Valle de los Caídos. I. ‘Esa ley de la que usted me habla’

O conxunto monumental do Valle de los Caídos –basílica, explanada, abadía, cruz e hospedaxe–, situado no val de Cuelgamuros, en San Lorenzo de El Escorial, é un símbolo do fascismo nacionalcatólico cuxa mera existencia en plena democracia resulta chocante e sobre o cal caben basicamente catro actuacións: (a) mantelo como o que, por asombroso que pareza, foi até hoxe: un lugar de exaltación do franquismo; (b) transformalo nun espazo onde se lle rinda homenaxe a todas as persoas falecidas na guerra de 1936-1939; (c) convertelo nun lugar de lembranza dos defensores da República fronte aos militares rebeldes liderados polo golpista Francisco Franco; e (d) idear nel un espazo dedicado á explicación do totalitarismo. Queda excluída, por razóns, no fondo, moi difíciles de comprender, a opción de dinamitar ese mausoleo megalomaníaco e de devolverlle ao sur da serra do Guadarrama a súa fisionomía natural. Polo visto, sería esta unha manifestación de sensibilidade estética, amor polo medio e fineza democrática por completo incompatíbel coa nosa cultura política.

Consciente de que a primeira opción (a) é un escándalo incluso en España, o gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero creou en maio de 2011 unha comisión de expertos cuxa misión era a elaboración dun informe sobre o futuro do Valle de los Caídos que, de feito, foi entregado ese mesmo ano, en novembro, menos dun mes antes de que Mariano Rajoy tomase posesión do seu cargo como novo presidente. A comisión estaba integrada por Alicia Alted, Feliciano Barros, Francisco Ferrándiz, Carlos García de Andoin, Pedro José González-Trevijano, Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón, Reyes Mate, Carme Molinero, Hilari Raguer i Suñer, Amelia Valcárcel, Ricard Vinyes e Virgilio Zapatero. Durante todos estes anos, o informe, que se decantou pola segunda actuación (b), foi olimpicamente ignorado polo goberno conservador, a quen nin se lle ocorreu implementar as súas recomendacións, malia que procuran concretar o previsto na Lei 52/2007, do 26 de decembro, pola cal se recoñecen e amplían dereitos e  se  estabelecen medidas a prol de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida como lei da memoria histórica.

Esa lei, que o moi constitucional presidente Rajoy simplemente esqueceu, estabelece no seu artigo 16 e mais na súa disposición adicional sexta que o Valle de los Caídos debe aterse estritamente á normativa relativa aos lugares de culto e aos cemiterios públicos; que nel se prohiben os actos políticos que enxalcen a Guerra Civil, os seus protagonistas ou a ditadura; e que a súa fundación xestora  incluirá  entre  os seus obxectivos honrar e rehabilitar a memoria de todas as persoas falecidas por mor da guerra e da represión para así afondar no coñecemento deste  período  e  dos  valores  constitucionais, e fomentará a reconciliación e a convivencia. Polo tanto, é a propia lei da memoria histórica a que opta pola segunda actuación (b) asumida polo informe. Pero tanto ten. Mentres o Partido Popular nos impartía as súas clases cotiás de dereito constitucional, os franquistas puideron seguir peregrinando tan tranquilos ao Valle de los Caídos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.