Unha definitiva proposición –para fuxir das cavernas-

A Lois Pereiro, in memoriam.

Cos referentes e as referencias acontece o mesmo que cos Deuses: canto máis necesita un crer neles, con máis visceralidade reacciona cando son sometidos a crítica ou desprovistos da súa aura de perfección

Cos referentes e as referencias acontece o mesmo que cos Deuses: canto máis necesita un crer neles, con máis visceralidade reacciona cando son sometidos a crítica ou desprovistos da súa aura de perfección. O peor de todo é cando un menciona os seus nomes en espazos sociais, círculos culturais ou institucións onde existen, ante todo e sobre todo, intereses, e onde se precisa, con extrema urxencia, usar aos Deuses, aos referentes e ás referencias intelectuais como simples instrumentos simbólicos para afortalar reximes de poder en franca decadencia, darse una falsa imaxe de élites cultas ou ilustradas, ou ben procurar, dende unha posición e unha actitude de marxinalidade, aquelo que algúns escritores e intelectuais, mesmo antes de Gramsci e da concepción moderna do escritor e do intelectual, chamaban a Hegesthai – A hexemonía, en grego-, e que non é outra cousa que procurar os medios cos que lograr un fin moi concreto: meter nos miolos e no corazón das persoas que determinada maneira de pensar, sentir e actuar – unha forma colectiva de vida, nin máis nin menos-, sexa vella ou nova, é preferible ao modo de vida que as clases dominantes propoñen e impoñen máis ou menos subliminalmente, e as subalternas mimetizan, tamén, con maior ou menor grado de conformidade e consentimento.

O recurso á violencia, por suposto, nas súas múltiples manifestacións, é a partícula elemental para entender como e por que motivo determinadas formas de vida son aceptadas ou postas en dúbida, e non debería estrañar en absoluto que na convivencia humana, aquelo que Kant chamaba a insociable sociabilidade do ser humano, se manifeste en intermitencias históricas de visceral rebeldía e esquizofrenia clínica.

En Galicia, sen ir máis lonxe, existe unha seriedade que roza a máis enfermiza das solemnidades cos referentes e as referencias intelectuais da nosa gramática cultural

En Galicia, sen ir máis lonxe, existe unha seriedade que roza a máis enfermiza das solemnidades cos referentes e as referencias intelectuais da nosa gramática cultural, sobre todo no fechado e endogámico mercadillo dos escritores e intelectuais con máis pulsión militante que creativo-reflexiva, que teñen que tourear nun contexto de xeneralizado desinterese polo coñecemento da propia cultura, e soportar, aínda por riba, as urxencias curtopracistas dunha axenda editorial e política que só procura “produtos” estéticos e político-electorais que non poñan en dúbida os tan paralizadores consensos simbólicos desa casta de intocables na que deviu a chamada xeración da transición – excepcións á marxe, que sempre as hai -.

A situación é complexa e as predisposicions moi poucas para falar dunha política cultural – e dunha cultura política – con óptica local e global, pois movémonos nunha fecunda tensión sexual non resolta entre a vontade de conquistar o mercado simbólico das maiorías aculturadas e desmemoriadas ou entendérmonos cos consensos simbólicos da xerontocracia de turno, aquela que se auto-alcuma coma minoría culturalmente consciente con arela de vangarda, comicamente desfragmentada en guettos políticos liderados por populistas personalismos que procuran o seu relevo nas xeracións futuras ou na chamada mocidade militante.

Son dúas caras da mesma moeda: a da competición cega e descoordinada polo poder a través da negación e silenciamento, máis ou menos violento, do outro

Esta tensión sexual non resolta entre falar para as maiorías aculturadas e desmemoriadas ou minorías culturalmente conscientes auto-representadas como vangarda político-cultural, é un feito de capitalísima importancia para entender as contradicións específicas que se dan, non só na sociedade galega, no estado español e en Europa, así como no panorama internacional, senón tamén no discurso literario e político e no comportamento público, por acción ou omisión, dos seus intelectuais comprometidos. En non poucas ocasións, por exemplo, tenme resultado cómica certa actitude e certa textura de sentimento que aínda a día de hoxe reprodúcese nos popes do nacionalismo galego, consistente en defender retórica e idealizadamente a Liber-qué, iguali-quien, fraterni-cuando ilustrada ad-extra, cara a fóra, ao mesmo tempo que se reproduce ad-intra, cara a dentro, unha auténtica guerra fría por ocupar os postos de responsabilidade ou procurar que unha ideoloxía fechada e unha tese prevaleza sobre as demais por maioría simple. Son dúas caras da mesma moeda: a da competición cega e descoordinada polo poder a través da negación e silenciamento, máis ou menos violento, do outro.

As voces minoritarias poden facerse autoritarias sen ter autoridade cando cometen o erro de crer que a súa posición de marxinalidade pode xustificar automaticamente tódolos seus argumentos, comportamentos e mesmo laxitudes que tratan de relativizar as duplas morais do pequeno guetto político-cultural do galeguismo co clásico conto de que no grande guetto político-cultural do españolismo teñen máis forza e poder. No humano, demasiado humano, e fechado, cada vez máis fechado círculo político-cultural do nacionalismo anti-colonial, mesmo aquel de pre-guerra que non necesariamente utilizaba os significantes nacionalismo ou colonia, senón os significantes galeguismo e centralismo, nunha clara actitude de posicionamento contra a common law do Estado español. Neste humano, demasiado humano e fechado círculo político-cultural do nacionalismo de pre-guerra, digo, coma no nacionalismo anti-colonial de post-guerra que rachou coherentemente co Piñeirismo político e tratou de orientarse recuperando tanto o soño colectivo da esquerda galeguista no exilio - exterminado pola forza das armas e perseguido a través da institucionalización política do terror, o asasinato e a tortura - coma a poética política dos movementos anti-coloniais dos 60, seguirá respirándose o mesmo clima de personalistas resentimentos recíprocos. Dubido, por agora, que a cousa mude.

Seguirá respirándose este clima, si, e mesmo re-existirá perpetuamente se o feminismo non pasa de ser, tanto un discurso teorético para as súas bases, sen transcendencia vital para as súas vidas, coma unha maquillaxe simbólica para os seus representantes institucionais, cuxa única intención é escenificar unha paridade meramente visual e mediática que non emana dun verdadeiro esforzo pedagóxico por mudar a asimetría e a calidade relacional entre xéneros e sexualidades, así coma tampouco da vontade de frear a lexislación civil  e socio-laboral que a xustifica.

A miña humilde – e definitiva – proposición é, xa que logo, abandonar elitistas narcisismos para exercer a autoestima cívica e o pracer de levarlle transparencia, veracidade informativa e gozo estético ao pobo, sen máis compromiso que o dunha xenerosidade que non se autosatisfai a si mesma, e sen máis motivo que a satisfacción vital que iso nos provoca.

A miña humilde – e definitiva – proposición é recuperar a convicción radical de que, mesmo sumidos nun lameiro de hipocrisía, existen raigañas por onde aínda se deixa ver a lus do sol

A miña humilde – e definitiva – proposición é recuperar a convicción radical de que, mesmo sumidos nun lameiro de hipocrisía, existen raigañas por onde aínda se deixa ver a lus do sol. Son esas raigañas, físicas e metafísicas, alegóricas, que Albert Camus situaba entre a miseria e o sol. A miseria que lle impediu crer que todo estaba ben baixo o sol e na historia, e o sol que lle ensinou que a historia non o é todo.
O conto da emancipación acabou … de comezar.

Luces, cámara, paixón. Quen se atreve a abrir por primeira vez a fiestra?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.