Votar o día 25 de maio..., claro que si. As razóns son tantas e tan importantes que o espazo sempre sería curto para explicalo. Mais aínda así partillarei algunhas, para min, decisivas.
- Porque Europa debe ser un espazo de traballo, liberdade, igualdade, cultura, benestar e paz, ao servizo das persoas e dos pobos.
- Porque quero que os impostos das persoas que si pagan, sirvan para dereitos básicos: Educación, saúde, benestar social, vivenda, e un longo etcétera de servizos públicos.
- Porque quero que as transaccións financeiras, a fraude fiscal, o diñeiro negro de operacións delitivas estean vixiadas e controladas por lei e paguen impostos. Para cando a aplicación da taxa Tobin?
- Porque a riqueza de pobos, idiomas, culturas que existen e viven na Europa teñen que ser recoñecidas e deben construír unha Europa de pobos e persoas en liberdade.
- Porque Europa debe ser portadora e transmisora, nun mundo múltiple e diverso, de valores de paz, intercambio igual, economía social e liberdade.
- Porque o novo tratado de libre comercio, pendente de asinar, debe ser presentado á cidadanía e votado en referendo, xa que os seus contidos poñen en perigo a alimentación saudábel, a agricultura, a natureza é un longo etcétera..., de razóns.
- Porque a igualdade de oportunidades, de vida, de dereitos reprodutivos e sexuais para as mulleres deben ser normativas obrigadas e comúns a todos os Países e Estados da U.E.
- Porque non quero un Presidente da comisión que ampare o secreto bancario, que protexa os paraísos fiscais e que defenda o reparto desigual da riqueza.
- Porque non é certo que existan dúas Europas: a do traballo, no norte, e a do despilfarro e vagancia, no sur.
- Porque directivas, regulamentos e decisións económicas, políticas, etc..., que se votan e deciden na Europa marca a nosa vida diaria; e por iso, ademais de protestar e traballar desde a denuncia quero, como cidadá, participar na construción dunha alternativa ben diferente da que hoxe ten a gobernanza europea. E mesmo se na Galiza as forzas políticas propias non puideron ou souberon darlle á cidadanía un único proxecto común esperanzador e mais eficaz e útil, mesmo asi o domingo 25 votarei para que a Europa da luz, da ledicia, das persoas e dos pobos sexa unha realidade cada vez mais nosa.