Unidade Popular: abanear o sentido común

Os resultados das eleccións municipais do pasado 24 de maio ofrecen múltiples lecturas e, en tempo inmediato, bastantes conclusións, ao meu ver. Pero a min chámame a atención unha delas, aínda que talvez non sexa a máis estrondosa.

Tralas eleccións municipais consolídase a configuración dun suxeito social que teima en transformar o estado das cousas, ou en mudalas, non nos poñamos grandilocuentes. E ese suxeito opta por non comprar marcas

Parece claro que tras as eleccións municipais se consolida a configuración dun suxeito social que teima en transformar o estado das cousas, ou en mudalas, non nos poñamos grandilocuentes. E ese suxeito opta por non comprar marcas. Por observar desde fóra o supermercado electoral, esa grande Área Comercial que inviste máis en gastos publicitarios nos medios de comunicación tradicionais que no benestar dos seus empregados. Non podería ser doutra maneira. O noso suxeito nin sequera repara de todo nese produto que segue aí, no escaparate, cunha aborrecidísima falta de alegría, pouco atractivo e sen capacidade nin para renovar eses tres, catro ou cinco vellos envases. A data de caducidade chama máis a atención ca os desgastados envoltorios. E resultaba que eran precisamente os envoltorios os que excitaban a competencia.

Esa desafección compradora tamén pon na corda frouxa os medios de comunicación tradicionais

Nada de área comercial electoral, nada de marcas, e esa decisión, case unha arroutada, afecta mesmo a aquelas marcas que coa mellor das intencións procuraban ofrecer produtos diferenciados en algo. O novo suxeito, emporiso, non parece moi interesado na operación mercantil. E esa desafección compradora tamén pon na corda frouxa os medios de comunicación tradicionais. Cando menos, a súa función como escenario dunha competencia político-mercantil que conclúe nunha expropiación forzosa e sen indemnización da capacidade de participación e decisión democrática da cidadanía do común está posta en cuestión. Se a cidadanía rexeita esa tarefa en exclusiva que tiña encomendada, a de simple espectadora da poxa ficticia, o escenario da transacción perde todo sentido. Murcha. Os medios de comunicación tradicionais óllanse abraiados uns aos outros e non dan comprendido. A pesar da súa activísima e parcial participación na campaña electoral, máis alá mesmo do seu clásico papel de escenario e mediación -a necesidade obrigaba-, a gran masa de electores non tomou en consideración as súas advertencias, as que expresaban unha inescusable necesidade de preservar os vellos decorados e o ríxido reparto de tarefas e funcións. Uns, sobre o escenario, representan; a xente, no patio de butacas, observa e aplaude. Pero non lles fixemos nin caso. Á xente deulle por coller e non atender a razóns, foise erguendo das cadeiras e saíu da representación no medio da función. Os actores, case eternamente sobreactuados, son moitos anos repetindo a mesma función, quedan perplexos na súa soidade e buscan respostas imposibles ollando para un  decorado menos imaxinativo ca os escenarios de Dogville.

Alguén anda tamén a abanear no sentido común. Tomemos nota. Porque esa é a primeira porta que cómpre seguir ensanchando ata o infinito

Os medios de comunicación tradicionais comprobaron en propia carne a debilidade radical do sentido común que ata hai moi pouco tempo era máis consistente e eterno ca os misterios teologais. Alguén anda tamén a abanear no sentido común. Tomemos nota. Porque esa é a primeira porta que cómpre seguir ensanchando ata o infinito. Anular o sentido común hexemónico, vencer, construír un novo sentido común que mereza o apelido que leva. Abanear no sentido común é, ao cabo, trocalo por outro. Un novo sentido común, tímido aínda, pero que se atreve xa a amosarse aos poucos e mesmo osa cercar as murallas con concertinas para candidatos e candidaturas incómodas construídas polos medios de produción simbólica.

O novo suxeito vén a encontrarse en campo aberto e no medio dunha praza pública para expresar que non desexa mercado nin está disposto a seguir diferindo as súas decisións nin a súa necesidade de mandar

Así se vai esvaecendo o sentido mercantil dos combates electorais. O novo suxeito vén a encontrarse en campo aberto e no medio dunha praza pública para expresar que non desexa mercado nin está disposto a seguir diferindo as súas decisións nin a súa necesidade de mandar. Non é que renuncie á comunicación, en absoluto. Ao contrario. Trátase de protagonizar, sen mediación, un asalto ás novas formas de comunicación masiva, comunais. É moi notable, por certo, a forza coa que irrompe a familia léxica e semántica do común neste momento político.

Ao sortear esas murallas con concertinas erixidas polos medios tradicionais e outros axentes da orde, o novo suxeito empeza a construír modos comunais de esnaquizar ese vello monopolio privado de construción da realidade. A partir de agora, a realidade construímola todos. Por tanto, as eleccións terán que servir xa para outra cousa. Para algo realmente útil. O útil, nestes tempos, pode empezar polo modesto e ser, precisamente por iso mesmo, o grandioso.

O suxeito non se ve de ningunha maneira como comprador nin desexa ser espectador; reclama a súa condición de protagonista e anuncia a súa disposición a conquistala

O novo suxeito quere cambio. De nada lle serven xa as vellas normas. Constrúe a súa propia ética, que é republicana e socialmente comprometida. Despreza as vellas normas e elabora os seus propios principios. Todo iso expresa tamén a súa potencia constituínte. Ademais, cando despreza as marcas de mercado ou non lles recoñece o desmedido valor que o propio mercado lles outorga, non fai cousa ningunha máis que expresar á súa maneira a súa concepción alternativa dos procesos electorais como resortes para a acción e para o goberno das cousas do común. Todo un programa revolucionario. O suxeito non se ve de ningunha maneira como comprador nin desexa ser espectador; reclama a súa condición de protagonista e anuncia a súa disposición a conquistala. Aínda que non teña necesidade de explicitalo sempre formalmente, repudia o réxime de representación política, e faino mediante unha nova maneira de exercer o dereito ao voto. Constrúese unha nova poética. Todo o poder ás Mareas! Entón, treme o papo dos homes de orde, que ventan o espectro. E esa imaxe tamén é divertida.

As grandes triunfadoras das eleccións municipais son as candidaturas de Unidade Popular, plurais, diversas, construídas desde abaixo con grandes contradicións e dificultades, flexibles, abismais en certos sentidos, imprevisibles, comprometidas, inclusivas, non sectarias. Abstéñanse todos de alindalas, de aproveitarse das súas forzas, de lles construír diques. Enténdase que non é casual que as diversas expresións do réxime aínda hoxe sigan a esixirlles unha redución a marca identificable. Mais non hai marca. E esa é unha forma de construír outros escenarios en que o reparto de funcións e tarefas xa non sexa máis o de sempre. Minorizar as marcas electorais é tamén un xeito de expresar a condición dos seguintes pasos que cumprirá dar.

As grandes triunfadoras das eleccións municipais son as candidaturas de Unidade Popular, plurais, diversas, construídas desde abaixo con grandes contradicións e dificultades, flexibles, imprevisibles, comprometidas, inclusivas, non sectarias

Vivimos unha impugnación monumental, pois esa desafección da multitude que se constitúe en novo suxeito respecto ás marcas electorais tamén expresan, talvez, certo repudio ao imperio absoluto e absolutista do mercado sobre as vidas e as decisións comunais. Non queremos marcas. Non as necesitamos. A Unidade Popular non é compatible co interese de parte nin coa preponderancia da marca. Alá onde existe unidade popular, a marca devén irrelevante. Deámoslles un repaso aos resultados electorais. Tamén neles está inscrito o itinerario.

A maioría de nós, porén, fomos criados nos espazos asfixiantes do mercado. Aprendemos a asociarnos a marcas e a identificarnos con elas coma se importasen só os envoltorios

A maioría de nós, porén, fomos criados nos espazos asfixiantes do mercado. Aprendemos a asociarnos a marcas e a identificarnos con elas coma se importasen só os envoltorios. E mesmo lles fomos pillando cariño, como llelo collemos ás cores e ao escudo dun equipo de fútbol. Tanto cariño, que, ás veces, se nos falta esa marca sentimos coma se nos faltase o aire mesmo. Igual nos ocorre con certos significantes que funcionan como logotipos de identificación neses andeis absurdos do mercado electoral.

A esquerda é moi dada a esa identificación afectiva e simbólica. Unha identificación algo útil en certas circunstancias, pero soamente se non anula a dimensión verdadeiramente política e material das cousas, dos itinerarios que cómpre percorrer, dos diferentes ritmos con que o tempo se manexa en cada momento histórico. Significantes fetiche e diversas clases de marcas eternas, ou recentes, son xusto todo o contrario dunha acción política colectiva e, por tanto, emancipadora. Tampouco o nacionalismo de esquerda, o único que realmente me interesa, escapa a esas débedas históricas, entre outras cousas porque dunha maneira ou doutra, coas súas peculiaridades e as súas posicións autónomas, fai parte consciente da tradición política das esquerdas. E iso, se é que este tempo segue a dar lugar para chamarlle nacionalismo ao que é ou ten que ser unha caste de novo patriotismo republicano.

. Mesmo no caso dunha III República Federal, a República Galega será irrenunciable, imprescindible e condición necesaria

A República e unha sociedade poscapitalista non xorden por xeración espontánea nin por mor da súa simple enunciación, esixen unha construción detallada e hexemonía no imaxinario da maioría social, das clases subalternas, como espazo de realización común e non como imaxe remota dun desexo tan fermoso como inalcanzable. Tan puro como etéreo e lonxincuo. A República Galega, que é a que a min me referencia co ideal republicano e poscapitalista, necesita dos mesmos procesos de construción colectiva. Mesmo no caso dunha III República Federal, a República Galega será irrenunciable, imprescindible e condición necesaria. E non a constituirá en exclusiva a cidadanía conspicuamente nacionalista. Simplemente será a expresión da cidadanía consciente da necesidade de decidir sobre a totalidade de todo aquilo que nos afectan. Así de simple e así de complexo.

As eleccións municipais deixan múltiples leccións. Rematemos como principiamos. E algunhas delas, especialmente nidias. Mais ao final non poderemos evitar resumilas nunha palabra clave e común: Unidade. Ese é o corazón do proceso. Porque fóra das fórmulas de unidade, os resultados das diferentes opcións de cambio, de esquerda, dos de abaixo, etc., son discretos en termos de ruptura e cambio mesmo cando son máis ou menos aceptables en termos mercantís, se é que estes estivesen vixentes aínda. Se se desexa ruptura e cambio, daquela, Unidade, Unidade, Unidade. E na unidade popular, construída desde abaixo e coas forzas políticas de ruptura como acompañantes e non para protagonizar, a lei non pode ser nunca a da competencia interna senón a da cooperación. Entre moitas outras razóns, porque os procesos de unidade popular tamén anuncian o que o pobo desexa, espera e está disposto a conquistar. Contra competencia, cooperación. Fronte á lóxica do mercado, a lóxica nova do común.

Se somos todos, individuos, colectivos, organizacións e movementos, capaces de comprender algo tan simple, estaremos empezando a construír en común un artefacto moi poderoso. Se non damos anteposto a lóxica nova do común e da unidade ao interese de parte e á fragmentación, ou sexa, á preponderancia da marca, á lóxica do mercado, teremos que nos conformar con seguir abusando de fórmulas lingüísticas baleiras e continuaremos nunha absurda competencia pola autorreprodución. Mais o tempo, este presente, está xa para outros asuntos. E velaí vén xa outra fase máis do proceso. A ver se seguimos atinando ou nos perdemos na lóxica que interesa ao adversario.

Sorte, xenerosidade e intelixencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.