Bertolt Brecht dicía que se un vaso está lixoso, todo o que nel botes acedará.
É certo. Na Limia témolo acreditado coa experiencia municipal dos derradeiros corenta anos. E seguimos hoxe mesmo certificando o cumprimento desta hipótese, xa na cátedra da total deturpación política do PP, segundo a segundo, milímetro a milímetro ata chegar como unha marea negra ó peirao do órgano administrativo máis próximo e importante da nosa vida, o concello. Totalmente podrecido onde a corrupción non só tentou perverter os secretarios municipais senón que o seu obxectivo real é facelo coa alma enteira da institución, da Limia e do país se puidera.
O alcalde non ten culpa, é un enfermo, un adicto, un yonki da desviación do poder que corre polas súas veas. É o seu estilo, o seu xeito íntimo de entender o poder, de facer política: comigo ou contra min
Naide ve nada. O alcalde non ten culpa, é un enfermo, un adicto, un yonki da desviación do poder que corre polas súas veas. É o seu estilo, o seu xeito íntimo de entender o poder, de facer política: comigo ou contra min. Sen embargo a escolla entre ser honorables cidadáns de pleno dereito ou infames súbditos da caría, respectivamente, brancos ou negros, é nosa, da capacidade crítica do noso bandullo.
Dáme a risa. Encántame escoitar as mentiras do vello tenente de alcalde de San Pedro cando todo o mundo xa sabe a verdade: o precintado do ordenador non foi para comprobar información senón para manipular de xeito obsceno informes sensibles e determinantes, probas incriminatorias da prevaricación.
Que máis dá, temos asumido que un político é pervertido non tanto polo diñeiro senón pola teimuda obsesión de amasalo
Que máis dá, temos asumido que un político é pervertido non tanto polo diñeiro senón pola teimuda obsesión de amasalo, é unha adicción, unha enfermidade, unha máis que máis ten. Desde logo, para facernos a vida un pouco mellor non compre pedirlle prebendas a ninguén, non debe ter moito morbo nin liñas roxas aquilo da defensa do interese xeral, o benestar e a mellora da calidade de vida dos nosos concidadáns, cando pasou ao esquecemento.
O serio, o triste, é que calquera inxustiza contra un funcionario, sexa un conserxe ou sexa o secretario, o funcionario de máis alto rango do concello, agocha unha ameaza implícita contra a credibilidade da propia institución local, mesmo contra o proceso electoral que a lexitima, e por extensión ameaza a toda a cidadanía, nós, verdugos de nós mesmos ao depositar de boa fe tanta confianza nun yonki desviado do poder.