Que despois de 1990, a Xunta de Galicia non celebrara ningún dos aniversarios do programa de radio en galego más antigo do mundo debería levarnos a facer unha reflexión
Que despois de 1990, a Xunta de Galicia non celebrara ningún dos aniversarios do programa de radio en galego más antigo do mundo debería de levarnos a facer unha reflexión. É na capital uruguaia cando o 3 de setembro de 1950 e desde Radio Carve ten lugar a primeira emisión de Sempre en Galicia enteiramente na nosa lingua. O grupo galeguista montevideano de amigos de Castelao, falecido en xaneiro en Bos Aires, quere renderlle unha homenaxe que non sexa efémera e acordan despois de varias reunións a fundación dun espazo radial que na mañá de cada domingo fale en galego sobre os problemas da Terra Nai e dos seus emigrantes.
Os amigos de Castelao estaban fondamente entristecidos polo falecemento do egrexio rianxeiro xa que levaban anos de estreita relación e actividades en ambas beiras do Prata. Os fundadores foron sete emigrantes: Canabal, Crestar, Couceiro, Leiras, Meilán, Somoza e Pita. Agás Meilán e Leiras que eran de Lugo, os demais eran coruñeses. Hai que sinalar que o poeta e musicólogo Emilio Pita Robelo, residente en Bos Aires, estaba de xeito transitorio en Montevideo por motivos laborais. Entre os fundadores temos a Alfredo Somoza Gutiérrez quen fora presidente da Deputación Provincial da Coruña en 1931 e deputado de Izquierda Republicana e relacionado familiarmente con Castelao xa que o seu pai era curmán de Castelao. A historia de Somoza despois do golpe de Estado está marcada polo seu agochamento en diferentes casas de amigos e durante 11 anos para evitar o seu fusilamento. A chegada a Montevideo, desde Francia, foi arranxada polo moi nobre e solidario don Xesús Canabal Fuentes (O Amenal-O Pino).
Eu que estiven diante do micrófono e redactei editoriais durante once anos, sinto que os méritos dos “bos e xenerosos” fundadores non foron recoñecidos como corresponde xa que o seu importante esforzo fixo que a nosa identidade propia latexe no corazón de milleiros de descendentes. Aínda que dous dos fundadores (Canabal e Melián) foron distinguidos coa Medalla Castelao non houbo distincións de carácter oficial para o programa xa que só recibiu (e son de agradecer) un par de premios de entidades privadas (Premios da Crítica Galega e Fundación Cultural San Martiño da Estrada).
Pero aínda máis triste é a constatación de que desde 1990 non houbo ningunha celebración do aniversario a pesar de reiteradas xestións pola miña parte como Delegado en Galicia do programa. Fun presentando propostas para actos en Montevideo, a primeiros de setembro, que non tiveron resposta positiva ata que antes do 70 aniversario volvín insistir e por escrito para que houbese unha semana cultural galega na capital uruguaia. O certo é que nada conseguín. Poida que sexa un asunto exclusivamente político. Quere dicir que antes na Xunta de Galicia tiñas con quen falar xa que os conselleiros eran membros dun partido político da “dereita civilizada” pero agora aínda que seguen sendo do mesmo partido, son activos militantes ultra que non profesan o credo autonomista.
Quero pedir axuda para que non pase outro aniversario de Sempre en Galicia sen celebración. O vindeiro ano é moi apropiado para que sexa un bo limiar ou axeitado adianto da festa maior dos 75 anos na que encheremos a capital uruguaia de cultura galega. Se falo de futuras celebracións no exterior é porque confío en que axiña teremos novas autoridades saídas das urnas. O novo goberno autonómico terá que esforzarse moito para saír dunha escura noite na que medra, sen freo, a desigualdade social que é unha das consecuencias do moi inxusto neoliberalismo. É urxente que teñamos un goberno honrado.
Necesitamos que se dignifique a vida política co afastamento da cuadrilla de mercenarios mediáticos que ensuxan os micrófonos da RTVG con deformacións, manipulacións, mentiras ou ocultamento de acontecementos que non son do agrado dos xefes do partido maioritario en Galicia. Eu quero ter un goberno que espalle alegría e paixón para que os cidadáns se comprometan nunha ampla sementeira de solidariedade no noso fermoso curruncho atlántico e tamén nos vieiros da diáspora.