Esta semana, un xornal de Lugo, a cidade onde vivo, recollía a demanda dunha persoa que foi testemuña dunha agresión machista na súa comunidade de veciños, dun cambio no protocolo no proceso da denuncia nun caso como o seu, de xeito que a identidade da persoa que da a voz de alarma non lle sexa revelada ao agresor, e que, posteriormente, se evite que ambos coincidan nas dependencias xudiciais.
Evidentemente, desde Si, hai saída, a asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da que formo parte, non puidemos por menos que engadirnos á devandita demanda, unha demanda que é absolutamente inxustificable que sexa precisa facela a estas alturas.
Como é posible, cando nos están a vender cada día os nosos políticos, as Institucións, os avances, os despregamento de medios, os orzamentos, os estupendos e marabillosos protocolos, que a ninguén se lle pase pola cabeza algo tan obvio? Menos mal que todos os que interveñen neste proceso teñen unha esmerada formación, seica. Terán , non digo que non, mais do que é evidente que andan un tanto escasos é do mais elemental sentido común.
Por unha banda, continuamente se está a instar a poboación a que, non soamente cando unha agresión machista sexa xa un feito consumado, senon que ante a sospeita de que nalgunha vivenda da súa veciñanza se estea a producir unha situación de violencia de xénero non dubiden en denunciala, algo que, sen dúbida, sería de gran axuda, vital, de feito, para tentar paliar este terrible feminicidio que non deixa de medrar e de cobrarse vidas. Mais pola outra, e rexeitando, como xa dixen antes, un sentido común básico, o agresor coñece desde o minuto cero a identidade da persoa que o denunciou coas conseguintes consecuencias que isto pode provocar. Moi lóxico todo! Mesmo as veces chegan a cruzarse no Xulgado, co risco que isto representa.
Ou é que aínda queda por aí alguén tan inxenuo que cre que un malnacido que é quen de agredir, ou mesmo de matar a súa parella, a quen di querer, ou mesmo aos seus fillos, non pode chegar a facelo con quen o botou nas mans da xustiza? Supoño que para entender algo tan obvio tampouco é preciso facer un máster, digo eu!.
O verdadeiramente grave é o que isto demostra, que é, nin mais nin menos, que, por moito que tenten convencernos do contrario, por mais campañas mediáticas que se fagan, no que a realidade da violencia de xénero, das súas vítimas, atinxe, moitos dos que teñen competencias e responsabilidades directas na materia, están aínda, e con todo o respecto o digo, a velas vir.
E o peor é que tampouco teñen a humildade de recoñecelo, cousa que, por mais que pensen o contrario, os honraría, xa que evidenciaría vontade por mellorar, por levar adiante esa loita da que tanto falan e que, a vista está, acada poucos ou practicamente ningún resultado positivo, agás para os que atoparon na violencia de xénero un rendible negocio, polo que é impensable que baixen das súas peanas e se dignen a falar, a interactuar, coas que vivimos o día a día da violencia machista, de quen a sufre.
Tan só contemplan o diálogo entre “iguais”,entre os que manexan datos, estatísticas, orzamentos e teorías para arriba e para abaixo, sen entrar en razón e admitir que a loita contra a violencia machista non se pode facer soamente desde os despachos, baseándose tan só en títulos e diplomas, e menos ainda en cargos, aos que se pode chegar por moitas e diversas razóns coma todos sabemos.
Que se queira admitir é outra cousa.
O certo é que, ao fío de todo isto que estou a contar, non puiden evitar que me viñera a mente o recordo dunha campaña do goberno galego que comezou a levarse a cabo hai poucos anos, dous ou tres, creo lembrar, para, supostamente, previr e sensibilizar ao movemento veciñal, destiñada básicamente a entidades deste eido, en canto a violencia de xénero, xa que, alegaban, a proximidade pode xogar un papel fundamental para detectar as vítimas, a vez que animaban a cidadanía a denunciar.
Foron, como é lóxico deducir, moitos os miles de euros que se invertiron nesa campaña e que contribuiron, eso si, a que as arcas dalgún que outro colectivo veciñal se viran un pouco mais cheas, ademais de actos mediáticos, fotos nos medios, e amplo desplegue de dípticos e outro material informativo que, evidentemente, custaron moitos cartos, pero, unha vez mais, non sei se dicir que a casa se comezou a construir polo tellado, ou que, directamente, se pasou do mais imprescindible e razoable: Preocuparse de formar ao persoal implicado da necesidade prioritaria de preservar o anonimato da testemuña denunciante, por mais que hai cousas, situacións, que non debería ser preciso que ningunha norma as dictara, que se terían que dar por sentadas, pero claro, o que debería ser, e o que realmente é non sempre coincide.
Alguén implicado neste tema, no seu sano xuizo, se parou a pensar en que situación se atopa un veciño que, despois de denunciar a outro que é, ademais, agresivo, se queda libre, se atopa con él?.
E se a parella, como, por desgraza, as veces sucede, retoma a relación?. Qué é o que debe facer, se, por exemplo, se cruzan no portal?, Saudalo coma se nada?. (“Bo día Paco!, menos mal que hoxe non chove!. Qué, como che vai desde que te denunciei?. Se che apetece despois nos tomamos unhas cañas!”). Pregar para que non lle parta a cara ou algo peor?.
Un pouco de sensatez, por favor!.
Ante un panorama tan desolador, non é de estrañar que moita xente, ainda escoitando unha agresión parede con parede, opte por calar, ante o temor de que, de dar a voz de alarma, o número de vítimas pase de unha a duas.
Francamente, se alguén me asegura que isto non é para perder a esperanza, vai ter moi difícil convencerme, porque se falla a base, nada se pode sustentar.
Nin todos os orzamentos do mundo poden evitar o fracaso, como xa se está vendo.
É moi doado botarlle a culpa a sociedade, a eses cidadáns e cidadanas aos que moitas veces censuramos non dar un paso adiante e denunciar que unha muller, unha veciña, está a ser maltratada. É moi dodado acusalos de ser cómplices, co seu silencio, do agresor.
Teño que recoñecer que eu mesma o fago as veces, levada pola impotencia, pola indignación que me produce ver a unha muller destrozada, que foi vítima non soamente do seu maltratador se non de aqueles que, sabendo, calaron, pero cando me paro a reflexionar, non podo deixar, de, en certa maneira entendelos.
E mais, como podemos agardar que se teña nin a mais mínima consideración coas testemuñas se, en non poucas ocasión é a propia vítima a que, despois de denunciar, co sobrehumano esforzo que para isto ten que facer, fica completamente desprotexida?.
Sinceramente, hai días nos que penso que xa non podo aturar mais tanto marketing, tanta campaña, tanto espectáculo, nunha palabra, mentras se ignora por completo que o mais básico está fallando.
Ogallá algún día a situación mude, malia que, francamente, teño serias dúbidas.
Eso si, namentres, si vostede é testemuña dunha agresión machista, denuncie, e despois, pregue para que non lle pase nada, porque, polo menos de momento, ninguén lle vai axudar a evitalo.