Deixemos Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Lugo e poñamos que falo de Madrid, a capital deste reino travestido á campo santo de elefantes que vaga sen rumbo desde as marabillosas medidas económicas dos 6 millóns de parados (Rajoy 6-Zapatero 4), o tesoureiro corrupto que se beneficia da amnistía fiscal legalizando os sobresoldos en negro dos seus amigotes da cúpula do PP, polo conselleiro que privatiza a sanidade para logo fichar pola empresa que a xestiona, ata a glamurosa aristócrata alemá que tanto lle ten desflorar un monarca decrépito como ao seu atlético xenro troiano das finanzas, princesa mercadoría de luxe, non como as de Fernando León.
O alcalde funambulista. Sempre empoleirado na xestión de altura e alto risco, materializar hoxe proxectos multimillonarios e financiados non é doado
Poñamos logo que tampouco falo de Madrid aínda que Sabinas habelas hainas tamén e moitas na capital da Limia. E poñamos, xa que logo, que falo precisamente dunha que destaca entre todas e a que sempre admirei profundamente xa desde A Pedra Alta da miña raza limiá, o exemplo de alcalde máster nos complexos equilibrios financeiros da corda frouxa: o alcalde funambulista. Sempre empoleirado na xestión de altura e alto risco, materializar hoxe proxectos multimillonarios e financiados non é doado. Tanto lle ten autoadxudicarse o Hipódromo de Antela como a revenda de coches ou de parcelas da Deputación, el é o herdeiro lexítimo das bondades de Feijoo e Rajoy, profetas do descarado sálvese quen poida no que está a derivar esta troupe de broncíneos bustos parolantes esquecidos nos corredores do Senado.
Alto risco sempre ó límite do prazo e suposto legal co amparo e confianza dunha rede de seguridade que ata o de agora tiña sempre todo previsto, infalible e con todas as garantías por enorme que fora a tallada
Alta xestión, cibernética financeira a golpe de renovacións de crédito, máis débeda en total ausencia dun proxecto de cidade, alto risco sempre ó límite do prazo e suposto legal co amparo e confianza dunha rede de seguridade que ata o de agora tiña sempre todo previsto, infalible e con todas as garantías por enorme que fora a tallada. Dúas décadas do apartheid baltarista non podían ser para menos, mágoa que agora, semellando a excepción que pode estragar tan refinada norma, aparece o primeiro puntapé serio cunha xustiza que por fin atopou indicios de lume a pesar do negro fumeiro que a Deputación de Ourense ten desde os oitenta ata agora, sucesión dinástica engadida.
O dito, falemos logo dun alcalde calquera, un de Ourense ou da Limia, que facendo gala da súa empatía e intelixencia emocional é capaz de adaptarse a conxuntura de crise e recorta o 15% no soldo das traballadoras e traballadores municipais, ao tempo que estuda un ERE extintivo coa consultora Galivalia, tamén aproba en pleno co rodo da súa inapelable maioría un panfleto que xustifica unha provisión mínima de 131 traballadores (cun gasto mínimo de 4,5 millóns de euros nun concello de 10 mil persoas), mais non toca nin dietas nin comisións pola asistencia ós órganos de goberno e por suposto segue a contratar de xeito indiscriminado a interventores, apoderados, candidatos e ata a dona do concelleiro de facenda.
Recorta o 15% no soldo das traballadoras e traballadores municipais, mais non toca nin dietas nin comisións pola asistencia ós órganos de goberno
Este o ronsel inconfundible do alcalde funambulista, dependurado entre a débeda e a prevaricación, anubiado polas cantigas de sabinas como os Baltar, e que máis cedo que tarde terá tamén que visitar o Pazo da Xustiza para respostar non só polo enchufismo salvaxe senón polos programas provinciais de cooperación á dedo que financiaron tal barrunta na contratación de interventores do PP como persoal municipal. Funambulismo financeiro en estado puro.