Unha ovella na tulla do diñeiro

Dominio Público freeimagefinder.com

Outros haverão de ter, / que houbermos de perder. (Fernando Pessoa, do poema Os colombos, Mensagem).

Os fabricantes de alcumes acordaron poñerlle Laluna. Foi pola ladaíña enfática e reiterativa coa que sempre coaroaba as falas e as chácharas na taberna: «me cago en la luna!» Ou, ao mellor, foi polos modos e actitudes máis propias dun lunático ca dun tipo cargoso e repugnante. Marcial, o Laluna, era un torturador nato do seu propio corpo, un parvo irredento capaz de traballar de sol a sol, imbuído por unha cobiza inigualábel; era unha acémela ou besta de carga gurrona; unha máquina de amasar fortuna e fartura para azacotar os díxitos das contas bancarias; era o devoto teimudo dunha deusa rabiosa que o trataba como un escravo. Un babeco con maiúscula, iso é o que era o Laluna. Mais, sempre hai unha ocasión na que os apaiolados tamén son capaces de pariren ocorrencias atinadas. Iso acontece cando panocos como o Laluna se atreven a domearlle a crista aos presumidos que agroman como estrugas sañudas dende o fondo das latrinas, onde se cría o fedorento cheirume que a miúdo nos abafa.

Falamos dos tempos pretéritos nos que os bancarios, malia zugarnos o suor e baleirarnos a carteira, aínda respectaban á clientela

Falamos dos tempos pretéritos nos que os bancarios, malia zugarnos o suor e baleirarnos a carteira, aínda respectaban á clientela. Un día de feira o Laluna entrou na sucursal do banco, turrando dunha ovella vella atada cun vencello, disposto a depositar os cartos do año que vendera. Ao avistalo, un dilixente empregado, créndose o dono da tulla do diñeiro, saltou enfurecido por riba da mesa, decidido a pararlle os pés aos excéntricos visitantes. A perica, asustada polo barullo, pegou un brinco e foise entallar entre as pernas daquel estúpido sentinela, mentres esparexía as pallas do vencello, ao tempo que entoaba un “bee” intenso e adoecido. O director, ao escoitar aquel son inusual, saíu do despacho ansioso de saber o que acontecía e, nun santiamén, ditou a sentenza inapelábel: «Este señor pode entrar no banco cuando quera e con quen queira. Bo día, don Marcial!» (Aquel fulano debía ser o único no mundo que trataba de don ao Laluna. E a el gustáballe, vaia se lle gustaba!)

Ao saír, o da ovella cruzouse cun veciño e detívose para falarlle do bo trato que lle dispensara o director do banco, mentres o outro lle cortaba a mexada en seco: «Nunca agardes nada dos que atan os bolígrafos con cordelas, como se fosen cuxos bravos».

[O meu tío Lisardo bota de menos os tempos nos que os arrieiros dos cartos che desplumaban a pelica −como fan hoxe en día− mais daquela había ocasións nas que te trataban como se ti foses o dono do teu propio diñeiro].

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.