Nos últimos días determinados medios de comunicación difundiron unha suposta polémica sobre a existencia de diferenzas entre as distintas probas de acceso á universidade nas comunidades autónomas e o carácter de distrito único nese acceso aos estudos superiores.
Detrás deste debate forzado está a recentralización de competencias como principio ideolóxico tan caro á dereita española
Diversos mandatarios políticos, a comezar polo presidente da Xunta, entraron desde o primeiro momento a postularse á vangarda dunha suposta loita contra as diferenzas e as discriminacións no conxunto do Estado e apostando por unha proba única da ABAU. No debate tamén entraron algunhas persoas con responsabilidades de xestión no ámbito universitario e, por suposto, “opinantes” profesionais e columnistas varios.
Detrás desta nova campaña non está nin a defensa da igualdade de oportunidades nin a garantía de que as probas teñan nos diferentes ámbitos territoriais un trato o máis homoxéneo posíbel, tanto no seu deseño e nivel de esixencia como nos criterios de avaliación. Detrás deste debate forzado está a recentralización de competencias como principio ideolóxico tan caro á dereita española, tanto da vella como da nova, sexa esta ultraliberal ou puramente extrema dereita. Neste sentido o seguidismo de Feijóo e o nulo respecto mesmo polas competencias que o goberno galego ten, resultou claramente indicativo de quen non quere gobernar e prefire seguir instrucións.
A mentira, a falta de rigor e o desprezo polas competencias propias envolven a polémica.
Non é certo que a existencia dunha única proba na ABAU puidese supor unha garantía dunha avaliación homoxénea para o acceso á universidade
Non é certo que a existencia dunha única proba na ABAU puidese supor unha garantía dunha avaliación homoxénea para o acceso á universidade. E non o é porque a ABAU ten un peso na conformación da nota final do 40%. O outro 60% é a nota media dos dous cursos de Bacharelato. Por tanto, buscar un trato absolutamente idéntico en todo o Estado sería imposíbel, a non ser que nun redobre de esforzos por relegar o profesorado nas súas funcións docentes e de rematar de vez coa escasa autonomía profesional, se eliminase tamén o noso papel como avaliadores ao longo do Bacharelato.
A proposta bebe dun profundo desprezo pola asunción das reducidas competencias en materia educativa e parten dunha concepción unitarista do Estado
De feito, de se dar, as diferenzas non son só entre comunidades autónomas, senón entre os diferentes centros educativos, en función do maior ou menor nivel de esixencia e, no que non entran os impulsores deste debate, en que a principal disfunción existente é entre centros públicos e privados. Mais sobre isto ninguén di nada e toda a polémica se reduciu á proba da ABAU, xa que é onde o xogo político toma corpo na deriva dunha maior españolización do sistema educativo
As comunidades con lingua propia temos competencias sobre o 45% do currículo e as que non téñeno sobre o 35%. Esta potestade tórnase inviábel na maioría dos casos polo avultado dos currículos oficiais, xa de por si imposíbeis de abranguer nun curso académico. Mais o certo é que a propia Consellaría de Educación, no caso galego, limítase na inmensa maioría dos casos a traducir os contidos indicados desde Madrid e, só nalgunhas materias, a incorporacións e adaptacións curriculares á realidade galega.
Nas mentes fervorosamente centralistas do presidente da Xunta e en quen como el pediron a unicidade nas probas da ABAU, onde queda relegado o noso idioma?
A proposta que a dereita estendeu nestes días e que moitos medios repenicaron bebe dun profundo desprezo pola asunción das reducidas competencias en materia educativa e parten dunha concepción unitarista do Estado. Só así se pode entender cando pensamos na consecuencia que unha proba única tería sobre o currículo aprobado pola Xunta de Galiza na ESO e o Bacharelato: a desaparición por completo de calquera tipo de contidos propios e adaptados á nosa realidade nacional, sexa cultural, lingüística, económica ou sociolóxica.
E unha pregunta final: nas mentes fervorosamente centralistas do presidente da Xunta e en quen como el pediron a unicidade nas probas da ABAU, onde queda relegado o noso idioma? Pretender que a proba sexa idéntica implicaría que o alumnado galego non se examinase dunha parte importante do seu currículo nos dous cursos de Bacharelato e un golpe definitivo ao galego no ámbito educativo.