Non parecera que os malos augurios anunciados polos profetas do neoliberalismo, por certo todos eles moi ben remunerados por traballos perfectamente prescindibles (“traballos de merda” que diría o antropólogo inglés David Graeber), co galo da última suba do SMI (Salario Mínimo Interprofesional) se estean cumprindo. De ningures. Aínda que o tempo transcorrido dende a aprobación do SMI é moi escaso (BOE nº 312, do 27 de decembro do 2018) os datos sobre o emprego non confirman esa apocalipse laboral que vaticinaron os citados gurús. Así, por caso, a taxa de paro actual está no 13,9% que supón 0,6 puntos menos que no período inmediatamente anterior ao establecemento do novo SMI. A evidencia empírica, polo de agora, demostra que non se pode afirmar que a suba do SMI teña efectos negativos sobre o emprego.
Resulta significativo ver como a pesar das constantes evidencias de que a suba dos salarios non necesariamente ten efectos negativos sobre o emprego senón que o mais probable e que suceda o contrario, que provoque un efecto positivo sobre o consumo quen a súa vez turrará da demanda interna que favorecerá o crecemento económico e o emprego. A pesar destas evidencias os gurus económicos do neoliberalimo (con forte influencia no tanto no PP e Cs como no PSOE) manteñen insistentemente o contrario.
Empecemos por analizar a realidade do mercado laboral en España. As comunidades con mellores e mais elevados salarios, segundo datos oficiais, son o Pais Vasco, Navarra, Madrid e Cataluña que teñen un salario medio bruto anual claramente por riba da media española -non considero as comunidades de Ceuta e Melilla polas particularidades das mesmas-. Comunidades aquelas que, por outra parte, teñen as taxas de ocupación –coa excepción do Pais Vasco- tamén das mais elevadas e claramente por riba da media española. Consecuentemente teñen taxas de paro das mais baixas. Si nos pasamos a outro extremo vemos como entre as comunidades que teñen os salarios mais baixos por caso Estremadura, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Castela León,A Rioxa e Galicia están as que teñen unha taxas de ocupación tamén das mais baixas, por caso Galicia, Andalucía, Castela León e Estremadura. No medio hai comunidades cunha moi baixa taxa de paro como por caso Pais Vasco (a mais baixa de España) pero que nembargante teñen tamén unha moi baixa taxa de ocupación pero o salario medio bruto anual mais alto de España. Tamén hai comunidades como por caso Baleares cun salario medio bruto anual por baixo da media española que, nembargante teñen unha taxa de ocupación elevada e unha taxa de paro moi baixa.
Estas evidencias empíricas deberan servir para afirmar con rotundidade que en España en xeral e en Galicia en particular non se cumpre o dogma de que a maior salario menor emprego e viceversa. Non, de ningunha das maneiras. Son outras variables as que inflúen. Mais aínda de haber unha relación esta é directa: a maiores salarios, maiores taxas de emprego e menores de desemprego, como evidencian os casos de Pais Vasco, Navarra, Madrid e Cataluña..
Nembargante as evidencias empíricas este dogma neoliberal ven dominando a política española, e galega, tódolos anos da democracia. Así en España nos derradeiros anos puxeron en marcha dúas reformas laborais (BOE 17 de xuño do 2010, BOE 11 febreiro 2012) que tiveron como estratexia central abaratalo despido e multiplicalos os contratos precarios. Que efectos sobre o mercado laboral tiveron estas reformas?: caída brutal do salario medio real, precarización do emprego e mantemento de elevados niveis de desemprego. O que realmente fixeron foi distribuír o traballo existente entre un maior numero de traballadores/as coa conseguinte precarización do emprego sen conseguir reducir significativamente o desemprego. España segue entre os estados europeos co maior nivel de paro e menor de ocupación.
E nestas estamos cando todo parece indicar que Pedro Sánchez (PSOE), seguindo o exemplo dos seus compañeiros socialdemócratas (Felipe González, Jose L. Zapatero), e incumprindo unha das súas múltiples promesas electorais non ten en mente derogar as reformas laborais que puxeran en marcha os gobernos de Zapatero (PSOE) e Rajoy (PP). (https://www.publico.es/economia/calvino-no-ve-productivo-revertir-reforma-laboral-aboga-nuevo-estatuto-trabajadores.html).
Que vellos dogmas persisten trala política laboral da nova socialdemocracia?. Uns dogmas que se sustentan en hipóteses falsas como xa tivemos ocasión de expoñer neste medio (https://praza.gal/opinion/por-que-en-galicia-se-crea-tan-pouco-emprego). Hipóteses que sosteñen que o mercado de traballo leva por si mesmo ao pleno emprego e si hai desemprego é por culpa das clases traballadoras quen non aceptan os salarios que lle ofrecen os/as empresarios/as provocando así un desaxuste entre a oferta e a demanda de traballo que leva ao desemprego. Un dogma que levado ao extremo apunta a que canto mais baixos sexan os salarios mais oportunidades se dan de crear emprego pois mais posibilidades teñen os traballadores desempregados de ser contratados. Un dogma se utilizan para xustificar que se aproben reformas liberais que flexibilicen ao máximo o mercado de traballo e, ao tempo, que se debilite ao movemento sindical para que os traballadores non sexan quen de ofrecer resistencia as condicións laborais que lles ofrecen. Pois nestas condicións serán contratados sen dificultade. Velaí a utilidade de facilitalo despido e a vantaxe dun desemprego importante: os/as traballadores/as son mais disciplinados.
Pero as evidencias veñen desmontando ao longo das últimas décadas estes dogmas. Evidencias que mostran como o mercado de traballo non é alleo a realidade do conxunto dos mercados e moi especialmente ao mercado de bens e servizos. Si neste mercado non hai demanda (por caso, si as empresas e os comercios non venden), non hai produción e neste caso as empresas non contratarán por moito que se baixen os salarios. Velaí que a estratexia neoliberal, reflectida por caso nas reformas laborais citadas, non serve para nada pois o que realmente hai que facer na maioría dos casos e subilos salarios para reactivala demanda. Galicia, como vimos anteriormente, é un caso de libro de cómo non se pode afirmar que teñan que diminuír os salarios para que medre o emprego.
En realidade como se poden dar situacións distintas, tal como vimos anteriormente no caso español, hai que actuar tanto sobre a demanda como sobre a oferta e non so sobre esta como defenden os neoliberais. Hai que actuar sobre ámbalas dúas variables dado que os mercados laborais, incluso nunha comunidade como Galicia, son bastante heteroxéneos aínda que estean todos relacionados. E si se quere realmente loitar contra o desemprego hai, por caso, que poñer en riba de mesa temas tan relevantes como que son os traballadores: simples mercancías ou persoas?. A organización do mercado do traballo non pode estar separada da organización do tipo de sociedade que queremos: unha sociedade de escravos ou unha sociedade de cidadáns libres cos mesmos e iguais dereitos?