galego) aos que nos ten tan afeitos. 

E velaí, tamén, que consideremos que paga a pena seguir a debullar, nas vindeiras semanas, estas propostas do CCG en cadanseu deses sete eixos sectoriais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.