Un vencello común

Tardei varios anos en comprender aquel fío condutor excepcional –para min tan normal e familiar– que unía as vidas dos galeguistas que sobreviviran ao golpe de estado franquista e que ficaran exterior ou interiormente exiliados. E máis anos tardei aínda en entender por que as súas vidas estiveron cheas dunha enerxía que semellaba inesgotable e que os obrigaba a traballar incondicionalmente, espartanamente, todos os días do ano e moitas noites tamén.

Unha parte importante da seguinte xeración de galeguistas, os nacionalistas, non se conformaron e fixeron ben. Na vida hai que continuar avanzando e a conquista de máis dereitos que nos correspondían como pobo era necesaria

En menos dun ano deixáronnos Paco del Riego, Isaac Díaz Pardo, Xaime Illa Couto e Avelino Pousa Antelo. Avelino foi o último, o derradeiro. Eles xa eran activistas antes do 36, pero despois desta data, ao seu compromiso por este país uníuselles un sentimento de culpa por sobrevivir –un desacougo que os mantiña en débeda cos desaparecidos– que se converteu nunha especie de motor vital que xa non os abandonaría nunca. Ese motor, o do compromiso cinguido á dor, elevounos a un nivel de actividade excepcional nun ser humano do común, e fixo que se sentaran as bases do que hoxe, en medio da voráxine, todavía somos quen de conservar, aínda que polos pelos: a autonomía, a cooficialidade do noso idioma, o recoñecemento do noso país como nacionalidade histórica, etc.

Unha parte importante da seguinte xeración de galeguistas, os nacionalistas, non se conformaron e fixeron ben. Na vida hai que continuar avanzando e a conquista de máis dereitos que nos correspondían como pobo era necesaria. Pero a Transición e a chegada da democracia coas súas liberdades, entre outras a liberdade política, fixo que na xeración de nacionalistas se fora perdendo unha conexión esencial que abrollara entre os galeguistas do 36, capaces de facer política por riba das ideoloxías particulares de cada quen.

Esa ligadura dos vellos galeguistas foi esencial para conquerir o que hoxe temos: Galiza autonomista recoñecida como país con lingua propia

Esa ligadura dos vellos galeguistas, que a pesar das difenzas ideolóxicas, mantiña un respecto enorme entre os supervivintes da Guerra Civil, foi esencial para conquerir o que hoxe temos, o que hoxe nos queda, o que supuxo o gran triunfo desta xeración irrepetible e que nos legaron como un grande agasallo, como un acto de xenerosidade sublime: Galiza autonomista recoñecida como país con lingua propia. O que en corenta anos semellou un imposible, o seu traballo titánico, altruísta, cheo de renuncias persoais, familiares e vitais, transformouse nalgo posible. Todos aportaron o mellor que tiñan, todos volcaron, do mellor xeito que souberon e puideron, os seus coñecementos, as súas vocacións, e o que non tiñan ou o que necesitaban, aprendíano ou inventábano.

Ese lazo indestrutible a prol deste país é o que se foi esfarelando nos últimos anos e é o que eu máis boto de menos na xeración que me precede. Entendo que a xeración da Transición, a esquerda que agroma nos anos 60, non o tivo doado. A dos 70 fora unha grande década para unha parte do mundo occidental coa consecución de importantes obxectivos de carácter social, sindical, feminista, etc. pero o certo é que co tempo aquelas arelas difuminaríanse, e un dos obxectivos que acadara a socialdemocracia, o Estado de Benestar, hoxe esváese. Mentres chegaban os anos da Movida e a música dos 80 enchía de ledicia os nosos corazóns, íase fraguando a mazá enveleñada que hoxe temos que roer: os Reagan dun lado do océano e as Thatcher na outra beira, daban renda solta a unha faciana extremadamente perversa do capitalismo: o poder financeiro. Este era o verdadeiro demo maléfico, dirixido polos neocons, adicados a satanizar o comunismo.

Desexo cobizosamente que a miña xeración, a Xeración do 2000 sexamos quen de manter o nexo entre os que consideramos que Galiza é un país

Por iso desexo cobizosamente que a miña xeración, a Xeración do 2000, a dos que estamos perdendo o que a Xeración da Transición acadou, e que podemos perder tamén o que a Xeración do 36 sementou, sexamos quen de manter o nexo entre os que consideramos que Galiza é un país, un pobo de seu con todas as posibilidades do mundo de sair adiante e de conservar a súa identidade.

Esta irmandade tan necesaria, esta ligazón arredor dunha idea: Galiza, é o legado da xeración de Avelino que eu máis quero salientar. Por eles, pola súa entrega e xenerosidade cos galegos, e por esta Terra, gustaríame que a miña xeración mantivera o vencello –mentres un novo galeguismo/ nacionalismo/ altermundismo vai nacendo para encarar un novo ciclo–, malia que os camiños se bifurquen, porque chegará un día en que converxan para termos un futuro mellor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.