Se a nivel intelectual e teórico, como puxeron en evidencia os numerosos cadernos editados polo PSG, que eran dun alto nivel, esta simbiose entre socialismo e galeguismo resultaba doada, non o sería así a nivel de práctica política
2. A difícil simbiose entre socialdemocracia e galeguismo
Unha das grandes achegas ideolóxico-políticas que o PSG (Partido Socialista Galego), buscou no seu día introducir en Galicia no debate partidario das esquerdas foi a necesidade de sumarlle ás históricas reivindicacións socialistas de clase (“O Partido Socialista é unha organización política que loita pola conversión de Galicia nunha sociedade socialista, concibida esta como unha sociedade sen clases, plenamente democrática onde a propiedade real dos medios de produción sexa colectiva”) o pensamento galeguista (“Galicia é unha nación, ou sexa, un pais dotado de personalidade propia”) ata conseguir unha simbiose entre ambos: socialismo+galeguismo de esquerdas. Unha simbiose difícil pero necesaria e cuxa xustificación non había que ir buscala moi lonxe, pois estaba na propia realidade galega, Ou iso pensábamos no PSG.
Se a nivel intelectual e teórico, como puxeron en evidencia os numerosos cadernos editados polo PSG, que eran dun alto nivel, esta simbiose resultaba doada non o sería así a nivel de práctica política como mostraría a historia en todas estas décadas nas que esa simbiose nunca acabou de callar como sería mester e desexable. Nunca callou nin no propio PSG, onde finalmente acabaron aniñando dúas almas -socialista e nacionalista-, que logo dos resultados das eleccións xerais de 1977, e sen un líder que fixera de pegamento, emprenderon dous camiños diferentes: un en dirección ao PSOE e outro en dirección a UPG. Nin tampouco callaría nas distintas organizacións políticas de esquerdas que posteriormente tentaron de conseguir esa simbiose: EG (Esquerda Galega), POG (Partido Obreiro Galego), En Marea.
Coa perspectiva que dá o tempo, a explicación desta dificultade resulta mais doada que naqueles anos -en que presumiamos de marxistas, pero tiñamos esquecida a importancia da historia na comprensión da realidade presente- mais quixera empezar contando unha anécdota persoal que seguramente axude a entender mellor as razóns deste fracaso -tómese este termo en senso político-. Nas eleccións xerais de 1977, e por expresa petición dos candidatos na provincia, participei con eles na campaña electoral en Lugo. Unha experiencia enormemente clarificadora que, entre outras ensinanzas, nos deixou a evidencia do difícil que sería convencer ao noso potencial electorado da necesidade política de unir socialismo democrático e galeguismo.
Nun marco xenuinamente democrático, o PG tardou cinco anos en conseguir representación parlamentaria. ¿Pasaríalle o mesmo ao PSG?
Os/as asistentes aos mitins facíannos sempre as mesmas preguntas: ¿pero vos non sodes todos socialistas?, ¿por que ides divididos? -lembremos que nesas eleccións en Galicia se presentaron 3 organizacións políticas que se declaraban socialistas: PSG, PSOE, PSP/US- para finalmente rematar cunha sentencia demoledora: sodes boa xente pero non vos imos votar. ¿Que estaba pasando?, ¿que fallaba nunha estratexia que nos parecía estar perfectamente artellada para responder ás necesidades e demandas das clases populares galegas?. ¿Por que estas nos daban as costas?. A resposta empezou a estar cada vez mais clara consonte avanzaba a campaña electoral: que os socialistas galegos (PSG), quen presumiamos de ser marxistas ademais de galeguistas, ata a campaña electoral non tivéramos en conta unha das principais ensinanzas do pensamento de Karl Marx: a importancia vital de aprender da historia para non repetir erros.
Así, consonte avanzaban os días e os actos electorais entre un crecente número de cadros do PSG -penso que no propio XMB- medraba o tremor a que nos fose pasar o mesmo que lle sucedera ao Partido Galeguista (PG) durante os primeiros anos da II República. Lembremos que o PG nese tempo tivo que padecer unha especie de travesía do deserto deica poder entrar no Parlamento español: creado no ano 1931, obtivo só 1 concelleiro por Ourense e a maioría en Tui -aliado cos agraristas- nas eleccións municipais de 1933, 0 deputados nas eleccións xerais dese mesmo ano -onde foi en solitario- e 3 deputados nas eleccións xerais de 1936 pero, neste caso, formando parte da Fronte Popular. Nun marco xenuinamente democrático, o PG tardou cinco anos en conseguir representación parlamentaria. ¿Pasaríalle o mesmo ao PSG?. A historia non parecía xogar a favor dos galeguistas -que neste caso éramos, por suposto, nós: o Partido Socialista Galego (PSG)- que unha vez mais volvían a precisar de máis tempo para así -como lle sucedera ao Partido Galeguista na II República- convencer ao potencial electorado de que as súas ideas e os seus programas -que defendían a simbiose entre socialismo e galeguismo- non só eran diferentes dos do PSOE e o PSP/US, senón que ademais eran os que mellor se adaptaban á realidade galega, ás necesidades do país e as súas xentes . Pero era un tempo do que o PSG non ía a dispoñer.
Os protagonistas foron outros, maiormente os sindicatos de clase e detrás deles algúns dos partidos tradicionais pero o PSG non foi quen neses anos de recoller os froitos políticos esperados
Din que as penas nunca veñen soas. Como estudosos que éramos –“o partido de Galicia cos cadros políticos mellor formados” (?) - aprendéramos que os maiores logros de socialdemocracia europea -tiñamos presente o exemplo dos países nórdicos- tiveron lugar cando esta camiñou da man das clases traballadoras do seu pais, en simbiose con elas. A década dos anos setenta -anos de efervescencia social e cultural- estivo marcada en Galicia, como en toda España, por unha pléiade de loitas sociais sen precedentes nas que participaron traballadores da industria, campesiños e estudantes. Unhas protestas populares que adoptaron múltiples formas -asembleas, folgas, manifestacións, tractoradas, concentracións, peches...-, que desafiaron a ditadura e foron decisivas para a transición democrática. Un contexto social conflitivo que, teoricamente, debería axudar a que o PSG collera músculo, ampliara a súa base social e fora artellándose como unha alternativa de cambio real en Galicia. Foron momentos en que o auxe destes movementos de carácter marcadamente social e de clase -xiraron arredor de reivindicacións que ao tempo que reclamaban melloras nas condición laborais e prezos xustos, tamén esixían liberdade e democracia- creaba un escenario no que, como sinalaba antes, partidos políticos que se reclamaban representantes das clases traballadoras como o PSG –“para encetarnos o camiño a unha Galicia socialista o PSG pretende ampliar ao máximo a dimensión do socialismo como corrente de masas”- despuntaran e pasarán a ter un maior protagonismo no escenario político, neste caso, galego.
Pero a realidade non foi tal como cabía esperar. Os protagonistas foron outros, maiormente os sindicatos de clase e detrás deles algúns dos partidos tradicionais pero o PSG non foi quen neses anos de recoller os froitos políticos esperados. Como se comprobaría nas eleccións xerais de 1977 nesas alturas as clases populares galegas preferían o O (de obreiro) a G (de galego).
Volverei sobre isto con mais detalle no vindeiro artigo.