Unha mirada non populista sobre o Acordo UE-Mercosur

Mobilización na Coruña da Plataforma en defensa do sector leiteiro galego. 28 de febreiro do 1987 © Terra e Tempo

Son poucas, moi simples, e moi vellas, as ideas escoitadas durante as últimas semanas sobre o Acordo UE-Mercosur: unha nova ruína para o sector agroalimentario galego está a piques de percorrer a Europa, ameazando o noso futuro e a nosa soberanía alimentar

1. Son poucas, moi simples, e moi vellas, as ideas escoitadas durante as últimas semanas sobre o Acordo UE-Mercosur: unha nova ruína para o sector agroalimentario galego está a piques de percorrer a Europa, ameazando o noso futuro e a nosa soberanía alimentar. 

Máis unha vez, confirmando as nosas hipóteses de hai 40 anos, os burócratas woke de Washington Bruxelas viran as costas ao sector primario galego. Baixaron os pantalóns para admitir a competencia desleal dos produtos de Arxentina, Paraguai, Uruguai e Brasil ao servizo das grandes multinacionais agroalimentarias. Produtos de baixo prezo que incumpren as normas sanitarias e fitosanitarias da UE inundarán en breve as nosas superficies comerciais, provocando o afundimento do noso sector primario, con grave ameaza para a nosa saúde.

As mobilizacións recentes do sector, contadas por Marcos Pérez Pena en Praza, non cansan de reiterar este relato, ben untado de épica e romanticismo. Desde o patriotismo de esquerda até o patriotismo de extrema dereita (con claros harmónicos MAGA), insístese en que a Unión Europea e o Goberno español, PP e PSOE, capturados polos lobbies multinacionais, están tratando de convencer con “trolas” á cidadanía para que traguemos esta apoteose neoliberal de libre comercio que destruirá as nosas formas de vida e as nosas identidades. 

 

O que “disque di” o Acordo non coincide en absoluto co que aparece escrito no Acordo

2. Porén, é moito o descoñecemento sobre o realmente acordado pola Unión Europea con Mercosur

O que “disque di” o Acordo non coincide en absoluto co que aparece escrito no Acordo: un complexo corpus normativo de máis de mil páxinas de alambicada arquitectura que costou 25 anos (do 1999 a decembro do 2024) de negociacións técnicas e políticas nada sinxelas, e atravesou distintos escenarios xeopolíticos. 

Certamente, a realidade é sempre máis complexa que as normas escritas. Pero as normas escritas (ainda que sexan tediosas) constitúen un necesario plano de análise racional, imprescindible para sabermos do que estamos a falar cando falamos do Acordo Mercosur, e de que lado veñen as trolas. Quizá o primeiro que deberíamos facer para falar do Acordo é, simplemente, lelo detidamente.

Porque chama poderosamente a atención a distancia que media entre os discursos alarmistas das mobilizacións agrogandeiras e o texto escrito do Acordo. Como non pode ser doutro xeito, este garante o cumprimento das normas medioambientais e de seguridade alimentaria, animal e vexetal da UE, así como a aplicación do principio de precaución e o Acordo de París. E prevé mecanismos de salvagarda e garantía de prezos para garantir a sustentabilidade económica dos nosos sectores produtivos máis sensibles, como a carne de vacún, aves, azucre, mel...Quen afirme o contrario desde posturas proteccionistas, de xenofobia comercial, debería asumir unha mínima carga probatoria dos desastres que pronostican.

Até onde sei, non dispoñemos de coñecemento rigoroso sobre as consecuencias deste Acordo sobre a economía galega. Hai análises de impacto económico de ámbito europeo (feito pola célebre London School of Economics) e español, encabezado pola doutora María Latorre. Pero non me constan análises galegas sobre o impacto na nosa balanza comercial cos países irmáns de Mercosur. A Xunta non fixo ningun documento serio ao respecto. Como sempre, só fai notas de prensa.

Deberíamos encher urxentemente ese baleiro. Máis que valoracións en negro ou en branco, o que precisamos é transitar á gama dos grises. O negrasombrismo da tradición nacional-populista que ve en Bruxelas un niño de lobbies neoliberais empeñados en aniquilar a nosa forma de vida conduce a exacerbar a oportunidade de mobilización política do sector primario; e non sempre nunha clave de esquerdas

Deberíamos encher urxentemente ese baleiro. Máis que valoracións en negro ou en branco, o que precisamos é transitar á gama dos grises. O negrasombrismo da tradición nacional-populista que ve en Bruxelas un niño de lobbies neoliberais empeñados en aniquilar a nosa forma de vida conduce a exacerbar a oportunidade de mobilización política do sector primario; e non sempre nunha clave de esquerdas. 

Convén ter moi presente que a vanguarda dos antisistema de extrema dereita, Vox, entrou hai tempo con forza no sector primario para disputarlle á hexemonía ao PP, cun agresivo discurso proteccionista, nacionalista e xenófobo, doblemente antiinmigración e anticomercio: non é casual o apoio da extrema dereita á proposta das forzas de esquerda na votación do Parlamento Europeo do 21 de xaneiro para remitir o Acordo Mercosur ao ditame previo do Tribunal de Xustiza. Tanto Alberto Núñez Feijoo como o presidente Rueda están a facer filigranas contorsionistas cada vez máis extremas para non perder o favor electoral da xente do campo.

Ocupémonos, pois, de achegarnos ao texto escrito dos acordos para balizar correctamente os contidos dun debate político e económico minimamente racional. O esforzo de pedagoxía “positivista” paga a pena, especialmente porque a polémica co Acordo UE-Mercosur coincide coas negociacións do novo marco financieiro da PAC para o período 2028-2034, pero tamén coa necesidade de a Europa afianzar a súa posición estratéxica fronte ao Leviatán (ou “LeviaTrump”) neoimperialista norteamericano. 

 

Neste momento, é difícil ter ideas claras sobre se o Acordo é negativo ou positivo para Galicia. Non é só por falta de estudos predictivos, senón porque os resultados da aplicación dunha norma tan complexa só poderán avaliarse seriamente unha vez que entre en vigor

3. O que coñecemos como Acordo UE-Mercosur son, en realidade, dous grandes acordos ou tratados internacionais, cuxo deseño convén aclarar.

O primeiro é o Acordo Interino sobre Comercio. Este tratado recae sobre as competencias exclusivas, xa transferidas polos Estados membros à UE en materia de política comercial exterior e investimentos. Son as competencias que exercen, pois, as institucións da UE conforme aos seus Tratados constitutivos. Por tanto, deberá ser ratificado polo Consello Europeo, unha vez autorizado polo Parlamento, e será de aplicación inmediata, até que entre en vigor o segundo tratado. A remisión ao TXUE para a confirmación (ou non) da súa compatibilidade cos Tratados non suspende a súa entrada en vigor (art. 218.11 e 278 TFUE), ainda que o TXUE pode acordalo se o estima oportuno.

Contodo, a dinámica de aplicación deste Acordo está marcada pola futura aprobación dun Regulamento complementario, relativo às salvagardas bilaterais, isto é, as medidas de monitorización e control da aplicación do Acordo en produtos agrícolas sensibles, que é o meirande cabalo de batalla política, e onde ainda haberá percorrido para as negociacións políticas internas.

O segundo tratado é o Acordo de Asociación UE-Mercosur. Este é o denominado “alicerce político e de cooperación”, ou de colaboración institucional, que inclúe tamén, na súa parte III, o alicerce de comercio e investimento: cando este Acordo entre en vigor, desprazará ao Acordo interino sobre Comercio. Trátase dun acordo de profundo impacto xeoestratéxico diante da deriva neoimperialista dos Estados Unidos. 

Este segundo Acordo non exece apenas competencias propias da UE, senón competencias compartidas cos Estados (a súa política exterior), polo que deberá ser ratificado non só polas institucións comunitarias (o Consello por maioría cualificada), senón tamén polos parlamentos nacionais.

Ambos acordos incorporan diversas disposicións institucionais para crear órganos conxuntos de seguimento e supervisión da aplicación, funcionamento e impacto sobre os sectores económicos de ambas as partes. Isto inclúe a creación dun Foro da Sociedade Civil, para permitir que as súas sociedades civis podan manifestar as súas opinións sobre a aplicación do Acordo.

Constitúe unha resposta estratéxica europea á brutal reconfiguración imperialista das esferas de influencia internacional inducida por Donald Trump nesta súa segunda presidencia

4. Neste momento, é difícil ter ideas claras sobre se o Acordo é negativo ou positivo para Galicia. Non é só por falta de estudos predictivos, senón porque os resultados da aplicación dunha norma tan complexa só poderán avaliarse seriamente unha vez que entre en vigor. O Acordo prevé unha monitorización exhaustiva ao respecto, e admite marxe de manobra mediante distintos sistemas de salvagarda que non teñen por que ser ineficaces. 

Só por iso, dado que o Acordo nin será unha panacea, nin tampouco a apocalipse zombi do rural galego, o Acordo merecería entoarmos un “let´s give deal a chance”... Mais tamén, e non en segundo lugar, porque estamos perante un Acordo que estreita lazos con países irmáns, con forte presenza histórica da diáspora galega, e constitúe unha resposta estratéxica europea á brutal reconfiguración imperialista das esferas de influencia internacional inducida por Donald Trump nesta súa segunda presidencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.